Remove ads
economista austríaco From Wikipedia, the free encyclopedia
Joseph Alois Schumpeter, nado en Trest (Moravia) o 8 de febreiro de 1883 e finado en Taconic (Estados Unidos de América) o 8 de xaneiro de 1950[1], foi un economista austro-estadounidense, ministro de Finanzas en Austria entre 1919 e 1920.
Naceu en Triesch (Moravia, na actualidade pertencente á República Checa) e estudou na Universidade de Viena. Foi pupilo de Friedrich von Wieser. Ensinou Economía durante varios anos nas universidades de Viena, Czernowitz (actual Chernovtsi, Ucraína), Graz e Bonn a partir de 1909. Foi profesor da Universidade Harvard dende 1932.
Destacou polas súas investigacións sobre o ciclo económico e polas súas teorías sobre a importancia vital do empresario, o seu papel na innovación que determinan o aumento e a diminución da prosperidade. Popularizou o concepto de destrución creativa como forma de describir o proceso de transformación que acompaña ás innovacións. Predeciu a desintegración sociopolítica do capitalismo, que, segundo el, se destruiría debido ao seu propio éxito.[2][3] As súas principais obras son: Teoría do desenvolvemento económico (1912), Os ciclos económicos (1939), Capitalismo, socialismo e democracia (1942) e A historia da análise económica (póstuma, 1954).
A principal achega de Schumpeter é a concepción cíclica e irregular do crecemento económico, desenvolvida en 1911 no seu Theory of Economic Development ('Teoría do crecemento económico') mentres daba clases en Czernowitz (actual Chernivtsi, en Ucraína). Nela recolle a súa teoría do “espírito emprendedor” (Unternehmergeist), derivada dos empresarios, que crean innovacións técnicas e financeiras nun medio competitivo no que deben asumir continuos riscos e beneficios que non sempre se manteñen. Todos estes elementos interveñen no crecemento económico irregular.
Despois de ser Ministro de Economía de Austria logo da primeira guerra mundial, cesado, e de dirixir o Banco Biederman, pasou a ocupar varias cátedras universitarias, entre as que está Harvard. Neste último período de docencia completou tres libros máis: Business Cycles (1939), Capitalism, Socialism and Democracy (1942) –onde predixo a caída do capitalismo a mans dos intelectuais– e a súa History of Economic Analysis (1954). Nos dous primeiros centrouse na súa teoría do “espírito emprendedor”, desenvolvéndoa nun ámbito máis global e integrándoa nunha teoría cíclica dos negocios, e outra sobre a evolución socioeconómica.
Así, afirma que no sistema capitalista, o ordenamento económico está establecido da seguinte forma:
Segundo estas teses o sistema capitalista sería estable por si mesmo, perdurando indefinidamente, como unha mentalidade determinada da sociedade e do seu modo de vida. Así mesmo determinou que este proceso psicolóxico veríase alterado como consecuencia da actitude moderna ante a vida familiar, herdanzas, impostos,... Así, para Schumpeter o capitalismo é unha “racionalización” das mentes, a partir da Idade Media e as súas institucións: a Igrexa, o castelo do señor feudal, a comunidade da aldea e os procesos comunitarios de produción, que repetían as secuencias de produción ano a ano. A sociedade vivía nun ambiente “estable” de produción, pertencendo o seu traballo á Igrexa ou ao señor feudal.[4]
Lonxe da independencia e necesidade de competitividade que posteriormente se asentaron, ao que se lle unen os “booms” e depresións. Estes recordan o feito do ciclo económico, que destrúe todo estado de equilibrio que puidera ter establecido por si mesmo. Este ciclo económico non podería ser atribuído a medios exóxenos, como períodos de fame, guerras,... pero que, polo contrario, son necesarios para a evolución do propio ciclo. Así e todo, do mesmo xeito que cada “boom” destrúe o equilibrio, cada depresión tende a establecer un novo. No obstante, para Schumpeter a estabilidade económica non implica nin as garantías do sistema político nin a estabilidade social, polo que unha situación economicamente estable pode darse nun marco politicamente inestable.
Schumpeter atribúe a orixe do capitalismo a unha evolución gradual da sociedade medieval —onde os excedentes produtivos das case autosuficientes comunidades campesiñas pertencían á igrexa e ao señor feudal— cara a unha concepción máis racional do mundo circundante e das institucións políticas. Diferenciou entre progreso económico, estabilidade política e progreso social. Augurou a decadencia do capitalismo —por razóns moi diferentes ás de Marx— vítima do seu esclerosamento interno e do crecente rexeitamento dos intelectuais (cuxa influencia probablemente sobreestimou), e da crecente inxerencia do Estado na planificación económica. Non era partidario da intervención estatal nos mercados, senón da libre concorrencia. Consideraba ao capitalismo o mellor sistema para o progreso económico, pero non atopou nin propuxo a maneira de evitar o seu colapso, inevitable na opinión de Schumpeter.
Recentemente, Robert Jessop, profesor da Universidade de Lancaster Reino Unido, no seu libro, "O futuro do Estado capitalista", define os futuros Estados como 'Estados competitivos schumpeterianos'.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.