From Wikipedia, the free encyclopedia
O sapoconcho riscado ou sapoconcho leproso[1] (Mauremys leprosa) é unha especie de tartaruga da familia Geoemydidae semiacuática de auga doce, que vive en ríos e pantanos.[2][3] É unha das dúas tartarugas acuáticas (sapoconchos) autóctonos da Península Ibérica, xunto co sapoconcho común (Emys orbicularis). Abunda sobre todo no sur de España, e vive tamén en Galicia (esencialmente no Baixo Miño), onde é moi escasa. Ademais de na Península, pode encontrarse tamén no norte de África no Magreb. A súa conservación enfróntase aos problemas da degradación do seu hábitat, da súa captura como mascota e da competencia de especies introducidas polo ser humano como a Trachemys scripta elegans.
Sapoconcho riscado | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mauremys leprosa no río Tiétar (Provincia de Ávila, España) | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Non avaliado | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Mauremys leprosa (Schweiger, 1812) | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
Mauremys caspica sbsp. leprosa , Clemmys caspica |
Antes considerábase unha subespecie de Mauremys caspica (tamén chamada Clemmys caspica), polo que recibía o nome de Mauremys caspica leprosa, pero agora considérase unha especie separada.
É carnívora: aliméntase basicamente doutros animais (ras, tritóns, caracois, insectos, vermes, pequenos crustáceos, pequenos peixes, sambesugas etc.) aínda que pode inxerir alimento de orixe vexetal. Só adoitan saír da auga para tomar o sol.
Describíronse dúas subespecies:[4]
Ten unha coiraza ou cuncha de cor verde pardo ou marrón. É ovalada e aplanada, coa quilla vertebral lixeiramente patente. O seu plastrón é amarelo, en ocasións con manchas negras. Algúns exemplares teñen tamén unhas liñas amareladas, alaranxadas ou avermelladas no pescozo. A lonxitude da coiraza é normalmente de 139 a 198 milímetros. Ten 5 placas vertebrais e 4 dorsais. O plastrón é moi diferente ao do outro sapoconcho galego (Emys orbicularis), xa que é ríxido (en vez de articulado), as placas anais son bicudas posterormente (en vez de arredondadas) e menores que as femorais, e teñen placas inguinais (o outro sapoconcho non).[5]
Schweigger, que describiu esta especie en 1812, utilizou o cualificativo de leproso porque os primeiros exemplares que examinou eran vellos e presentaban suturas infectadas nas coirazas que facían lembrar a chagas de lepra entre as escamas. Estes sapoconchos adoitan ter un aspecto moi desgastado e sucio que reforza ese nome: adoitan crecer algas sobre a coiraza e ter a coiraza e a pel desgastados. Ademais os exemplares xuvenís acostuman a ter manchas alaranxadas ou vermellas en espaldares e patas, que tamén poden lembrar a ulceracións.
A especie presenta dimorfismo sexual, xa que os machos son máis pequenos que as femias e teñen as uñas das patas dianteiras máis longas, a cola máis longa e grosa, coa cloaca máis afastada do corpo. O seu plastrón (parte inferior da coiraza) é cóncavo. A femias teñen o plastrón plano, poñen e enterran de tres a quince ovos (é moi variable) que se incuban sós pola temperatura do chan. A casca destes é dura e as nais entérranos en chans brandos. Cando estes eclosionan, as crías adoitan medir dous ou tres centímetros.
Viven en pozas, lagoas, ríos e regatos. Estes sapoconchos son case completamente acuáticos, pero ás veces deixan a auga para descansar e tomar o sol, xa que, como son de "sangue frío", necesitan tomar estes baños de sol para regular a súa temperatura.
Estes réptiles son excelentes nadadores. Durante o día buscan presas para alimentarse e intentan capturalas. Están alerta dos depredadores e da xente e xeralmente asústanse e foxen deles. Bótanse rapidamente á auga desde as rochas onde están descansando se alguén potencialmente perigoso se acerca a elas. Durante o día, acostuman a saír da auga, tomar o sol ata que estean secas e quentes, e despois mergúllanse de novo para se refrescar.
