Remove ads
poeta español From Wikipedia, the free encyclopedia
José Ignacio Javier Oriol Encarnación de Espronceda y Delgado, coñecido como José de Espronceda, nado en Almendralexo (Badaxoz) o 25 de marzo de 1808 e finado en Madrid o 23 de maio de 1842, foi un poeta do século XIX, considerado como o máis destacado poeta romántico español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de marzo de 1808 Almendralexo, España |
Morte | 23 de maio de 1842 (34 anos) Madrid, España |
Lugar de sepultura | cemiterio de San Justo de Madrid 40°24′07″N 3°43′44″O |
Actividade | |
Ocupación | político, poeta, escritor |
Xénero artístico | Lírica |
Movemento | Romanticismo |
Descrito pola fonte | Svensk uppslagsbok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Эспронседа Хосе де) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
José de Espronceda foi fillo do militar Juan José Camilo de Espronceda y Pimentel, e de María del Carmen Delgado y Lara. Tivo tres irmáns máis, pero morreron novos. Estudou no Colexio de San Mateo de Madrid, onde tivo como profesor a Alberto Lista, ao que seguiu no colexio que fundara. Aos quince anos creou cos seus amigos Ventura de la Vega e Patricio de la Escosura unha sociedade secreta á que chamaron los Numantinos (1823-1825), segundo dicían, para vingar a morte de Rafael del Riego. Denunciado por iso en 1825, foi desterrado a un mosteiro de Guadalaxara durante cinco anos.
Posteriormente viaxou por Portugal, Bélxica, Países Baixos, Francia e Inglaterra —onde namorou de Teresa Mancha, filla do coronel liberal emigrado Epifanio Mancha— en condición de exiliado liberal. Participou nas vagas revolucionarias de 1830 xunto cuns antigos amigos seus. Pouco despois Teresa casou por orde do seu pai co comerciante Guillermo del Amo; porén, atopáronse de novo en París en 1833, regresando xuntos a España xunto con outros liberais, mercede á amnistía declarada pola morte de Fernando VII en 1833. En 1838 Teresa apartouse de Espronceda e pouco despois morreu.
Desde entón Espronceda dedicouse á política e ao periodismo. Enrolouse na Milicia Nacional, chegando a ser Primeiro Tenente da Compañía de Cazadores de Madrid. En 1841 foi nomeado secretario da Legación española en Den Haag e pouco despois foi elixido deputado progresista por Almería. Foi elixido parlamentario ante as Cortes Xerais en 1842 polo Partido Progresista. En 1842 morreu con 34 anos debido a unha difteria na larinxe. Tiña pensado casar con Bernarda de Beruete.
Durante a súa estancia no mosteiro, alentado polo seu mestre, comezou a escribir o poema histórico El Pelayo en oitavas reais, que deixou inacabado. Máis tarde escribiu a novela histórica Sancho Saldaña o el castellano de Cuéllar. En 1840 escribiu un tomo de Poesías que tivo grande éxito e repercusión. A compilación inclúe temas coma o pracer, a liberdade, o amor, o desengano, a morte, a patria, a tristeza, a dúbida ou a protesta social.
Considérase a Espronceda o poeta romántico español por excelencia a causa do seu talante byroniano. A súa poesía presenta ecos da de Lord Byron, sobre todo nos seus dous poemas narrativos máis extensos: El estudiante de Salamanca, sobre o tema do seductor don-xoanesco, que se pode considerar coma un acabado expoñente do xénero romántico lendario, considerado o mellor poema do seu xénero do século XIX, e o incompleto El Diablo Mundo (1841), heteroxéneo poema filosófico onde describe o home coma un ser de inocencia natural que sofre a realidade social e as súas maldades, no que se inclúe o famoso «Canto a Teresa», dedicado á súa amante Teresa Mancha, unha das máis grandes elexías amorosas. Tamén escribiu gran cantidade de poemas curtos, que denominó Canciones, destacando como o máis coñecido a «Canción del pirata»; tamén figuran «A Jarifa en una orgía», «El verdugo», «El mendigo», «El reo de muerte» ou a «Canción del cosaco», todos eles inspirados en personaxes marxinados ou excluídos da sociedade, co que por vez primeira aparece claramente formulado o tema social na lírica española. É tamén digno de mención o poema «Desesperación», obra que toma un ton catastrófico e gris, característico en parte da obra en xeral do poeta estremeño.
No «Himno al sol» e no poema «Óscar y Malvina» acércase tamén á poesía de James Macpherson, inventor do vate céltico Ossian. O estilo máis cultivado polo autor estremeño é algo amante dos efectos retóricos, pero flexible e inspirado nos seus mellores momentos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.