Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
As haptófitas ou Haptophyta (ás veces Haptophyceae[1][2] ou Prymnesiophyta[3], segundo a clasificación utilizada) son un tipo de algas unicelulares. Aínda que a filoxenética deste grupo se empezou a comprender moito mellor nos últimos anos, aínda hai discusións sobre as súas relacions e nivel taxonómico máis axeitado para elas (división, filo, clase).
Haptophyta | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Cocolitóforo (Emiliania huxleyi) | |||||||
Clasificación científica | |||||||
| |||||||
Ordes | |||||||
Clase Pavlovophyceae
Clase Prymnesiophyceae
|
A maioría das haptófitas son mariñas, formando parte do fitoplancto, cosmopolitas e abundantes en mares temperados e fríos; raras en augas doces. Producen enormes floracións, como Emiliania huxleyi, que deron lugar a depósitos fósiles (cocolitóforos do Xurásico). Algunhas especies, como Prymnesium parvum, son parasitas de peixes, outras excretan toxinas. Algunhas Haptophyta son importantes economicamente, como Pavlova lutheri e Isochrysis sp. que se usan moito na industria da acuicultura.
O nome procede do grego hapsis 'toque' e phyta 'plantas'.
A célula é espida ou cuberta de escamas elipsoidais de carbonato de calcio. Os cloroplastos están pigmentados de modo similar aos das heterocontas,[4] polo que presentan clorofilas a e c, xantofilas e beta-caroteno, pero a estrutura da célula é diferente, polo que se consideran unha liña evolutiva separada que ten cloroplastos derivados do mesmo endosimbionte ca o das heterocontas. Cloroplasto rodeado por catro membranas, a máis externa engloba un núcleo e está cuberta de ribosomas; tilacoides agrupados de tres en tres.
Ten caracteristicamente dous flaxelos lixeiramente distintos en tamaño, pero ambos os dous lisos (sen bárbulas) e con escamiñas de material orgánico. Presentan un orgánulo exclusivo chamado haptonema, que é aparentemente similar a un flaxelo, pero difire del na disposición dos microtúbulos e no seu uso. O haptonema ten seis ou sete microtúbulos simples rodeados pola membrana do retículo endoplasmático (nada que ver coa estrutura típica 9 + 2 dun flaxelo). O haptonema non bate como os flaxelos e foi relacionado coa capacidade fagotrófica dalgunhas haptófitas, e coa fixación a un substrato ou animal ou relacionado co movemento da célula. Nalgunhas especies o haptonema é só un curto apéndice ou está ausente. As mitocondrias teñen cristas tubulares.
Almacenan crisolaminarina fóra do cloroplasto.
As haplófitas mellor coñecidas son os cocolitóforos, que teñen un exoesqueleto de placas calcarias chamado cocólito. Os cocolitóforos están entre os membros do fitoplancto máis abondosos, especialmente en mar aberto, e son enormemente abundantes como microfósiles. Outras haptófitas planctónicas importantes son Chrysochromulina e Prymnesium, que poden formar súpetas floracións que orixinan mareas tóxicas (ver Afloramento de algas nocivas), e Phaeocystis, que orixina floracións que poden producir unha desagradable escuma nas praias. Hai tanto probas moleculares coma morfolóxicas que apoian dividir o grupo en cinco ordes; os cocolitóforos constitúen os grupos das Isochrysidales e Coccolithales. Existen pico-primnesiófitas moi pequenas (2-3 μm) e non cultivadas que son ecoloxicamente importantes.[5] Algunhas haptófitas son economicamente importantes, como Pavlova lutheri e Isochrysis sp., que se usan en acuicultura.
As haptófitas están moi próximas ás criptófitas (criptomónadas).[6] Nalgunhas clasificacións as haptófitas, criptófitas e heterocontófitas clasifícanse xuntas no grupo Chromista.
As haptófitas están moi relacionadas co clado do supergrupo SAR.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.