From Wikipedia, the free encyclopedia
Henrique III, nado o 28 de outubro de 1016 ou 1017 e finado o 5 de outubro de 1056, chamado o Negro ou o Piadoso, foi un emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico da Dinastía salia.
Foi o primeiro fillo de Conrado II de Alemaña e de Xisela de Suabia. O seu pai nomeouno duque de Baviera (1027 - 1042) e duque de Suabia (1038 - 1045). Na Pascua de 1028 tamén o nomeou co-rei de Alemaña e fíxoo coroar na catedral de Aquisgrán polo arcebispo de Colonia.
Á morte do seu pai o 4 de xuño de 1039, converteuse no único gobernador do reino e en 1046 foi coroado emperador en Roma polo papa Clemente II. Enfrontouse a Hungría, que se converteu no seu feudo ao expandir a fronteira dos seus dominios ata o río Leitha. Tamén loitou contra os duques para manter o poder imperial.
Casou con Gunilda de Dinamarca, filla do rei Canuto o Grande, en 1306. Despois da morte de Gunilda, dous anos despois casou con Inés de Poitou, filla do duque de Aquitania. Entre os fillos deste segundo matrimonio están o futuro emperador Henrique IV e Judit de Suabia.
Henrique tiña un longo pelo e barba negra, de onde probabelmente lle vén o alcume de "o Negro".
Henrique naceu no 1017, fillo de Conrado o Sàlico e de Xisela de Suabia. En 1024 o seu pai foi elixido rei de Alemaña, e desde entón Henrique recibiu unha ampla formación e foi preparado para o suceder no trono. O seu pai incluíuno entre os seus conselleiros e deulle responsibilidades de goberno. Á morte de Henrique V de Baviera, en 1027, foi nomeado duque de Baviera (como Henrique VI), e á morte de Herman IV de Suabia en 1038, recibiu tamén o ducado de Suabia (como Henrique I).
Para asegurar o mantemento da súa dinastía, Henrique II nomeouno "rei dos romanos" (co-rei e sucesor) con só once anos. O arcebispo de Colonia coroouno en abril de 1028 en Aquisgrán, e os nobres aceptárono como herdeiro do trono.
Como parte dunha alianza con Canuto o Grande de Dinamarca, o seu pai casouno en 1037 coa súa filla, Gunilda de Dinamarca. Ao ano seguinte, a parella acompañou a Conrado II nunha campaña no sur de Italia, e durante a viaxe de volta, Gunilda morreu dunha epidemia que se estendeu entre o exército imperial.
Coa morte sen descendentes de Rodolfo III de Borgoña, Conrado II logrou incorporar o reino ao Imperio. No outono de 1038, Henrique foi nomeado rei de Borgoña polo seu pai.
En xuño de 1039 faleceu o seu pai Conrado II, e Henrique II foi recoñecido como herdeiro nos reinos de Alemaña, Borgoña e Italia.
A primeira campaña militar de Henrique foi contra Bohemia, onde o duque Bretislao aproveitou a confusión despois da morte de Conrado para conquistar Polonia, saquear Cracovia e intentar consolidar un imperio baixo o seu dominio. Aínda que os primeiros enfrontamentos foron desfavorábeis para Henrique, ao final conseguiu facer entrar as tropas alemás en Bohemia por tres columnas: Messien, Baviera e Austria. Cando os exércitos chegaron a Praga Bretislao rendeuse e someteuse a Henrique, pagándolle unha compensación de 4.000 marcos de ouro. Desde entón Bretislao foi fiel a Henrique e estivo a miúdo na súa corte e nas súas campañas.
Máis tarde, interveu no reino de Hungría, que desde a morte do seu fundador Estevo I se atopaba en guerra civil entre os partidarios do sobriño e herdeiro de Estevo, Pedro Orseolo, e os que se opuñan á súa orientación cristiá e á influencia alemá. Os rebeldes deron feito a expulsar a Pedro en 1041, pero en 1044 Henrique derrotounos á beira do Raba e restituíu a Pedro. Para celebrar a vitoria, Henrique vestiuse de penitente e cruzou o campo de batalla descalzo para se ir axeonllar ante un anaco da vera cruz e cantar o Kýrie eleison. Despois perdoou aos seus inimigos e invitou aos seus soldados a facer o mesmo.
Aínda que a situación en Hungría continuaba a ser caótica e en 1044 Pedro Orseolo morrería a mans dos rebeldes pagáns, sucedeuno outro membro da dinastía Arpad André I de Hungría que aceptou a supremacía do emperador e continuou defendendo o cristianismo.
Despois de loitar contra as insurreccións en Lorena, Henrique desprazouse a Italia. A situación en Roma era caótica debido á corrupción da curia, o que levou a que houbese tres papas vivos ao mesmo tempo: o papa Bieito IX fora expulsado por un levantamento popular. Grazas aos subornos feitos pola súa poderosa familia, o papa Silvestre III chegou ao papado, pero foi expulsado cando volveu Bieito IX. Pero Bieito, sen vocación polo cargo e desexando casar, cedeu o papado a Gregorio VI a cambio dunha importante cantidade de diñeiro. As cousas complicáronse cando Bieito quixo recuperar o cargo, polo que con Silvestre había tres papas rivais: un con sede en San Pedro no Vaticano, outro en Santa María Maior e outro en San Xoán de Latrán.
Nun concilio en Sutri, Henrique impuxo a elección dun novo papa para acabar co cisma. Escolleu o alemán Clemente II, cuxo primeiro acto foi coroar ao emperador e investilo patricio dos romanos, co poder de nomear papas que ata entón ostentara a nobreza romana. Henrique non utilizou a nova atribución, xa que Clemente morreu ao ano seguinte. Todos os papas que Henrique nomeou para sucedelo eran alemáns e reformistas.
Morreu en 1056 e sería sucedido polo seu fillo Henrique IV, de seis anos, baixo a rexencia da súa nai Inés de Aquitania.
16. Duque Conrado o Roxo | ||||||||||||||||
8. Duque Otón I de Carintia | ||||||||||||||||
17. Liutgarda | ||||||||||||||||
4. Henrique de Espira | ||||||||||||||||
9. Judit de Baviera | ||||||||||||||||
2. Conrado II | ||||||||||||||||
5. Adelaida de Alsacia | ||||||||||||||||
1. Henrique III | ||||||||||||||||
12. Duque Conrado I de Suabia | ||||||||||||||||
6. Duque Hermann II de Suabia | ||||||||||||||||
3. Xisela de Suabia | ||||||||||||||||
7. Xerberga de Borgoña | ||||||||||||||||
En 1036 casou con Gunilda de Dinamarca, a filla de Canuto o Grande. Tiveron unha filla:
En 1043 casou en segundas nupcias con Inés, filla do duque Guillerme V de Aquitania. Os fillos da parella foron:
Predescesor: Conrado II |
Rei de Alemaña 1028-1053 |
Sucesor: Henrique IV |
Rei de Italia 1039-1056 | ||
Sacro Emperador Romano 1046-1056 |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henrique III, Emperador |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.