político español, ministro de Economía co PSOE From Wikipedia, the free encyclopedia
Pedro Solbes Mira, nado en El Pinós (Alacant) o 31 de agosto de 1942[1] e finado en Madrid o 18 de marzo de 2023, foi un político do Partido Socialista Obrero Español. En dúas etapas diferentes foi ministro de Economía e tamén foi comisario europeo baixo o mandato de Romano Prodi de 1999 a 2004.
Tras cursar os seus estudos de bacharelato en Alacant, doutorouse en ciencias políticas pola Universidade Complutense de Madrid. Era tamén licenciado en Dereito pola Universidade Complutense e diplomado en Economía Europea pola Universidade Libre de Bruxelas.
Desde 1968 ocupou distintos postos como técnico comercial do Estado na Administración española. Foi un dos membros da “task force” para a negociación de adhesión de España á Comunidade Europea e a finais de 1985 foi nomeado secretario de Estado para as Relacións coa CE.
En 1991 foi nomeado ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación e entre 1993 e 1996[2] ocupou o posto de ministro de Economía e Facenda. Como tal foi presidente do Consello “Ecofin” durante a presidencia española da UE no segundo semestre de 1995.
Nas eleccións xerais de marzo de 1996 foi elixido deputado pola provincia de Alacant e durante o seu período no Congreso dos Deputados presidiu a Comisión Mixta do Parlamento español sobre a UE.
En setembro de 1999 foi nomeado membro da Comisión Europea, e confióuselle a carteira de Asuntos Económicos e Monetarios. Durante este período a súa actividade principal foi a introdución do euro e o reforzo da coordinación das políticas económicas na Unión Europea.
Desde abril de 2004 até abril de 2009 foi vicepresidente segundo e ministro de Economía e Facenda[3] no Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero durante a VIII Lexislatura. En xaneiro de 2007 foi premiado polo diario económico El Boletín polo seu labor como membro do Goberno español durante o ano 2006. El Boletín destacou os seus méritos para acadar crecemento económico, creación de emprego, superávit nas contas estatais e o control da débeda pública.
Seguiu no cargo ao iniciarse a IX lexislatura, a segunda de Rodríguez Zapatero, que coincidiu co estalido da crise económica que provocou unha gran perda de postos de traballo e un incremento do paro.[4]
Tras a remodelación do Goberno o 7 de abril de 2009, Solbes foi relevado por Elena Salgado en ámbolos dous cargos.[5] O presidente Zapatero expresou o seu agradecemento pola súa "exemplar dedicación, dedicación e tesón",[6][7] aínda que medios conservadores nacionais e internacionais afirmaron que a súa substitución se debera ás súas discrepancias co presidente sobre como afrontar a crise.[8][9] Tamén abandonou o Ministerio David Vegara, secretario de Estado, que era o seu número dous.[10]
A seguir, pouco despois ao rematar o período de dous anos de incompatibilidade que marcaba a lei, a principios de abril de 2011, Pedro Solbes foi nomeado membro do consello de administración da eléctrica italiana Enel, propietaria de Endesa[11] e dous meses máis tarde do banco británico Barclays España.[12]
En 2018, interveu na Comisión de Investigación do Congreso dos Deputados sobre a crise financeira de 2008. Nela recoñeceu varios erros na súa xestión durante a súa etapa como vicepresidente do Goberno. Na súa opinión: "tería sido desexable unha política fiscal máis restritiva" durante o período anterior á crise que reducise aínda máis a débeda pública. Admitiu algunhas discrepancias co presidente Zapatero nas medidas contra a crise. En síntese, declarou: «Asumo a culpa que teño na crise; Encargueime de coller un tren que aceleraba e aceleraba máis, pensabamos que tiñamos máis tempo para desacelerar pero quedamos sen vía. Non poderiamos facer un axuste máis suave. Si, fun responsable e debería ser máis valente na promoción do superávit orzamentario».[13]
En 2013, publicou a súas memorias tituladas Recuerdos. 40 años de servicio público.[14]
Faleceu en Madrid o 18 de marzo de 2023 aos 80 anos de idade.[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.