rei dos hititas de -1265 a -1250 From Wikipedia, the free encyclopedia
Hattusilis III (rei de Hakpis ata -1250, rei hitita cara a -1265 – -1250), foi fillo de Mursilis II, e tío de Mursilis III.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIII a. C. Hatti, Turquía (en) |
Morte | século XIII a. C. |
Relixión | Relixión hitita |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Cónxuxe | Puduhepa |
Fillos | Maathorneferuré, Tasmi-Sarruma, Kilushepa, Tudhaliyas IV |
Pais | Mursilis II e Gassulawiya |
Irmáns | Q1907414 Muwatallis II Halpa-sulupi |
Levou os títulos de Labarnas, Gran Rei, Rei de Hatti e Sol meu. A súa muller principal foi Pudú-Hepa, filla de Pentib-sarri gran sacerdote de Lawazantiya mais tamén estivo relacionado cunha princesa de Babilonia e cunha amorita. Coñécenselle seis fillos e fillas:
Durante o seu reinado coñécense algúns reis vasalos: Ini-Tesup en Karkemish, Ario-Sarruma en Isuwa, Ulmi-Tesup (Kurunta) en Tarhuntasa, Bentesina en Amurru, Masturi en Seha, Kupanta-Kurunta en Mira e Kuwaliya.
Hattusilis (III) cando naceu estaba doente e, por unha promesa (ser consagrado a unha deusa se daba curado), foi sacerdote de Sausga en Samuha durante todo o reinado de seu pai Mursilis II.
No reinado de son irmán Muwatallis II este destinouno a outras misións. Algunha expedición contra os kaska foi dirixida por Hattusilis, ao que o seu irmán nomeou gobernador na cidade de Pitteyarika, non lonxe de Samuha, aínda que non lle deu as forzas militares que Hattusilis reclamaba. Aínda así Hattusilis atacou os kaskas e derrotounos de xeito importante nas proximidades de Hahha, onde deixou unha estela conmemorativa, devolvendo aos hititas as súas terras anteriores; os xefes kaska serían enviados prisioneiros ao seu irmán Muwatallis. Esta vitoria decidiu a Muwatallis a nomealo xefe da garda real (o terceiro cargo do Imperio despois do rei e o herdeiro) e tamén o fixo gran sacerdote do deus das tormentas de Nerik (que era adorado en Hakpis porque Nerik permanecía despoboada en zona kaska, e nomeouno de feito gobernador da Terra Alta Hitita con Samuha, Pitteyarika, Hakpis, Istahara, Tarahna, Hattina e Hanhana como principais cidades, todas ao bordo dos territorios kaska.
O antigo gobernador da Terra Alta, Arma-Tarhunta, fillo de Zida (irmán de Suppiluliumas I), quedou relegado a unha posición secundaría, cousa que non lle gustou e comezou a difundir rumores sobre Hattusilis (acusado de dedicarse á bruxería) que ao final chegaron a Muwatallis, que comezou a sospeitar de son irmán, o cal respondeu acusando a Arma-Tarhunta do mesmo; o rei fíxolles pasar unha proba relixiosa (a Divina Roda) que Hattusilis superou. Arma-Tarhunta foi condenado por bruxería xunto coa súa muller e fillos e as súas terras confiscadas e entregadas a Hattusilis (a única excepción foi que o rei declarou inocente a un dos fillos, Sippa-ziti, por piedade, xa que Arma-Tarhunta era un familiar e xa era vello, e finalmente a confiscación foi só da metade das terras, e o acusado, muller e fillos serían desterrados a Alashiya). Desde entón Hattusilis recibiu as forzas necesarias e venceu repetidamente ao kaska.
Neste momento nas terras kaskas tiña a hexemonía a cidade de Pishuru. Ishupitta e Daistipassa, na Terra Alta Hitita, eran aliadas de Pishuru e apoderáronse das terras de Landa, Marista e algunhas cidades fortificadas dos hititas; os hititas non os puideron conter e os kaskas continuaron avanzando ao sur cruzando o río Marasanda e chegando ata a terra de Kanis (Kanesh). As cidades de Kurustama, Gazzuira e outra cuxo nome non se dá lido (comeza por Ha...) uníronse aos kaska e atacaron as cidades hititas das proximidades. Durmitta tamén quedou baixo control kaska e atacou a comarca de Tuhuppiya. Os kaskas non atoparon ningún obstáculo na terra de Ippasanama, e puideron seguir ata atacar a terra de Suwatara. Só dúas cidades, unha delas Istahara (a outra non se pode ler) escaparon aos ataques kaska.
