From Wikipedia, the free encyclopedia
A música dos Estados Unidos de Anérica é un reflexo da poboación multiétnica do país nunha ampla gama de estilos. Entre os xéneros de maior recoñecemento internacional orixinarios do país, destacan a marcha, o country, o bluegrass, as chamadas músicas afroamericanas (como o blues, o hip hop, o gospel, o rhythm and blues, o jazz e a música house), a música disco, o ragtime e o rock and roll. Outros xéneros musicais que se orixinaron alí son o pop, o techno, o reguetón, a salsa e o barbershop. Ademais de varios subxéneros, como o dixieland e outras músicas rexionais.
Esta rica herdanza musical é froito de numerosas influencias, entre as que destaca a interacción entre as tradicións clásicas europeas e a vitalidade das expresións rexionais e étnicas. De feito, moitos compositores de música clásica traballaron sobre formas populares.
Son innumerables as cancións e composicións escritas por estadounidenses coñecidas en todo o mundo; como, por exemplo, «Jingle Bells» (1857) e «Parabéns para ti» (1893), ou estándares de jazz como «When the Saints Go Marching In», ademais das que forman parte do Great American Songbook.
Os Estados Unidos representan o maior mercado da industria musical a nivel mundial, cun valor total de 4.372,9 millóns de dólares. No 2011, os Estados Unidos encabezaban a clasificación mundial de vendas globais de música, o que representaba o 26 por cento do total mundial, seguidos polo Xapón, co 25 por cento.[1]
A combinación que fixo MacDowell do romanticismo tradicional con novas formas musicais influíu significativamente en certos compositores que o seguiron, incluíndo ao distinguido neorromántico Samuel Barber (1910-1981). Á vez que MacDowell loitaba por divulgar a música seria entre o público común, o ragtime, un ritmo derivado do dixieland e da música sureña de taberna, levantaba os ánimos en salas e teatros de toda a nación. A primeira música negra en obter gran popularidade, o ragtime, creouse principalmente para o piano, destacando unha síncopa case continua. O compositor máis notable foi Scott Joplin (1868-1917), que escribiu dúas óperas nese ritmo e confiaba en que a súa música resistiría a comparación coa música clásica europea. Con todo, desde o punto de vista histórico, o ragtime é quizais máis importante pola súa asociación co blues. E do blues veu o jazz, a gran contribución dos Estados Unidos ao mundo da música
O blues, cuxa orixe se remonta ás cancións folclóricas de África e á música relixiosa cristiá, é un lamento cun deixe de resignación e frecuente humor. Entre as primeiras grandes voces que se gravaron sobresaíron as de moitas mulleres, incluíndo a Gertrude "Ma" Rainey (1886-1939) e a Bessie Smith (1900-1937). Polo común, o blues moderno é interpretado por pequenas bandas que destacan en primeiro plano a guitarra eléctrica e outros instrumentos, do mesmo xeito que a voz do cantante. Entre os músicos máis populares desta vertente atopábanse Muddy Waters (1915-1984) e BB King (1925-2015).
Cando os músicos de blues e de dixieland depuraron as súas técnicas instrumentais, naceu o jazz, que ten como unha das súas características vitais a improvisación. Polo xeral, os músicos escriben unha estrutura harmónica básica e as outras partes créanse espontaneamente baseándose na música que interpreta o resto do grupo.
Ao redor de 1920, o jazz estendeuse desde o sur conforme os músicos negros se mudaron a Chicago e Nova York. O máis influente dos primeiros músicos de jazz foi o trompetista Louis Armstrong (1900-1971). Nado en Nova Orleáns, un dos berces do jazz, foi o primeiro cantante famoso deste xénero e creador do scat, un recurso que consiste en utilizar a voz como instrumento, cantando sílabas sen sentido. Outro dos máis destacados jazzistas desa xeración foi Duke Ellington (1899-1974). Pianista, director de orquestra, compositor e arranxador, tivo un enorme impacto na composición e execución do jazz.
Cada nova xeración do jazz explorou novas direccións. A principios dos anos 40 xurdiu un complicado estilo chamado bebop, apoiado polo trompetista "Dizzy" Gillespie (1917-1993) e o saxofonista Charlie Parker (1920-1955), o improvisador máis grande do jazz.
Nos anos 60, músicos de jazz como o trompetista Miles Davis (1926-1991) e o saxofonista John Coltrane (1926-1967) experimentaron coas máis variadas influencias musicais. Os máis novos empezaron a introducir ritmos de rock and roll. Logo, nos anos 70, moitos músicos de jazz experimentaron con instrumentos electrónicos e crearon unha mestura de rock e jazz chamada fusión. Nos anos 50, o jazz empezou a gozar de ampla popularidade como un dos bens culturais máis importantes, aumentando o seu auditorio entre os intelectuais e os estudantes de nivel superior. Hoxe é parte da corrente principal do espectáculo nos Estados Unidos, e os concertos de jazz atraen a miles de oíntes cada ano.
