From Wikipedia, the free encyclopedia
Valerie June Carter Cash, nada en Maces Spring (Virxinia) o 23 de xuño de 1929[1] e finada en Nashville o 15 de maio de 2003,[2] foi unha cantante compositora, actriz, cómica e filántropa estadounidense. Tocaba a guitarra, o banxo e a autoarpa. Carter Cash gañou cinco premios Grammy e foi incluída no Salón da Fama da Música Cristiá en 2009.[3]
June Carter Cash naceu como Valerie June Carter en Maces Spring, Virxinia, filla de Maybelle Carter (de solteira Addington) e Ezra Carter. Os seus pais eran intérpretes de música country e comezou a actuar con Carter Family desde os dez anos en 1939. En marzo de 1943, xunto coa súa nai e as súas irmás Helen e Anita formaron o grupo Mother Maybelle and the Carter Sisters. A pesar de non posuír o talento vocal das súas irmás desenvolveu un don especial para a comedia.[4]
En 1950 integrouse no grupo Opry, formado por diversos artistas que facían xiras. Alí a familia fíxose amiga de Hank Williams, Elvis Presley e Johnny Cash, con quen comezou a establecer unha complicada relación. Coa súa complexión delgada, June con frecuencia optaba polas actuacións cómicas do grupo, ao lado de estrelas como Faron Young e Webb Pierce.
Casou tres veces, primeiro co cantante de honky tonk Carl Smith o 9 de xullo de 1952, de quen se divorciou en 1956. Tiveron unha filla, Rebecca Carlene Smith.[5] O 11 de novembro de 1957 casou co camioneiro Edwin «Rip» Nix, con quen tivo outra filla, Rozanna (Rosie Nix Adams). Divorciáronse en 1966. Ambas as dúas fillas son cantantes.
Naqueles momentos June e a súa familia actuaban frecuentemente con Johnny Cash. En 1968 Cash pediulle matrimonio publicamente durante un concerto e casaron o 1 de marzo en Franklin, Kentucky.[6] A parella tivo un fillo dous anos máis tarde, John Carter Cash, tamén cantante e compositor. A relación entre June e Johnny foise vendo afectada pola caída de Cash na drogadicción e o alcoholismo, dos que logrou recuperarse grazas á axuda de June e da súa familia.
En 1997 participou como actriz no filme The Apostle, de Robert Duvall.
June faleceu o 15 de maio de 2003 en Nashville (Tennessee), polas complicacións que seguiron a unha operación a corazón aberto.[2] O seu marido faleceu tan só catro meses máis tarde e a súa filla Rosie un mes despois que Johnny Cash. Os tres foron enterrados xuntos nos Hendersonville Memory Gardens preto do seu fogar en Hendersonville, Tennessee.[7]
O seu último álbum, Wildwood Flower, lanzouse postumamente en 2003 e gañou dous premios Grammy.[8] Contén extractos da filmación das sesións de gravación que tiñan lugar na propiedade familiar dos Carter en Hiltons, Virxinia.
En 2003, Country Music Television incluíu a Carter na súa lista das "40 mellores mulleres da música country".[9]
June Carter foi interpretada por Reese Witherspoon en Walk the Line, unha película biográfica de 2005 de Johnny Cash (interpretado por Joaquin Phoenix). A película centrouse en gran medida no desenvolvemento da súa relación ao longo de 13 anos, desde o seu primeiro encontro até a aceptación da súa proposta de matrimonio. Witherspoon interpretou todas as voces para o papel, cantando moitas das famosas cancións de June, incluíndo "Juke Box Blues" e "Jackson" con Phoenix. Witherspoon gañou un Óscar, un Globo de Ouro, un BAFTA e un premio do Sindicato de Actores á mellor actriz no papel.[10]
A música e actriz Jewel interpretou a June Carter Cash no telefilme Ring of Fire, que se estreou en maio de 2013. A película está baseada nas memorias de John Carter Cash, Anchored in Love: An Intimate Portrait of June Carter Cash.[11]
June foi interpretada por Erin Beute na película para televisión de 2019 Patsy & Loretta.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.