From Wikipedia, the free encyclopedia
O menisco (do grego mene, 'lúa' e o diminutivo iskos, 'pequena lúa', 'luíña'[1]) é a curva que se forma na superficie dun líquido preto da superficie do recipiente que o contén ou doutro obxecto, causada pola tensión superficial. Pode ser cóncavo ou convexo dependendo do líquido e da superficie sobre a que se forma.
Os meniscos cóncavos fórmanse cando as partículas do líquido son atraídas máis fortemente polo recipiente (adhesión) do que se atraen entre si (cohesión), causando que o líquido "trepe" polas paredes do recipiente. Isto é o que ocorre entre o cristal e a auga. Os fluídos baseados na auga como o zume elaborado de plantas, mel e leite tamén teñen meniscos cóncavos nos recipientes de cristal ou outros recipientes humedecibles.
Inversamente, orixínanse meniscos convexos cando as partículas no líquido teñen unha atracción máis forte entre elas que co material do recipiente.[2] Prodúcense meniscos convexos, por exemplo, entre o mercurio e o cristal nos barómetros[2] e termómetros.
A formación de meniscos utilízase habitualmente na ciencia de superficies para medir os ángulos de contacto e a tensión superficial. Na medida dun ángulo de contacto, a forma dos meniscos mídese cunha balanza ou opticamente cunha cámara dixital. Na medida dunha tensión superficial, a sonda de medida ten un ángulo de contacto de cero e a tensión superficial pode obterse medindo a masa do menisco. Isto faise normalmente cunha placa de Wilhelmy.[3]
Cando se le a altura que alcanza un volume na escala de profundidade dun instrumento cheo cun líquido, como nun aparello medidor do nivel da auga, debe terse en conta o menisco para obter unha medida correcta. A medida debe facerse tendo o menisco ao nivel dos ollos (para eliminar o erro de paralaxe) e no centro do menisco, é dicir, a parte superior dun menisco convexo ou o fondo dun menisco cóncavo.
Os fabricantes de material de vidro de laboratorio e outras ferramentas calibran as súas marcas de medida tendo en conta o menisco. Isto significa que calquera instrumento está calibrado para un determinado líquido, que xeralmente é a auga.
Os meniscos son unha manifestación da acción capilar, pola cal a adhesión á superficie empuxa un líquido pegado a dita superficie cara a arriba, formando un menisco cóncavo ou a cohesión interna pula o líquido cara a abaixo, formando un menisco convexo. Este fenómeno é importante no arrastre transpiracional en plantas. Cando un tubo ou unha abertura estreita, xeralmente chamado tubo de capilaridade, se mete dentro dun líquido e o líquido molla o tubo (cun ángulo de contacto cero), a superficie do líquido dentro do tubo forma un menisco cóncavo, que é unha superficie virtualmente esférica co mesmo raio, r, que o do interior do tubo. O tubo experimenta unha forza cara a atrás de magnitude 2πrσ, onde σ é a tensión superficial do líquido.[4]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.