Remove ads
serie de televisión galega From Wikipedia, the free encyclopedia
O sabor das margaridas é unha serie de televisión galega do xénero de suspense policial que se estreou na TVG o 3 de outubro de 2018.[1] Está dirixida por Miguel Conde, con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. Estreouse internacionalmente a través de Netflix o 29 de marzo de 2019,[2] sendo a primeira serie en lingua galega distribuída pola plataforma.[3] A serie tivo unha boa acollida no seu lanzamento en streaming, especialmente no Reino Unido e Irlanda, onde conseguiu situarse no sétimo posto das producións en lingua non inglesa máis vistas neses países.[4] O seu éxito, motivou a confirmación dunha segunda tempada por parte de Netflix, cuxa rodaxe comezou en decembro de 2019 e que foi estreada na TVG en marzo de 2020.
Formato | Suspense |
---|---|
Desenvolvido por | TVG, CTV e Comarex de CV |
Dirixido por | Miguel Conde |
Intérpretes | María Mera Toni Salgado |
País de orixe | Galicia |
Lingua(s) | Galego |
Temporadas | 2 |
Episodios | 12 |
Duración | 70 minutos |
Distribuidor | Netflix |
Canle de orixe | TVG |
Primeiro episodio | 3 de outubro de 2018 (TVG) 29 de marzo de 2019 (Netflix) |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Nos Premios Mestre Mateo 2018 gañou o galardón á mellor serie de televisión,[5] estando nomeada a un total de oito categorías.[6]
Ambientada no ano 2010, a historia desenvólvese na véspera da chegada do Papa Bieito XVI a Santiago de Compostela. A acción prodúcese nunha vila illada do interior de Galicia, onde unha moza conflitiva, Marta Labrada, é secuestrada. Rosa Vargas é a axente de policía encargada da investigación do caso, contando coa axuda de dous axentes locais. Porén, o caso non é tan sinxelo como semellaba nun principio e a investigación destapa toda unha serie de crimes que permaneceran ocultos na vila "onde nunca pasa nada".[1]
A rodaxe produciuse en maio de 2018, e rematou o 22 de xuño,[7] con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra e Santiago de Compostela, e nos estudios de CTV en Teo.[7]
A rodaxe da segunda tempada comezou en decembro de 2019.[4]
A serie preestreouse o 1 de outubro de 2018 no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.