Nestas circunstancias Muwatallis decidiu crear un reino vasalo ao norte para o seu irmán Hattusilis, co encargo de conter aos kaska. A corte real fíxose cargo de fortificar Anziliya e Tapikka, que pertencían ao novo reino, mais o gran rei rexeitou facer campaña en Durmitta e Kurustama porque xa era responsabilidade de Hattusilis, e retornou a Tarhuntasa deixando ao seu irmán só cos seus propios recursos. As terras do novo reino estaban case todas nas mans do kaska e o mesmo Hattusilis denomínaas como "Terras baleiras" (o reino formábano Ishupitta, Marista, Hisashapa, Katapa, Hanhana, Darahna, Hattena, Durmitta, Pala, Tummanna, Gasiya, Sappa, o río Hulanna, Hakpis e Istahara, as dúas últimas en "servidume", probabelmente administradas mais non parte do reino) . A capital foi Hakpis. A autonomía do rei era ampla, como territorio de fronteira en parte por conquistar. O novo rei, cunha eficaz combinación de forza militar e de diplomacia, logrou en dez anos restablecer a orde e repoboar moitas rexións.
O punto chave da campaña foi a vitoria militar sobre Pishuru, que conquistara ata Taggasta por unha banda e ata Talmaliya pola outra, conquistara Karahna e Marista e reunira un exercido con 800 carros de combate e numerosa infantaría; Pishuru foi derrotada decisivamente en Wistawanda cando o exército kaska se desbandou á morte do seu xefe. Muwatallis só enviou 120 carros e non enviou infantaría. A reconquista das cidades hititas xa foi sinxela. Hattusilis erixiu unha estela en Wistawanda. Aínda despois Hattusilis puido enviar forzas ao seu irmán pola batalla con Exipto que se librou en Kadesh en Siria.
Muwatallis combateu logo da batalla de Kadesh cos pequenos reis locais. Amurru tívose que someter de novo e o rei Bentisina foi derrocado e posto no seu lugar un tal Sapili. O rei aínda conquistou Apa (Damasco?) máis ao sur, e despois retornou a Hatti. O seu irmán Hattusilis quedou vixiando en Apa onde permaneceu talvez un par de anos, talvez ata cando volveu Ramsés II cun exército dividido en dúas partes: unha dirixida polo seu fillo Amon Hirhepesef que dominou as tribos shosu do Negev e o mar Morto e aos edomitas e dirixiuse a Moab; a outra parte, dirixida por el mesmo, atacou Xerusalén e Xericó e despois entrou tamén en Moab e uniuse ao seu fillo e xuntos marcharon contra Hesbon e finalmente reconquistaron Apa, momento en que Hattusilis tivo que volver se non o fixo antes.
Hattusilis ao volver ao seu país pasou por Lawazantiya onde fixo ofrendas á súa deusa Sausga e casou con Pudú-Hepa, irmá de Pentib-sarri, gran sacerdote de Lawazantiya, matrimonio que talvez non tivo a aprobación real. Despois volveu ao norte, ao seu reino de Hakpis onde fortificou Hawarkina e Dilmuna, mais estalou unha revolta contra el. Hattusilis, falto da axuda do gran rei, chamou aos seus aliados kaska e esmagou a rebelión. Durmitta, Ziplanda, Hattena, Hakpis, Istahara e outra cidade serían restauradas e repoboadas. Parece ser que Hattusilis administrou ata Hattusa. Sausga foi a deidade tutelar do seu reino.
Hattusilis pediu ao seu irmán a entrega de Bentesina, ex rei de Amurru, cousa que o seu irmán lle concedeu e deu ao rei deposto unha residencia persoal en Hakpis; esta relación será favorábel pola recuperación da desgraza da dinastía de Bentesina que Hattusilis máis tarde había restaurar.
As disputas sucesorias de Muwatallis II foron importantes. Urhi-Tesup, fillo de segundo rango, sen esperanzas de sucesión, viuse empurrado por circunstancias especiais a unha posición na que parecía o herdeiro aparente. Finalmente foi o sucesor co nome de Mursilis III grazas á axuda de Hattusilis, cun acordo entre os dous homes polo cal o reino de Hakpis permanecía en mans de Hattusilis.
