From Wikipedia, the free encyclopedia
Pandoravirus é un xénero de virus de gran tamaño, cun xenoma maior que o do resto dos virus coñecidos. Como outros virus grandes como Mimivirus e Megavirus, o Pandoravirus infecta a amebas, pero o seu xenoma, que contén de 1,9 a 2,5 megabases de ADN, é unha dúas veces máis grande que o de Megavirus, e difire moito do doutros virus grandes en aparencia e estrutura do xenoma.[1]
Pandoravirus | |||||
---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||
| |||||
Especies | |||||
|
O descubrimento dos Pandoravirus realizado por un equipo de científicos franceses dirixido por Jean-Michel Claverie e Chantal Abergel, publicouse na revista Science en xullo de 2013.[2] Déronlle o nome de Pandoravirus facendo referencia á caixa de Pandora, xa que consideraban que as súas características "fan pensar na caixa de Pandora: abrir esta caixa vai romper verdadeiramente os alicerces do que se sabía sobre os virus ata agora".[3] Outros científicos observaran previamente partículas similares aos Pandoravirus, pero debido ao seu enorme tamaño relativo non se esperaba que fosen virus.[2] En 2008, en Alemaña, o parasitólogo Patrick Scheid, atopou unha destas partículas que vivía en amebas atopadas en lentes de contacto dunha muller que padecía queratite; neste caso documentouse amplamente o seu desenvolvemento dentro do hóspede ameba e o organismo non se confundiu esta vez cunha bacteria e déuselle o nome inicial de "endocitobiontes".[4]
O descubrimento de Mimivirus, un virus de ADN grande nucleocitoplasmático cun tamaño xenómico dunhas 1,1 megabases, realizouse en 1992 pero non se recoñeceu como virus ata 2003, xa que se pensou ao primeiro que era unha bacteria.[5] Megavirus, descuberto en 2011, ten un xenoma de aproximadamente 1,2 megabases.[6]
O descubrimento previo deses virus impulsou a procura doutros virus similares que infectasen a amebas, e como resultado atopáronse dúas novas especies: Pandoravirus salinus, en augas mariñas da costa de Chile, cun tamaño xenómico de 2,5 megabases; e Pandoravirus dulcis, en pozas de auga doce de Australia, cun tamaño xenómico de 1,9 megabases.[2][7]
Os virións de Pandoravirus miden aproximadamente 1 micron de longo e 0,7 de largo, polo que o seu tamaño é similar ao dunha pequena bacteria, e teñen forma de gota. O xenoma da especie máis grande, Pandoravirus salinus, contén 2556 secuencias codificantes de proteìnas preditas, das cales só o 6% estaban relacionadas con xenes doutros organismos.[8] A desemellanza dos restantes xenes con calquera outros coñecidos, levou aos investigadores a especular con que estes virus poden representar unha póla ata agora descoñecida da árbore da vida. Porén, outros expertos consideran que esa suxestión é prematura.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.