linguas das Illas Ryukyu From Wikipedia, the free encyclopedia
As linguas ryukyuanas (琉球語派 Ryūkyū-goha?) son as linguas indíxenas das illas Ryukyu faladas polo pobo ryukyu, que se atopan na zona máis meridional do arquipélago xaponés.[1][2] Xunto coa lingua xaponesa e a hachijō, conforman a familia das linguas xapónicas.[1][2] Malia que as linguas ryukyuanas foron consideradas dialectos do xaponés, non son mutuamente intelixibles co xaponés ou mesmo entre elas. Non se coñece cantos falantes hai destas linguas, mais a substitución cara ó uso do xaponés estándar e dialectos como o xaponés de Okinawa fixeron que estas linguas estean en perigo; a UNESCO identifica catro destas linguas "definitivamente en perigo",[3][4][5][6] e dúas outras "gravemente en perigo".[7][8]
A nivel fonolóxico, as linguas ryukyuanas teñen algunhas características infrecuentes. As variedades do sur contan con varias consoantes silábicas, entres as que se atopan fricativas silábicas xordas (v.g., /kss/ [ks:], "peito", na lingua miyako). Son comúns as consoantes glotais (como /ʔma/ [ʔma], "cabalo", na lingua amami). Algunhas linguas ryukyuanas teñen vogais fonémicas centrais (/kɨɨ/, "árbore", tamén en amami). Do mesmo xeito ca o xaponés estándar e a meirande parte dos dialectos nipóns, moitas das linguas ryukyuanas posúen un acento tonal contrastivo.[2]
En xeral, as linguas ryukyuanas teñen unha estrutura SOV, ao igual que o xaponés.[1][2]
As linguas ryukyuanas pertencen á familia lingüística xapónica e están relacionadas coa lingua xaponesa.[9] As linguas ryukyuanas non son mutuamente intelixibles co xaponés, e de feito, non son mutuamente intelixibles entre elas, polo que poden ser consideradas linguas diferentes.[9] Porén, por razóns sociopolíticas e ideolóxicas, teñen sido clasificadas como dialectos do xaponés.[9]
A lingua okinawana é tan só un 71% semellante no léxico ó xaponés de Toquio. Mesmo o máis meridional dos dialectos xaponeses (o dialecto Kagoshima) ten só un 72% de semellanza coa máis setentrional das linguas ryukyuanas, a lingua amami. Porén, o dialecto Kagoshima do xaponés é un 80% semellante lexicamente ó xaponés estándar.[10]
A partir da década de 1890, o goberno xaponés comezou a oprimir as linguas ryukyuanas como parte da súa política de asimilación forzada das illas. Dende o comezo da segunda guerra mundial, a meirande parte dos xaponeses consideran as linguas ryukyuanas como un dialecto ou grupo de dialectos do xaponés. Durante a segunda guerra mundial, nun esforzo por facer conciencia na xente como suxeitos do Imperio do Xapón, non só o grupo ryukyuano, senón tamén o coreano, o palauano e outras linguas foron chamadas "dialectos" do xaponés.[11]
Existe un acordo xeneralizado entre os estudosos de que as variedades ryukyuanas poden ser divididas en seis linguas, conservadoramente,[12] sendo os dialectos de cada illa ás veces considerados tamén propiamente linguas.
Lingua | Nome local | Distribución xeográfica | Dialecto estándar | ISO 639-3 |
---|---|---|---|---|
Kikai | Shimayumita (しまゆみた) | Kikaijima | N/A | kzg |
Amami | Shimayumuta (島口/シマユムタ) | Amami Ōshima e illas menores achegadas | Naze | ams, ryn |
Tokunoshima | Shimayumiita (シマユミィタ) | Tokunoshima | Tokunoshima | tkn |
Okinoerabu | Shimamuni (島ムニ) | Okinoerabujima | N/A | okn |
Yoron | Yunnu Futuba (ユンヌフトゥバ) | Yoronjima | Yoron | yox |
Kunigami | Yanbaru Kutuuba (山原言葉/ヤンバルクトゥーバ)[13] | Norte da illa de Okinawa (rexión de Yanbaru), e illas menores achegadas | Nago | xug |
Okinawano | Uchinaaguchi (沖縄口/ウチナーグチ) | Centro e sur da illa de Okinawa e illas menores achegadas | Tradicionalmente Shuri, moderna Naha | ryu |
Miyako | Myaakufutsu (宮古口/ミャークフツ)[14] Sumafutsu (島口/スマフツ) |
illas Miyako | Hirara | mvi |
Yaeyama | Yaimamuni (八重山物言/ヤイマムニ) | illas Yaeyama (agás Yonaguni) | Ishigaki | rys |
Yonaguni | Dunan Munui (与那国物言/ドゥナンムヌイ) | Illa de Yonaguni | Yonaguni | yoi |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.