Durante o seu reinado Hattusilis reconquistou Nerik despois de tanto tempo en mans dos kaska. O territorio conquistado incluía as cidades de Nera e Hastira. Desde a cidade puido dominar os territorios do monte Haharwa e a cidade de Marasantiya (Maraššantiya).
Pronto produciuse un enfrontamento con Hattusilis que acusou ao seu sobriño de se apoderar de territorios que el repoboara (Pa e Tummanna) e de Samuha, e de trasladar a poboadores do reino de Hakpis a territorio do gran rei hitita.
Segundo Hattusilis a situación durou sete anos, que el aguantou por respecto ao seu irmán (Muwatallis), mais cando Mursilis III intentou incorporar as cidades de Hakpis e Nerik ao reino hitita e quitarllas a Hattusilis, o que de feito equivalía a eliminar o reino, Hattusilis reaccionou e sublevouse; consagrouse á súa deusa habitual, Sausga (o centro de culto principal ao norte era Samuha), e ao deus das tormentas de Nerik (culto restablecido e trasladado desde Hakpis) e comezou a guerra.
Sippa-ziti, fillo de Arma-Tarhunta (fillo de Zita, o irmán de Suppiluliumas I) o antigo rival de Hattusilis, foi nomeado comandante do exército do gran rei na Terra Alta Hitita. A guerra civil supuxo unha división do país, dentro do mesmo reino hitita en especial. Masturi rei de Seha foi aliado de Hattusilis, que tamén tivo a axuda de Ulmi-Tesup (Kurunta), medio irmán de Mursilis III e que fora criado por Hattusilis. Mira e Kuwaliya, e Ahhiyawa serían aliados de Mursilis III. Boa parte dos kaska apoiaron a Hattusilis. Mursilis III enviou a un home chamado Rime-Tesup ao oeste para buscar as máximas axudas, mais en xeral a parte occidental forneceu pouca axuda a Mursilis; Millawanda probabelmente restou inactiva, e Ahhiyawa, ao non recibir a axuda das súas cidades, non puido dar axuda ningunha ao rei hitita.
Sippa-ziti tivo problemas; probabelmente quedou asediado en Hallawa, e tivo que pedir a Mursilis que fose a rescatalo; o rei enviou a un home chamado Anani-piya. Producíronse combates en Kusuriya (Kuššurriya) e librouse unha batalla de carros na que participou o gobernador da rexión do río vermello que probabelmente cambiou de bando. Os feitos non se coñecen con claridade mais do relato de Hattusilis vese que Mursilis foi abandonado por algúns dos seus aliados e estivo en posición defensiva. Na parte final da guerra, Mursilis estaba en Marasantiya e tivo que fuxir de alí e foi para Samuha, onde Hattusilis o perseguiu. Uns traidores ofrecéronlle mataren a Mursilis, mais Hattusilis rexeitou a oferta e avanzou para Samuha, mais seguramente xa fora feito prisioneiro pola súa propia xente canto Hattusilis chegou, e foi entregado ao tío, que entón foi recoñecido como gran rei (Hattusilis III).
Hattusilis III ao iniciar o seu reinado reconstruíu o palacio de Hattusa (a cidadela de Buyukkale) que resultara danada durante a guerra. A Mursilis III deulle o goberno dunhas cidades fortificadas en Nuhase. A súa descendencia foi privada dos dereitos ao trono. Bentesina foi reinstalado como rei en Amurru. A metade das terras da familia de Arma-Tarhunta que conservaba o seu fillo Sippa-ziti serían confiscadas e dedicadas á deusa Sausga de Samuha. O fillo de Hattusilis III, Tudhaliyas, foi nomeado sacerdote de Sausga e rei vasalo de Hakpis.
Wilusa fora aliada de Ahhiyawa e pois de feito ao campo de Mursilis III, e agora de feito restaba independente. En Lukka a situación é pouco coñecida mais aparentemente houbo desordes e a rexión púxose baixo a dirección dun home chamado Tawagalawa, irmán do rei de Ahhiyawa. Tawagalawa foi identificado co homérico Eteocles, fillo de Andreos de Orcómeno; Tawagalawa comezou en atacar territorio hitita de xeito que Hattusilis III perdeu pronto o control da situación ao suroeste e a xente de Lukka chegou ao río Hulaya, distrito fronteirizo con capital en Hawaliya e aos distritos veciños de Natas, Parha (despois Perge en Panfilia), Harhasuwanta e outros, de xeito que toda a costa ata Kizzuwatna quedou fóra do control do rei hitita. Os distritos fronteirizos de Wasuwatta e Harputtawana caeron en mans de rebeldes axudados por Lukka.
