From Wikipedia, the free encyclopedia
A National Security Agency (en galego «Axencia de Seguridade Nacional»), máis coñecida polas súas siglas en inglés NSA, é unha axencia de intelixencia estadounidense.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xuño de 2015.) |
Establecida: | 4 de novembro do 1952 |
Axencia anterior | Armed Forces Security Agency |
Director | Tenente Xeneral Keith B. Alexander (US Army) |
Cuartel Xeral | Fort Meade, Maryland |
Presuposto: | Clasificado |
Empregados: | Clasificado |
Dependente do | Departamento de Defensa dos Estados Unidos |
Foi fundada oficialmente o 4 de novembro de 1952 e é responsable de obter e analizar información transmitida por calquera medio de comunicación (SIGINT), e de garantir a seguridade das comunicacións do goberno estadounidense con outras axencias similares doutros países. Pertence ó Departamento de Defensa. As súas actividades de espionaxe inclúen a radiodifusión, tanto de organizacións como de individuos, Internet, e outras formas de comunicación, sobre todo confidenciais. A interceptación de comunicacións seguras inclúe militares, diplomáticos, e outras comunicacións sensibles, confidenciais ou secretas do goberno. A pesar de ser considerada como a organización que máis doutores matemáticos emprega, como propietaria do maior número de superordenadores, e tendo un orzamento moito maior có da CIA, tivo un perfil notablemente baixo ata os últimos anos. Durante moito tempo a existencia desta axencia non foi admitida polo goberno dos EUA. Chegóuselle a coñecer coma No Such Agency (non hai tal axencia).
Por mor do seu labor de espionaxe mediante escoitas, a NSA está fortemente implicada na investigación da criptoanalítica, seguindo o traballo das axencias precursoras que foran responsables de romper moitos códigos e claves durante a segunda guerra mundial (mirar, por exemplo, Código Púrpura, Venona, e JN-25).
A oficina central da Axencia de Seguridade Nacional está en Fort Meade (Maryland), aproximadamente a 16 km ó noroeste de Washington. A NSA ten a súa propia saída na autoestrada Baltimore-Washington, sinalizada como "Só para empregados da NSA". A escala das operacións da NSA é difícil de determinar a partir dos datos desclasificados, pero unha pista é o uso de electricidade da oficina central. O orzamento da NSA para electricidade excede os 21 millóns de US$ por ano, facéndoo o segundo maior consumidor de electricidade do estado de Maryland. As fotos da sede central amosan que hai aproximadamente 18.000 prazas de aparcadoiro no lugar, aínda que se cre que o número de empregados na NSA pode dobrar este número; os empregados están esparexidos por todo o mundo.
O seu programa de comunicacións seguras para o goberno dos Estados Unidos, implicou a NSA na produción de hardware e software de comunicacións e de semicondutores (hai unha planta de fabricación de chips en Fort Meade), na investigación da criptografía, e ten contratos coa industria privada para subministrarlle produtos, equipos tecnolóxicos e até investigación.
ECHELON, como tal, é un programa informático. A Rede Echelon en cambio sería un entramado de antenas, estacións de escoita, radares e satélites, apoiados por submarinos e avións espía, unidos todos eses elementos a través de bases terrestres. O seu obxectivo é espiar as comunicacións mundiais, teoricamente, para loitar contra o terrorismo internacional e o tráfico de drogas. Entre as comunicacións espiadas atópanse os correos electrónicos, fax, comunicacións por cable, por satélite, radio, conversacións telefónicas etc.
Na constitución estadounidense establécese que a NSA non pode espiar dentro dos Estados Unidos, pero como a rede ECHELON participan outros países, a NSA pode pedirlle a información a outros servizos de intelixencia que formen parte de UKUSA, como Gran Bretaña, e sería totalmente legal. Hoxe en día a rede ECHELON é un dos proxectos principais aos que se dedica a NSA.
O 16 de decembro de 2005, o xornal The New York Times deu a coñecer que o presidente George W. Bush dera orde á NSA, nun intento de frear o terrorismo, de realizar escoitas telefónicas a individuos que chamasen fóra dos EUA Esta orde executouse sen a aprobación da autoridade competente, o United States Foreign Intelligence Surveillance Court, un tribunal secreto creado para tal fin baixo a ley de vixilancia de intelixencia exterior (Foreign Intelligence Surveillance Act) do 1978.
No 2009 The New York Times divulgou que a NSA estaba a interceptar comunicacións de cidadáns americanos, incluso de membros do congreso aínda que o departamento de xustiza americano cría que a NSA corrixira os seus erros pasados. O fiscal xeral americano, Eric Holder vólvese ocupar da investigación das escoitas telefónicas de acordo coa lei de vixilancia de intelixencia exterior, pero sen dar explicación do acontecido.
USA, USAF, e USN son os acrónimos de United States Army, United States Air Force, e United States Navy, respectivamente.
A NSA é responsable dos seguintes sistemas de encriptación:
Tipo de Ordenador | Potenxia (en Xigaflops) |
---|---|
Cray T3E-1200E LC1900 | 2.280 |
Cray T3E-900 LC1324 | 1.191,6 |
Cray SVI-18/576 (-4Q02) | 1.152 |
SGI 2800/250-2304 | 1.152 |
HP SuperDome/552-512 | 1.130,5 |
Cray T3E-1350 LC800 | 1.080 |
SGI 3800/400-1064 | 851,2 |
Cray T3E-1200E LC540 | 648 |
Cray T3E-1200E LC540 | 648 |
Cray T3E-1200E LC540 | 648 |
Cray T3E-1200 LC404 | 484,8 |
Cray T3E-1200 LC284 | 340,8 |
Cray X1-6/192 (+1Q03) | 1.966,08 |
Total | 13,572,98 |
Dado a alta confidencialidade da NSA é difícil controlar a veracidade desta información.
Comparativa dos orzamentos das axencias de seguridade dos Estados Unidos en 2013 en miles de millóns de dólares americanos[1]:
A NSA, no marco da seguridade informática dos ordenadores do goberno dos EUA contribuíu co software libre creando varios modificacións de seguridade para Linux baixo o nome de SELinux (Security-Enhanced Linux).
Dende que se revelou a existencia da NSA converteuse, especialmente dende a década dos 1990, en parte da ficción da espionaxe. Moitas das representacións esaxeran as actividades e participación da axencia en distintos eventos. Aparece en libros como Digital Fortress de Dan Brown, Red Storm Rising de Tom Clancy, en series de televisión como Chuck ou Jack 2.0, en películas como xXx, Good Will Hunting, Die Another Day ou The Simpsons Movie e en videoxogos como a saga de Splinter Cell onde é parte fundamental do xogo.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.