From Wikipedia, the free encyclopedia
Muriel Sarah Camberg, nada en Bruntsfield, Edimburgo, o 1 de febreiro de 1918 e finada en Florencia o 13 de abril de 2006, foi unha novelista británica, coñecida como Muriel Spark.
Muriel Camberg naceu en Edimburgo, fillo de Bernard Camberg, enxeñeiro, e Sarah Elizabeth Maud (de solteira Uezzell).[1] O seu pai era xudeu askenazí, nado en Edimburgo de pais inmigrantes lituanos, e a súa nai era inglesa e fora criada como presbiteriana.[2] Estudou no James Gillespie's High School for Girls.[3] En 1934-1935 asistiu a un curso sobre correspondencia comercial no Heriot-Watt College. Deu clases de inglés durante un curto período antes de traballar como secretaria nunha tenda.[4]
En 1937, con 19 anos, comprometeuse con Sidney Oswald Spark, trece anos máis vello ca el, e marcharon vivir a Rhodesia. Casaron en Salisbury o 3 de setembro de 1937.[5] O seu fillo Samuel Robin naceu en xullo de 1938. Meses despois descubriu que o seu marido era maníaco depresivo e sufría ataques violentos. En 1940 Muriel abandonou a Sidney e deixou temporalmente a Robin nun convento, xa que os nenos non podían viaxar durante a guerra. Volveu ao Reino Unido a principios de 1944, establecéndose en Londres.[6] Traballou no Foreign Office, realizando labores de contraespionaxe bélica. Foille concedida a Orde do Imperio Británico.
Comezou a ser coñecida coa súa novela The Comforters (1957), que asinou co apelido Spark; a partir de aí continuou a escribir regularmente, cun estilo punzante e eficaz. Tivo grande amizade con Graham Greene e tamén escribiu en The New Yorker.
En 1954 converteuse ao catolicismo. Tras vivir algúns anos en Nova York mudouse a Roma, onde coñeceu a astista e escultora Penelope Jardine en 1968. A principios da década de 1970 estableceuse na Toscana, na aldea de Oliveto, preto de Civitella in Val di Chiana.
Spark faleceu en 2006 e foi enterrada no cemiterio de Sant'Andrea Apostolo en Oliveto.[7]
En 2008, The Times considerou a Spark a oitava na súa listaxe dos "50 mellores escritores británicos desde 1945".[8] En 2010, Spark foi candidata póstuma ao Lost Man Booker Prize de 1970 por The Driver's Seat.
Spark e o seu fillo Samuel Robin Spark tiveron por momentos unha relación afastada. A relación sufriu cando o xudaísmo ortodoxo de Robin o impulsou a presentar unha petición para que a súa defunta bisavoa fose recoñecida como xudía. Os avós maternos de Spark, Adelaide Hyams e Tom Uezzell, casaran pola igrexa; Tom era anglicano e o pai de Adelaide era xudeu, mais non a súa nai. Adelaide considerábase "xudía xentil". Spark reaccionou acusándoo de buscar publicidade para a súa carreira como artista.[9] O irmán de Muriel, Philip, un activo xudeu, estaba de acordo coa versión da historia familiar dela. Durante unha das últimas sinaturas de libros que fixo en Edimburgo, contou a un xornalista que lle preguntou se volvería ver o seu fillo: "Creo que sei que é mellor evitalo agora" ("I think I know how best to avoid him by now").[10][11][12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.