Piyama-radu de Lazba invadiu territorio hitita desde Millawanda e conquistou a terra do río Hulaya chegando ata a Terra Baixa Hitita ata Nahita. Hattusilis marchou contra os coligados e expúlsaos da Terra Baixa e o río Hulaya mais sen chegar á costa occidental nin probabelmente Panfília. Entón nomeou o seu sobriño Ulmi-Tesup (Kurunta), fillo de Muwatallis II, rei dun gran reino do suroeste, con capital en Tarhuntasa, que gobernou baixo o nome de Kurunta. O reino limitaba ao norte e oeste con Pitassa, Ussa e terras hititas, e para o sur e suroeste eran terras a dominar "en dirección na cidade de Saranduwa na terra do río Hulaya". Nos anos seguintes Kurunta dominou ata a costa no sur, e no oeste ata o río Kastaraya (Kestros) e a cidade de Parha (Perge) na chaira panfilia.
Con Asiria producíronse algunhas dificultades diplomáticas pola demora nos agasallos, e incluso o mensaxeiro asirio Balido-qarrad foi detido, mais finalmente restablecéronse as relacións. Hattusilis queixouse de ataques en Karkemish (en Emar e na terra de Ashtata) feitos pola xente de Turira, que consideraba baixo dominio asirio (cousa que o rei de Asiria non sabía seguro).
Mursilis III planeou fuxir a Babilonia mais Hattusilis decatouse e desterrouno probabelmente a Alashiya, de onde escapou e probabelmente fuxiu a Exipto. As relacións entre Hattusilis e Kadasman-Turgu de Babilonia serían boas. Con Exipto serían inicialmente boas mais empeoraron canto Ramsés II se negou a extraditar a Mursilis III. Kadasma-Turgu prometeulle cooperación activa nunha eventual guerra contra Exipto. mais finalmente a guerra nunca estoupou.
Ao final do reinado, Wilusa vaise volver de novo vasala do rei hitita. Kurunta de Tarhuntasa entrevistouse co rei de Ahhiwaya en Millawanda e acordouse a retirada dos aqueos de Lukka, que retornou a control hitita e os xefes locais apresuráronse en proclamaren a súa lealdade ao rei de Tarhuntasa e ao gran rei hitita. Entre os que se someteron estaba Piyama-radu, que estaba na cidade de Sallapa cando escribiu a Hattusilis, que fora a Lukka a afianzar a súa autoridade, e sometéuselle. Hattusilis enviou ao seu herdeiro a Millawanda onde se atopou con Piyama-radu e ambos subiron a un carro con Piyama-radu diante en signo de submisión. mais Piyama-radu non se fiaba dos hititas e rexeitou comparecer na presenza de Hattusilis en Hattusa se antes non era recoñecido rei, o que supuxo unha humillación para o príncipe herdeiro; Piyama-radu mantivo a súa lealdade mais a distancia. Hattusilis foi ao oeste e cando chegou a Wiyanawanda, escribiulle e díxolle que lle enviase un delegado á cidade de Yalanda (baixo control de Piyama) para facer o acordo; mais Piyama-radu enviou a son irmán Lahurzi, que fixo unha emboscada aos hititas en tres lugares próximos a Yalanda, mais os hititas puideron chegar á cidade; Lahurzi retirouse e a cidade foi destruída.
Desde alí Hattusilis foi a Apawiya e escribiu a Piyama-radu a Millawanda ordenándolle comparecer. Tamén escribiu ao rei de Ahhiyawa protestando polas actividades de Piyama desde Millawanda, súbdito de Ahhiwaya; o rei aqueo deu permiso ao rei hitita para facer comparecer a Piyama (ordenouno en Atpa de Millawanda) e Hattusilis dirixiuse a Millawanda. A esta cidade entrou como gran rei e alí compareceu Tawagalawa para ofrecer a súa lealdade ao rei. Atpa escoitou as queixas contra Piyama-radu, mais este mentres colleu un barco e escapou. Hattusilis dirixiuse entón ao rei de Ahhiwaya e fíxolle unha relación das ofensas de Piyama. Atpa e o rei de Ahhiyawa que probabelmente seguían apoiando a Piyama, van tratar de desculpalo; Hattusilis esixiu o retorno do sete mil prisioneiros (civís) feitos por Piyama en terras de Hatti, intentando un acordo que evitase a guerra, acordo que finalmente se estableceu. mais Piyama xa fora ao norte e actuaba na costa de Wilusa, onde había establecementos aqueos, intentando crearse un reino alí, en Masa e Karkissa (ou en Karkiya, Caria). Hattusilis, por medio do rei de Ahhiwaya ofreceu outra vez a Piyama-radu o sometemento a cambio do perdón. Non se sabe como foron os acontecementos mais finalmente Ahhiwaya capturou a Piyama-radu e entregouno aos hititas.
