Os paramecios son protozoos ciliados do xénero Paramecium, que viven en augas doces estancadas con abundancia de materia orgánica. Son uns protozoos ovalados [1] de 50 a 350 microns de lonxitude segundo a especie, probablemente uns dos seres unicelulares mellor coñecidos e máis estudados. No se deben confundir con Blepharisma, que é un xénero parecido.
Paramecio | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Paramecium aurelia | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
Paramecium aurelia |
Teñen numerosos cilios que cobren toda a súa superficie e que lle dan mobilidade, os da parte posterior algo maiores. Tamén ten cilios no citostoma, que son un pouco máis grandes e lle axudan a capturar o alimento. Para moverse cara a adiante os seus cilios baten nun ángulo de 120 graos, cara a atrás todos ao unísono. O paramecio móvese facendo espirais pola auga. Pode moverse tamén para atrás se os cilios baten formando un ángulo cara a adiante todos á vez. Se choca contra un obxecto recúa, xírase lixeiramente e vai de novo para adiante, repetindo isto ata que salva o obstáculo. Pode moverse nun segundo unha distancia 12 veces maior que o seu tamaño.
A membrana externa absorbe e expulsa regularmente auga do exterior coa fin de controlar a osmorregulación, proceso dirixido por dous vacúolos contráctiles.[2] Está recuberto por unha película, que é unha membrana resistente pero elástica.
Nalgunhas especies como P. trichium hai dous vacúolos contráctiles simples, pero o máis habitual é que estes vacúolos teñan unhas estriacións radiais que lle dan un aspecto de estrela.
Presentan un citostoma, unha especie de invaxinación situada a todo o longo do paramecio coa que captura o alimento, que consiste en partículas orgánicas flotantes e microorganismos menores ca el. O citostoma conduce a unha citofarinxe antes de que o alimento pase ao interior deste protozoo. Son moi visibles os vacúolos dixestivos, onde dixiren o alimento, e despois expulsan por exocitose os refugallos.
Presentan polo menos dous núcleos de distinto tamaño, chamados micronúcleo e macronúcleo. O macronúcleo está no centro e é de gran tamaño e forma alongada, compacto, poliploide, con funcións vexetativas, e o único que transcribe. O micronúcleo é pequeno e máis esférico (en P. aurelia hai dous micronúcleos), non transcribe ARN, pero é o que realiza a meiose e a conxugación.
Reprodución
Poden reproducirse por fisión binaria (mitose) ou por conxugación entre dous individuos. En P. caudatum durante a conxugación únense dous individuos, dexeneran os macronúcleos, os micronúcleos sofren meiose, formando 4 núcleos cada un deles (hai 8 entre os dous conxugates) dos cales dexeneran 3, e os outros dous que quedan divídense unha vez (agora son catro) e fusiónanse cos do outro individuo, formando dous núcleos, un en cada individuo, momento no que os individuos se separan. Unha vez separados hai máis divisións nucleares nas que se rexenera o macronúcleo e o micronúcleo iniciais. Como resultado da meiose e da conxugación houbo unha recombinación e intercambio de xenes.[3] Na conxugación non se unen organismos completos (o que sería singamia) senón só os seus núcleos.
Alimentación
Os paramecios aliméntanse de bacterias, algas e lévedos, e ocasionalmente pódese producir a inxesta de protozoos de pequeno tamaño. Pode detectar quimiotacticamente metabolitos bacterianos presentes no seu medio, e ten receptores superficiais para o folato, acetato e glutamato. Para capturalos incrementa o movemento dos cilios situados arredor e dentro do citostoma creando unha corrente de auga e partículas cara ao seu interior. As partículas de alimento vanse acumulando na citofarinxe e cando hai suficiente cantidade fórmase un vacúolo dixestivo. Os vacúolos dixestivos formados percorren un circuíto específico a través do citoplasma (da parte posterior á anterior da célula) durante o cal o seu contido se dixire encimaticamente, e o alimento dixerido absórbese cara ao citoplasma mentres o vacúolo reduce o seu tamaño. Os restos sen dixerir, cando se chega ao final do circuíto, son expulsados a través dun poro anal.
Para facilitar a captura das súas presas Paramecium pode disparar tricocistes, orgánulos de forma baciliforme que se sitúan en ringleiras e que se disparan en forma de filamentos rematados en punta de frecha e segregan un produto ; este comportamento tamén se utiliza como sistema de defensa.
Hábitat
É un protozoo moi común que se encontra en pozas e estanques de auga doce, cales, regatos, ríos, lagos e encoros. En xeral a súa presenza é abundante en augas estancadas que conteñen materia orgánica en descomposición e que, por tanto, son ricas en substancias nutritivas e abundantes en microorganismos. Recentemente, informouse de novas especies de paramecios atopadas en augas salgadas.[4]
Xenoma
O xenoma de Paramecium foi secuenciado (na especie Paramecium tetraurelia), e presenta evidencias de tres duplicacións de todo o xenoma.[5]
Tamén presenta algunhas variacións con respecto ao código xenético estándar. En Paramecium (e noutros ciliados como Stylonychia), só hai un codón de parada da tradución de proteínas, que é UGA (normalmente hai tres), entanto que os codóns UAG e UAA, que noutros seres son tamén de parada, nos paramecios están reasignados como codóns con sentido que codifican aminoácidos.[6]
Endosimbiose
No Paramecium bursaria prodúcese un caso de endosimbiose. Este protozoo vive en simbiose con algas verdes unicelulares do xénero Chlorella, que se encontran no seu citoplasma e lle dan cor verde ao protozoo [7]. Ademais, P. aurelia ten endosimbiontes bacterianos.[8]
Especies
Na actualidade recoñécense 14 especies dentro do xénero Paramecium, aínda que foron nomeadas máis, que se consideran dubidosas. Os estudos xenéticos están restruturando a clasificación deste xénero. As principais especies son:
- P. aurelia Ehrenberg, 1838
- P. bursaria Ehrenberg & Focker, 1836
- P. calkinsi Woodruff, 1921
- P. caudatum Ehrenberg, 1838
- P. duboscqui Chatton & Brachon, 1933
- P. jenningsi Diller & Earl, 1958
- P. multimicronucleatum Powers & Mitchell, 1910
- P. nephridiatum von Gelei, 1925
- P. polycaryum Woodruff, 1923
- P. putrinum Claparede & Lachmann, 1858
- P. tetraurelia
- P. trichium Stokes, 1885
- P. woodruffi Wenrich, 1928
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.