From Wikipedia, the free encyclopedia
Pasquale Paoli (ou Pascal Paoli, en francés), nado en Morosaglia o 6 de abril de 1725 e finado en Londres o 5 de febreiro de 1807, foi un militar e político corso, considerado polo nacionalismo corso como "O Pai da Patria" (en corso, U Babbu di a Patria).
Nome orixinal | (fr) Pascal Paoli (co) Pasquale de Paoli |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 6 de abril de 1725 Morosaglia (República de Xénova) |
Morte | 5 de febreiro de 1807 (81 anos) Londres, Reino Unido |
Actividade | |
Ocupación | político, oficial |
Membro de | Royal Society (1774–) |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneralísimo |
Obra | |
Arquivos en |
|
Familia | |
Cónxuxe | sen valor |
Premios | |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Biblioteca dixital BEIC Yuzhakov Big Encyclopedia (en) |
O seu pai, Giacinto Paoli, orador e poeta, foi un dos Xenerais do Pobo, que se rebelaron contra o dominio xenovés da illa. Desde os 14 anos viviu exiliado coa súa familia en Nápoles. Enrolouse no Rexemento Corso, dentro do Exército Real Napolitano, servindo en Calabria xunto ao seu pai, obtendo a formación militar que lle erguería ao liderado do exilio corso e do independentismo da illa respecto á República de Xénova. Desta época provén unha coñecida cita de Paoli, empregada polo Risorgimento, na que resaltaba o concepto de nación italiana, polo que resulta un dos antecedentes do pensamento do movemento de unificación deste país:
(Os corsos) somos italianos de nacemento e sentimentos, pero antes de nada sentímonos italianos por lingua, costumes e tradicións... E todos os italianos somos irmáns perante a Historia e perante Deus.... Como corsos non queremos ser servos nin "rebeldes" e como italianos temos o dereito a ser tratados igual que os demais italianos.... Ou non seremos nada... Ou vencemos con honra ou morreremos coas armas nas mans... A nosa guerra de liberación é santa e xusta, como santo e xusto é o nome de Deus, e aquí, nas nosas montañas, rexurdirá para Italia o sol da liberdade. — Discurso de Pasquale Paoli tras chegar a Nápoles en 1750 —
Este inicial italianismo foi derivando cara a un claro nacionalismo corso.
Elixido Xeneral en Xefe da República Corsa independente, título equivalente ao de presidente (1755-1769), loitou contra os restos do dominio xenovés e contra a ulterior invasión francesa[1]. Fixou a capitalidade da nova república na localidade de Corte, onde fundouse en 1765 a súa celebre Universidade[2]. Foi un dos primeiros dirixentes en Europa en establecer un réxime de inspiración democrática cunha constitución. Polo Tratado de Versalles de 1768, a illa pasou aos franceses, que derrotaron ás tropas de Paoli en Ponte Novu o 9 de maio de 1769, tras unha inicial vitoria corsa na batalla de Murato, que se celebrou entre o 3 e o 6 do mesmo mes. Paoli embarcou con trescentos homes en Porto Vecchio o 11 de xuño, marchando ao exilio; ao día seguinte, Lois XV incorporou Córsega a Francia como unha provincia.[3]
Exiliado no Reino Unido, en 1790 volveu á Corcega e foi nomeado gobernador de Bastia pola Convención Revolucionaria francesa. En 1793 sublevouse e pediu o apoio británico[4][5] para proclamar a independencia en 1794 co nome de Reino de Córsega ou Reino Anglo-Corso, un protectorado no que se lle recoñecía a xefatura do Estado como rei a Guillerme III de Inglaterra[6], un pouco ao estilo do Reino de Irlanda, que tomou coma exemplo. Paoli, co grao de Xeneral e a axuda británica, liderada polo Tenente-Xeneral Sir John Moore, expulsou os franceses da illa, malia a súa idade e a recente perda do seu irmán[7]. As tensións co novo vicerrei, sir Gilbert Elliot, remataron por illalo politicamente e animárono a exiliarse novamente a Londres o 14 de outubro de 1795. Non volvería regresar a Córsega, que foi invadida polo exército francés en 1796 e incorporada definitivamente a Francia.
Os seus derradeiros anos na capital británica apenas dedicounos a observar a situación política xeral, falecendo en 1807 e sendo enterrado no cemiterio de Saint-Pancras. En 1889 os seus restos foron trasladados á súa Morosaglia natal[8]. A Abadía de Westminster contén un busto e un cenotafio á súa memoria.
Adoitase especular sobre a influencia que puido ter sobre un mozo Napoleón Bonaparte (nado apenas unhas semanas despois da primeira incorporación da illa a Francia, en 1769), que vía ao seu paisano como un exemplo [9]. O propio emperador francés citouno cando, para referirse ao carácter do pobo inglés, afirmou que "carecen en absoluto de nobreza. Como me dixo Paoli, «sono mercanti», é un pobo de tendeiros"[10].
Tivo unha importante repercusión na historia tanto a nivel nacional corso, pois é considerado o pai da nación corsa, coma polas súas achegas á constitución dos Estados Unidos de América. Como mostra de agradecemento a estas achegas, foron fundadas diferentes cidades co seu nome como é o caso de Paoli City en Colorado, Indiana ou Pensilvania. O nacionalismo corso reivindica a súa figura, especialmente en actos nos que se pretende salientar o negativo da ocupación francesa[11].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.