Ao 21º ano de reinado de Ramsés II (polo -1259) o faraón recibiu na súa capital Pi-Ramsés a tres mensaxeiros hititas: Tili-Tesub, Ramose e Yasupili (o último enviado do rei de Karkemish) pola sinatura dun tratado de eterna amizade entre Hatti e Exipto que culminaba sen dúbida previas negociacións entre ambas partes algúns detalles das cales son coñecidos. O tratado establecía a amizade, a promesa de non iniciar hostilidades, unha alianza defensiva, a axuda aos fillos de Hattusilis na sucesión, e extradición de fuxitivos en que se establecía a maneira na que os entregados terían que ser tratados e os fuxitivos anteriores ao tratado non estaban excluídos (cláusula pensada por Mursilis III).
Á morte de Kadasman-Turgu de Babilonia as relacións con este país deterioráronse. Hattusilis esixiu ao novo rei Kadasman-Enlil II (que era un menor e estaba controlado polo seu visir Itti-Marduk-balatu) a protección dos descendentes de Kadasman ao que cualifica de "o seu irmán" e ameaza con conquistar Babilonia en caso contrario. Os babilonios sentíronse ofendidos e responderon que non escribía "como un irmán" senón coma se Babilonia fose o seu vasalo. Con Asiria as relacións talvez se deterioraron á morte de Adadnirari e na revolta de Mitanni que talvez tivo axuda hitita. Cando Kadasman-Enlil de Babilonia chegou á maioría parece ser que as relacións con Babilonia volveron a mellorar e nunha carta o rei hitita explica que Itti-Marduk-balatu, era un home diabólico a quen os deuses deixaran vivir demasiado tempo. Segundo os babilonios as mensaxes a Hatti interrompéranse pola actividade destrutiva dos nómades akhlamu e tamén dos asirios. Normalizadas as relacións, unha filla de Hattusilis foi enviada a Babilonia para casar co rei e el mesmo casou cunha princesa babilonia.
As relacións con Exipto tamén levaron a un enlace matrimonial entre Ramsés II e unha filla de Hattusilis III, no 33º ano de reinado do faraón, que foi enviada á terra raiana de Aya para o casamento. As promesas do seu dote serían monumentais mais despois os hititas non puideron cumprir. A raíña Pudú Hepa escribiu ao faraón dicindo que os almacéns estaban baleiros e que Urhi-Tesup (Mursilis III) dera o que quedaba á gran deusa, e que se non a cría podía preguntar a Urhi-Tesup que estaba en Exipto. O ano seguinte a princesa hitita entrou en territorio exipcio e ao outro ano casou con Ramsés II, que proclamou a súa fermosura e que declarou que a amaba máis que a ningunha outra. O matrimonio residiu en Pi-Ramsés, mais co tempo foi enviada co harén a Faium. Ramsés convidou a Hattusilis a realizar unha viaxe oficial a Exipto mais o rei hitita non se mostrou moi entusiasmado; o faraón suxeriu encontrarse en Canaán e escoltalo ata Pi-Ramsés, e finalmente a viaxe fíxose. Médicos exipcios asistiron algúns destacados hititas, entre eles Kurunta. Exipto tamén enviou gran nun ano de escaseza a Hatti. Hattusilis aínda enviou outra filla a casar con Ramsés II.
Durante o seu reinado os kaska aínda daban algúns problemas e Hattusilis coma rei fixo contra eles 15 campañas e o seu fillo, como xeneral, fixo unha ducia delas.
Cara ao final do reinado, o seu fillo Tudhaliyas converteuse en correxente e sucedeuno á súa morte.
Hititas | ||
---|---|---|
Segue a: Mursilis III |
Hattusilis III | Precede a: Tudhaliyas IV |
- |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.