Estes sapoconchos poden hibernar no fondo das pozas ou lagoas pouco profundas durante os meses de inverno. Durante esta época, co frío, os sapoconchos entran nun estado de sopor denominado hibernación, durante o cal deixan de comer e defecar, practicamente non se moven e a súa frecuencia respiratoria redúcese.
O cortexo e as actividades do apareamento ocorren entre marzo e xullo, e lévanse a cabo na auga ou en terra. Durante o cortexo, o macho nada arredor da femia e comeza a mover ou bater as súas patas dianteiras fronte á face da femia, aparentemente tratando de acariñala. A femia continuará nadando cara ao macho e se acepta a súa proposición, comenzarán o apareamento. Se non acepta, mesmo pode iniciar unha pelexa co macho. O cortexo pode durar só 45 minutos, pero o apareamento normalmente leva 3 horas. Ás veces o macho é tan agresivo que pode matar á femia.
En ocasións un macho aparentemente estará cortexando a outro macho. Isto en realidade é un signo de dominio e os machos poden empezar a loitar. Os sapoconchos novos poden levar a cabo a danza de cortexo, pero ata que non cumpren os 5 anos de idade non maduran sexualmente e son incapaces de aparearse.
Despois do apareamento, a femia pasará máis tempo tomando o sol co fin de manterse quente. O período medio ata que pon os ovos é duns dous meses, pero se a femia non encontra un lugar axeitado para colocar os seus ovos, pode durar máis. Unha femia pode poñer de 2 a 20 ovos. Ademais, pode ter varias postas nunha mesma tempada de apareamento. Dependendo de varios factores, cada posta se distanciará de dous a catro semanas das outras. Durante as dúas últimas semanas antes de poñer os ovos, a femia pasa menos tempo na auga, olfacteando e escarvando na terra. Isto indica que está procurando un lugar apropiado para poñer os seus ovos. Para facer o niño, o sapoconcho escavará coidadosamente un burato no sitio elixido coas súas patas traseiras e depositará aí os ovos.
Os ovos teñen unha casa algo rugosa, e incúbanse soterrados durante uns 30 días.[5] A cría, de só 4 gramos, abrirá o cascavello co dente de ovo que lle cae unha hora despois de nacer e nunca volve crecer. Se o sapoconcho non se sente seguro, permanecerá dentro da casca despois de abrila durante un ou dous días máis. Se son forzadas a saír do cascavello antes de que estean listas, regresarán a el se lles é posible. Cando deciden abandonar a casca, levan un pequeno saco adherido á súa barriga, que contén os restos da materia que lle serviu de alimento durante a incubación. O saco cae só e deixa unha pequena cicatriz na coiraza do sapoconcho, que axiña cura.
Os sapoconchos riscados son omnívoros.
Os sapoconchos máis novos tenden a ser carnívoros (comen máis proteína animal), e cando medran vólvense máis herbívoros. Cando teñen menos de 3 anos, necesitan moitas proteínas porque están nunha etapa crucial do seu crecemento. Adoitan alimentarse de grilos, caracois de auga, peixes guppys, miñocas de terra e outros pequenos animais.
Os depredadores que comen a este sapoconcho que se citan son garzas, furóns e ratas.[5]
Estes réptiles son portadores asintomáticos de bacterias do xénero Salmonella.
É unha especie esencialmente mediterránea. Aparece na Península Ibérica (España e Portugal) sobre todo no sur, pero moi escasa ou inexistente no norte. Tamén viven no norte de África (Marrocos, Alxeria e Tunisia) e no sur de Francia (esencialmente na serra de l'Albera pirenaica). En Galicia tamén está rexistrada pero é moi escasa; detectáronse individuos soltos en moitos puntos pero seguramente son animais que escaparon das casas onde as mantiñan como mascotas, e a única poboación que podería ser estable e reprodutora atopouse en pozas do Baixo Miño no concello das Neves (Pontevedra).[5]
Esta especie enfróntase a problemas como a destrución do seu hábitat, a súa captura para tela en catividade e a competencia con especies tropicais introducidas polo ser humano (como o sapoconcho americano). Por este motivo, goza dunha protección especial por parte da Unión Europea e a Convención de Berna.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.