político español From Wikipedia, the free encyclopedia
José Canalejas Méndez, nado en Ferrol o 31 de xullo de 1854 e finado en Madrid o 12 de novembro de 1912,[1] foi un político español, que exerceu o cargo de presidente do goberno entre os anos 1910 e 1912.
Era fillo de José Canalejas Casas, un enxeñeiro e político barcelonés que viñera a Ferrol en 1854 para facerse cargo da Escola de Maquinistas da Armada[2], dirixindo tamén o periódico El Eco Ferrolano[3] e da sevillana María del Amparo Méndez Romero. Instalado coa súa familia en Madrid en 1855 cursou os seus primeiros estudos no Colexio de Santoja e o bacharelato no Instituto de San Isidro. Neno prodixio, traduce ós dez anos do francés ó español unha pequena obra titulada Luis o el joven emigrado. Con só once oficia de correspondente político de prensa baixo o pseudónimo de "El cantor de Mugardos".
Inclinado por igual polas leis e polas humanidades, cursou á vez Dereito e Filosofía e Letras, doutorándose nas dúas carreiras. En 1872 é contratado como axudante da cátedra de "Principios xerais da lingua e Literatura Española". Concursa dúas veces á cátedra de Literatura na Universidade Central de Madrid pero non a consegue. A primeira vez gañounaMarcelino Menéndez Pelayo, e a segunda Antonio Sánchez Moguel.
Chegou a ocupar os máis altos cargos de diferentes institucións. Foi decano do Colexio de Avogados de Madrid e presidente da Real Academia de Lexislación e Xurisprudencia. Formou parte da Academia de Ciencias Morais e Políticas e foi membro de número da Real Academia Española da Lingua.
Simpatizante do Partido Demócrata Progresista, de ideas republicanas, abandonaría estas ideas ao se producir a restauración dinástica dos Borbóns integrándose nas filas do Partido Liberal de Sagasta, entón dirixido por Cristino Martos.
En 1876, Canalejas incorpórase ó Colexio de Avogados de Madrid, adquirindo dende os seus primeiros tempos de exercicio profesional a máis alta reputación. A súa dialéctica era áxil e contundente.
Foi deputado por Soria en 1881 e, posteriormente, por Ágreda, Alcoi e Alxeciras. Ocupou diversos cargos durante a rexencia de María Cristina (1885-1902). Foi, en 1883, subsecretario da Presidencia e a comezos de 1888 Ministro de Fomento. Máis tarde, en decembro, foino de Graza e Xustiza. No período do 17 de decembro de 1894 ó 23 de marzo de 1895 desempeñou a carteira do Ministro de Facenda, e en 1902 a de Agricultura, Industria e Comercio.
En 1910 foi nomeado xefe de goberno tras os dramáticos acontecementos da Semana Tráxica de Barcelona e a caída de Antonio Maura.
A cuestión relixiosa resolveuna na chamada Ley del Candado ("Lei do Cadeado") de 1910, que delimitaba as áreas de influencia da Igrexa e do Estado. Con relación ó problema catalán, propuxo o Proxecto de mancomunidades, en colaboración con Prat de la Riba. Interveu na cuestión marroquí, coa ocupación de Larache, Asilah e Alcazarquivir.
Foi asasinado a tiros en Madrid en 1912 polo anarquista aragonés Manuel Pardiñas Serrano, cando se encontraba mirando o escaparate dunha librería da Porta do Sol.[1][4] Foi soterrado no Panteón de Homes Ilustres de Madrid.
Foi ademais de político, periodista, escritor e conferenciante. En 1875, publicou Apuntes para un curso de literatura latina en dous volumes, en 1888, Derecho parlamentario comparado e en 1910 Estudios sobre las Regalías de la Corona de España. Os seus primeiros triunfos como orador conseguiunos no Ateneo. Foron célebres os seus discursos parlamentarios sobre as reformas militares de Cassola, os de apertura da Academia de Xurisprudencia, as conferencias do casino militar.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.