Mesia
From Wikipedia, the free encyclopedia
Mesia foi o nome de varias provincias romanas creadas na rexión histórica de Mesia (latín: Moesia) polo Imperio Romano. Durante a súa longa historia, a provincia romana de Mesia sufriu varias configuracións que variaron segundo as ameazas externas as que debeu enfrontarse.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Mesía (homónimos).
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Xeografía
Mesia era un país balcánico da Europa antiga, sito entre o río Danubio e o Reino de Macedonia. Cubría unha área hoxe incluída no Norte de Bulgaria e Serbia.
Historia
En principio poboada polos tracios, a rexión acolleu a partir do século -VIII, colonos gregos, que se estabeleceron preferentemente no litoral. No 75 a.C., Caio Escribonio Curión (cónsul 76 a. C.), o procónsul da provincia de Macedonia liderou un exército que chegou ao Danubio e logrou derrotar aos habitantes da rexión, que de feito só foron sometidos por Marco Licinio Craso (cónsul 30 a. C.), neto do Triunvirato e máis tarde procónsul de Macedonia no reinado de Augusto. Pero a rexión só se organizou como provincia romana nos últimos anos do reinado de Augusto. No 6 d. C., aparece a primeira mención dun gobernador provincial, Aulo Cecina Severo (cónsul 1 a.C.). Como provincia, Mesia estaba baixo o mando dun legado consular imperial que probablemente controlaba tamén Acaia e Macedonia.
División da provincia
No ano 86, o rei dacio Duras ordenou ás súas tropas atacar a Mesia romana. O ano seguinte, o emperador romano chegou persoalmente á rexión e reorganizouna en dúas provincias separadas polo río Cibro, ao oeste, Mesia Superior ("Mesia sobre o río") e ao leste Mesia Inferior (tamén chamada "Trácia Ripense" - Ripa Thracia). Cada unha delas estaba rexida por un legado consular imperial e por un procurador romano.
As principais cidades da Mesia Superior eran Singidunum (actual Belgrado), Viminacium (Kostolac), Bononia (Widdin, Vidin) e máis Ratiaria (Arčar). As da Mésia Inferior eran Oescus (ou Colonia Ulpia, hoxe Gigen), Novae (preto de Sistova), Nicopolis ad Istrum (hoxe Nikup), Odessus (Varna) e Tomi (Constanţa onde desterraron ao poeta Ovidio). As dúas últimas eran cidades gregas que formaban un pentápole con Istros, Mesembria (Nesebar) e Apolonia (Sozopol).
Guerras dacias
Desde Mesia, Domiciano planeou as súas campañas futuras en Dacia e, aínda no 87, iniciou unha forte ofensiva contra os dacios, liderada polo xeneral Cornelio Fusco. Así, no verán do 87, Fusco liderou cinco ou seis lexións a través do Danubio. A campaña finalizou sen un resultado decisivo e o rei dácio, Decébalo, rompeu desdeñosamente, no 89, os termos do acordo de paz que fora firmado ao final do enfrontamento.
O emperador Traxano tamén estivo en Mesia e iniciou a súa primeira campaña contra o Reino de Dacia[1] ao redor de marzo-maio do 101, cruzou a marxe norte do Danubio con catro lexións ( X Gemina, XI Claudia, II Traiana Fortis e XXX Úlpia Victrix) derrotando ao exército dacio preto de Tapae, un paso nos Cárpatos. Malia a vitoria, as forzas imperiais resultaron danadas no combate e Traxano aprazou as outras campañas dese ano para permitir que as tropas se recuperaran, recibiran reforzos e se reorganizaran.[2] O inverno seguinte, Decébalo lanzou un contraataque a través do Danubio, pero foi rexeitado. Traxano avanzou e forzouno a someterse o ano seguinte.
Traxano volveu a casa en triunfo e recibiu o título de " Dacicus Maximus". Pero, Decébalo, no 105, invadiu o territorio romano tentando levantar ás tribos do norte nunha rebelión contra o imperio.[3]Traxano volveu novamente ao campo de batalla e, despois de construír unha enorme ponte sobre o Danubio (un deseño de Apolodoro de Damasco), conquistou parte da Dacia no 106, o que deu orixe á provincia de Dacia, veciña de Mesia ao norte do Danubio.
Abandono de Dacia e novas reformas
- Artigo principal: Reformas de Diocleciano.
Ao final do século III, o emperador Aureliano (270 - 275) abandonou a provincia de Dacia aos godos e levou a todos os cidadáns ás rexións romanas ao sur do Danubio, unha rexión da Mesia central que desde entón comezou a chamarse Dacia Aureliana (posteriormente dividida en Dacia Ripense e Dacia Mediterránea). O territorio chamado Dardania (na Mesia Superior) foi transformado nunha provincia especial por Diocleciano, con capital en Naísso (moderna Niš), o lugar de nacemento de Constantino I no 272.
Diocleciano tamén renomeou a Mesia Superior (agás a Dacia Aureliana) como Mesia Prima (ou Mesia I) e dividiu a Mesia Inferior (menos a súa rexión máis occidental) entre Mesia Secunda (ou Mesia II) e a Escitia Menor.
Mesia I
Mesia I foi incorporada pola recentemente creada Diocese de Dacia, que estaba baixo a xurisdición da prefectura pretoriana de Iliria.
Mesia II
Mesia II foi incorporada pola recentemente creada Diocese de Tracia, que estaba baixo a xurisdición da Prefectura pretoriana do Oriente. As súas principais cidades foron Marcianópolis, Odesso, Nicópolis (Nicopol), Abrito (Razgrado), Durostoro (Silistra), Transmarisca (Tutrakan), Sexaginta Prista (Ruse) e Novas, todas hoxe en Bulgaria. Como provincia fronteiriza, Mesia foi reforzada con estacións e fortalezas erixidas ao longo da marxe sur do Danubio e construíuse unha muralla entre Axiópolis e Tomis como unha protección contra os escitas e sármatas. A guarnición da provincia contaba coas lexións I Italica e a XI Claudia, ademais de varias outras unidades de infantaría e cabalaría independentes, así como unha frota no Danubio. O Notitia Dignitatum enumera as unidades e as bases da rexión na década do 390. Na Escitia Menor tamén estaban a I Jovia e a II Herculia.
Despois do 238, Mesia foi frecuentemente invadida ou atacada polos carpos de Dacia e os godos, que invadiron a rexión no 250. Presionados polos hunos, cruzaron de novo o Danubio no 376 durante o reinado de Valente e, co seu permiso, establecéronse en Mesia. Con todo, pronto apareceron problemas e os godos, liderados por Fritixerno, derrotaron a Valente na gran batalla de Adrianópolis. Estes godos son coñecidos como Mesio-Godos, precisamente para quen Ulfilas máis tarde traduciría a Biblia.
Os búlgaros, procedentes de Asia Central, establecéronse en Mesia ao longo do século VI, asimilando, progresivemente, as poboacións locais xa romanizadas (válacos). Pola mesma época, os protobúlgaros, tribos turcófonas, baixo a dirección do khan Asparoukh, instálanse entre o Danubio e os Balcáns, acabando por adoptar mesmo a lingua dos eslavos locais, o eslavónico, que co tempo pasaría a chamarse búlgaro. No século seguinte, no 681, Constantino IV (668–685) viuse obrigado a recoñecer a existencia dun estado búlgaro en Mesia, que posteriormente se convertería no Primeiro Imperio Búlgaro.[4]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.