Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Parque Xurásico (en inglés: Jurassic Park) é un filme de 1993, dirixido por Steven Spielberg e con guión baseado no libro homónimo de Michael Crichton. É o primeiro filme da franquía Jurassic Park, e o guión foi escrito entre Crichton e David Koepp. O filme está ambientado na illa ficticia de Nublar, localizada na costa pacífica de América Central, preto de Costa Rica, onde un filántropo billonario e o seu equipo de científicos xenetistas crearon un parque temático de dinosauros clonados.
Parque Xurásico | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Jurassic Park |
Director | Steven Spielberg |
Produtor | Kathleen Kennedy Gerald R. Molen Steven Spielberg |
Guión | David Koepp Michael Crichton |
Baseado en | Jurassic Park de Michael Crichton |
Intérpretes | Sam Neill Laura Dern Jeff Goldblum Richard Attenborough Joseph Mazzello Ariana Richards Samuel L. Jackson Bob Peck Martin Ferrero Wayne Knight |
Música | John Williams |
Fotografía | Dean Cundey |
Montaxe | Michael Kahn |
Estudio | Amblin Entertainment |
Distribuidora | Universal Pictures |
Estrea | 1993 |
Duración | 127 minutos[1] |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Ficción científica |
Orzamento | $63 000 000[2] |
Recadación | $1 029 153 882[2] |
Filme seguinte | The Lost World: Jurassic Park |
Na rede | |
Antes de que a novela de Crichton fose publicada, catro estudios de cine fixeron propostas polos dereitos do filme. Co apoio de Universal Studios, Spielberg conseguiu os dereitos por $1,5 millóns antes da súa publicación en 1990, e Crichton foi contratado por $500 000 adicionais para adaptar a novela á pantalla. Koepp escribiu o borrador final, eliminando contidos e violencia da novela e facendo numerosos cambios nas personaxes. A rodaxe tivo lugar en California e Hawaii entre agosto e novembro de 1992, e o traballo de posprodución durou até maio de 1993, sendo supervisado por Spielberg en Polonia mentres rodaba A lista de Schindler. Os dinosauros foron creados por unha innovadora tecnoloxía de xeración de imaxes por ordenador de Industrial Light & Magic, e grazas a dinosauros animatrónicos construídos polo equipo de Stan Winston. Para o deseño de son do filme, que inclúe unha mestura de diferentes sons de animais para os ruxidos de dinosauros, Spielberg investiu na creación de DTS , unha empresa especializada en formatos de son dixitais.
Contanto cunha xigantesca campaña de mercadotecnia de $65 millóns, que incluía acordos con máis de 100 compañías, Parque Xurásico recadou máis de $900 millóns en todo o mundo na súa estrea, converténdose no filme con maior recadación até aquela data, un récord que mantivo até 1997, coa estrea de Titanic. Foi moi ben acollido pola crítica, que louvou os seus efectos especiais, a música de John Williams e a dirección de Spielberg. Despois da súa re-estrea no 2013 en versión 3D co gallo do seu 20 aniversario, Parque Xurásico converteuse no filme número 17 en superar a recadación de máis de $1000 millóns, e situouse entre os 20 filmes con maior recadación da historia. Conseguiu máis de 20 premios (incluíndo 3 Premios Óscar), a maioría deles técnicos. O seu éxito motivou tres secuelas, The Lost World: Jurassic Park (1997), Jurassic Park III (2001) e Jurassic World (2015). Unha quinta entrega da franquía, Jurassic World: Fallen Kingdom foi estreada en 2018.
John Hammond, presidente dunha empresa de biotecnoloxía chamada InGen, consegue o imposíbel: clona dinosauros a través de ADN extraído dun mosquito fosilizado en ámbar. Envisionando un lucrativo negocio, constrúe nunha illa costarriqueña chamada Illa Nublar, unha especie de zoolóxico cos dinosauros. Entre tanto, os executivos esixen unha inspección do parque por dous especialistas. Entón Hammond convoca ao paleontólogo Alan Grant e ao matemático Iam Malcolm. Xunto con eles, Ellie Sattler, a namorada de Grant, os netos de Hammond, Alex e Tim, e o avogado Donald Gennaro. Durante a visita, o controlador Denis Nedry, subornado pola rival da InGen, desconecta todo o parque a fin de roubar os embrións de dinosauros. Cos animais soltos, todos deben tentar escapar con vida.
Parque Xurásico foi o filme máis visto da TVG, até que o 5 de xaneiro de 2005, Harry Potter e a pedra filosofal lle arrebatou o récord.[3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.