O jazz tivo unha influencia enorme sobre toda a gama de música dos Estados Unidos. En ningunha obra se pode observar máis claramente tal influencia que na de George Gershwin (1898-1937), un dos máis prestixiosos compositores deste século. Compositor de cancións populares, Gershwin tamén creou unha serie de comedias musicais para os escenarios de Broadway. Os seus traballos máis notables convertéronse en clásicos modernos, sendo os primeiros en incorporar con éxito o jazz a formas tomadas da tradición europea. Entre eles están o concerto Rhapsody in Blue (1924) e a ópera Porgy and Bess (1935).
Desde os anos 40, os compositores tenderon a desprazarse en moi diversas direccións. Algúns recorrendo directamente a influencias tradicionais e á cultura popular, conseguiron fama a través das súas partituras para comedias musicais. Herdeira dos antigos minstrel shows e a ópera lixeira, a comedia musical converteuse nunha forma orixinal de entretemento onde se combinan a canción, o baile, a comedia e o drama. Entre os duetos compositor-letrista de maior éxito atópanse Richard Rodgers e Óscar Hammerstein, autores de Oklahoma! (1943) e de Carrusel (1945).
Popularizado nos seus inicios por músicos brancos, quen durante os anos 50 interpretaban unha mestura de góspel sureño, música country e rhythm and blues negro, o rock and roll converteuse moi rapidamente nunha segunda lingua da mocidade. Elvis Presley (1935-1977) foi o primeiro "rei do rock 'n roll", con vendas que excedían os 500 millóns de discos, e o primeiro músico de rock ao que os seus admiradores en todo o mundo outorgaron un nivel case mitolóxico.
Bob Dylan (nacido en 1941) xurdiu como un dos principais compositores e intérpretes durante a explosión de música folclórica que experimentaron os Estados Unidos a principios dos anos 60. As súas cancións de protesta chegaron a ser himnos do cambio social, e exerceron unha influencia extraordinaria sobre outros músicos e escritores. Os anos 60 tamén foron testemuñas do nacemento do son motown, o irresistible rhythm and blues de Detroit. Entre as súas estrelas rutilantes sobresae Diana Ross (nada en 1944).
Outro estilo do sur que empezou a obter ampla popularidade foi a música country, dominada sobre todo polos músicos establecidos en Nashville, como Willie Nelson (nacido en 1933), e o bluegrass, unha mestura de folclore, blues e música country. O bluegrass aumentou o seu auditorio grazas ás cancións de Bill Monroe (1911-1996), entre outros.
O rock and roll pareceu perder o seu impulso case revolucionario nos anos 70 e 80. Aínda así, algúns artistas sobresaíron, entre eles o compositor e guitarrista Bruce Springsteen (nacido en 1949), o cantante e compositor Stevie Wonder (nacido en 1950), e o vocalista Michael Jackson (1958-2009). En 1985, millóns de persoas participaron nos concertos en prol da vida, un esforzo das estrelas pop e de rock por recadar diñeiro e víveres para combater a fame negra en África.
Por último, nos anos 90 o cantante Kurt Cobain revolucionou a música cando a súa banda (Nirvana) lanzou o disco Nevermind en 1991, co que se converteu nun dos cantantes máis importantes e influentes de todo o mundo.
Poucos compositores identificaron tanto a súa obra cos temas e ritmos estadounidenses como Aaron Copland (1900-1990). O seu traballo exemplifica a tendencia de moitos compositores modernos a escribir música para unha ampla gama de propósitos: orquestra, películas, radio, sesións de gravación, para o ensino elemental e a escola superior. Algunhas das súas pezas de concerto máis frecuentemente interpretadas compuxéronse para o ballet, como a suite "Billy the Kid" (1938) e "Primavera nos Apalaches" (1945).
Moitos outros compositores experimentaron radicalmente con música antitradicional, a cal non foi facilmente aceptada pola maioría do público que gusta das orquestras. Aínda que mentres viviu foi practicamente descoñecido, Charles Ives (1874-1954) é agora recoñecido como un innovador importante. Moitos críticos consideran a Elliott Carter (1908-2012) como o compositor estadounidense máis destacado da súa xeración. John Cage (1912-1992) é notable porque deixa algúns elementos das súas obras ao azar, e tamén porque mestura músicos con aparellos electrónicos. A finais dos anos 70 e xa nos 80, Philip Glass (nacido en 1937) alcanzou recoñecemento entre os máis novos compositores "minimalistas"; característica da súa obra é a excéntrica ópera Einstein na praia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.