tributo que non require unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración From Wikipedia, the free encyclopedia
Un imposto é unha clase de tributo (obrigas xeralmente pecuniarias en favor do acredor tributario: goberno central, autonómico ou local) rexido por dereito público, pagado por persoas ou organizacións.
Caracterízase por non requirir unha contraprestación directa ou determinada por parte da administración da facenda (acredor tributario).
Os impostos na maioría das lexislacións xorden exclusivamente pola "potestade tributaria do Estado", principalmente co obxecto de financiar os seus gastos. O seu principio reitor, denominado "capacidade contributiva", suxire que quen máis ten debe achegar en maior medida ao financiamento estatal, para consagrar o principio constitucional de equidade e o principio social de solidariedade.
Os impostos son cargas obrigatorias que as persoas e empresas teñen que pagar para financiar o estado.
Noutras palabras: sen os impostos o estado non podería funcionar, xa que non disporía de fondos para financiar a construción de infraestruturas (estradas, portos, aeroportos, eléctricas), prestar os servizos públicos de sanidade, educación, defensa, sistemas de protección social (desemprego, prestacións por invalidez ou accidentes laborais) etc.
En ocasións, na base do establecemento do imposto encóntranse outras causas, como disuadir a compra de determinado produto (por exemplo, tabaco) ou fomentar ou desalentar determinadas actividades económicas. Desta maneira, pódese definir a figura tributaria como unha exacción pecuniaria forzosa para os que están no feito impoñíbel. A regulamentación dos impostos denomínase sistema fiscal ou fiscalidade.
Os gobernos recadan impostos para:
A recadación dun imposto para o seu gasto nun fin específico, por exemplo a recadación dun imposto sobre o alcohol para sustentar directamente centros de rehabilitación do alcoholismo, é chamado hipotecación. A práctica é a miúdo criticada por ministros de finanzas, xa que reduce a súa liberdade de acción. Algúns economistas consideran que o concepto é intelectualmente deshonesto xa que na realidade o diñeiro é funxíbel.
Os economistas, en especial os neoclásicos, xeralmente sosteñen que todo imposto distorsiona o mercado, resultando en ineficiencia económica. En consecuencia, os economistas buscaron identificar un sistema de impostos que represente unha distorsión mínima no mercado. Unha teoría popular é que o imposto máis economicamente neutral é o imposto sobre a terra. O deber primario dun goberno é manter e defender o título sobre a terra, e polo tanto (segundo a teoría) debe recadar a maioría dos seus ganancias para este servizo particular. Xa que os gobernos tamén resolven disputas comerciais, especialmente en países con lei común, esta doutrina é a miúdo usada para xustificar un imposto ás ganancias ou imposto ao valor engadido. Outros sosteñen que a maioría das formas de impostos son inmorais debido á súa natureza involuntaria.
Os impostos son xeralmente calculados en base a porcentaxes, chamadas taxas de impostos ou taxas impositivas, sobre un valor particular, a base de impostos. Un imposto "Ad Valorem" é aquel para o cal o imposto base é o valor dun ben, un servizo ou unha propiedade. Os impostos de vendas, tarifas, impostos de propiedade, impostos de herdanza e impostos ao valor engadido ou agregado son diferentes tipos de impostos Ad Valorem. Un imposto Ad Valorem é xeralmente aplicado no momento dunha transacción (imposto ao valor engadido), mais pode ser aplicado tamén anualmente (imposto á propiedade) ou en conexión cun evento especial (imposto á herdanza). A alternativa ao imposto Ad Valorem é un imposto de taxa fixa, onde a taxa base é a cantidade de algo, sen importar o seu prezo: por exemplo, no Reino Unido recádase un imposto sobre a venda de bebidas alcohólicas que se calcula sobre a cantidade de alcohol vendido no canto do prezo da bebida.
Unha cualidade importante dos sistemas de impostos é se estes son planos (a porcentaxe non é dependente da base), regresivo (a maior ganancia menor taxa de impostos) ou progresivo (a maior ganancia maior taxa de impostos). Os impostos progresivos reducen a presión sobre persoas de menores ganancias, xa que pagan un menor porcentaxe sobre as súas ganancias. Isto pode ser visto como algo bo en si mesmo ou pode ser feito por razóns pragmáticas, xa que simplifica a recadación, ao requirir menores rexistros e complexidade.
Os impostos directos aplícanse de xeito directa sobre o patrimonio, afectando principalmente ás ganancias ou pertenzas como a propiedade de autos ou casas. O imposto directo máis importante é o imposto sobre a renda (IRPF).
Os impostos indirectos afectan a persoas distintas do contribuínte. Noutros termos, o contribuínte que allea bens ou presta servizos, traslada a carga do imposto a quen os adquiren ou reciben. Dentro destes atópanse o Imposto sobre o valor engadido (IVE, imposto ao consumo das persoas e empresas) e o imposto especial sobre produción e servizos (EPS, imposto a gasolinas, alcohois e tabacos).
A clasificación de impostos da OCDE é a seguinte:
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Imposto |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.