Guerras latinas
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
As guerras latinas foron unha serie de enfrontamentos que tiveron lugar na Antigüidade na Península Itálica. Os contendentes foron a cidade de Roma, constituída en República, e os pobos itálicos do Lacio (latinos e faliscos) debido ó interese de Roma por sometelos. Foron principalmente dous os enfrontamentos entre latinos e romanos, moi separados no tempo; ambos os conflitos foron moi breves.
A primeira guerra latina tivo lugar entre o -498 e o -493. Logo de anteriores campañas contra os etruscos, os romanos tentaron consolidar o seu dominio no Lacio. A liga latina, formada por trinta pobos latinos, opúxose militarmente a Roma. Estivo liderada pola cidade de Túsculo, onde atopara asilo Tarquinio o Soberbio, o último rei de Roma. A batalla decisiva librouse preto do lago Regilo e supuxo un importante triunfo romano baseado na cabalaría patricia. Segundo as lendas romanas, os Dióscuros combaterían á beira dos romanos como dous novos cabaleiros.
Deste xeito, a guerra concluíu co chamado foedus Cassianum (polo nome do cónsul Espurio Casio) mediante o cal Roma se erixía como a principal potencia do Lacio. Porén, recoñecía a autonomía das cidades latinas, que terían que prestar axuda militar en caso de ameaza externa, reservándose Roma o mando militar da alianza nese suposto. Tamén se autorizaron matrimonios mixtos e a instauración de relacións comerciais estables.
A segunda guerra latina tivo lugar entre o -340 e o -338, século e medio despois da anterior. Alarmadas pola política expansionista de Roma, as cidades latinas enviaron unha embaixada ó Senado romano para propor a creación dunha república en paridade entre Roma e o Lacio, en lugar de estar este último subordinado a Roma, e que se aceptase no Senado a representantes latinos. Roma rexeitou a proposta, polo que os latinos alzáronse en armas.
Tras ser rivais durante a anterior primeira guerra samnita, Roma aliouse cos samnitas para sufocar a rebelión da renovada Liga latina, que contaba co apoio dos volscos de Anzio (Antium), os campanos e os sidicinos, traizoados por Roma ó ser entregados aos samnitas como unha das condicións de paz. Só os laurentes do Lacio e os equites de Campania permaneceron fieis a Roma, así como os pelignos.
Mentres os latinos penetraban no Samnio, as tropas romanas marcharon cara ó país dos volscos para sometelo e repartirse o territorio cos samnitas, cuxas tropas se uniron ás romanas na Campania. Ambos os exércitos derrotaron conxuntamente ós latinos e campanos na batalla do Vesuvio, preto do monte homónimo (-339). Os cónsules romanos eran Publio Decio Mus, quen sacrificou a súa vida na batalla para obter o favor dos deuses romanos, e Tito Manlio Torcuato, quen restaurou a disciplina do exército executando ó seu propio fillo tras un acto de desobediencia involuntaria.
Un ano máis tarde, Manlio derrotou ós latinos de xeito decisivo na batalla de Trifano (-338), de maneira que os latinos evacuaron a Campania e foron acurralados polos romanos no Lacio. Desta forma, o conflito finalizou coa capitulación de Anzio ante o cónsul romano Caio Menio e coa entrega da frota volsca. As proas (rostra) dos barcos apresados pasaron desde ese momento a adornar as tribunas dos oradores no Foro Romano.
A liga latina disolveuse e as súas cidades integráronse na República romana mediante acordos bilaterais e estatutos específicos para cada unha, impedindo as relacións particulares e de dereito entre elas. A cambio, as cidades sometidas recibiron maiores dereitos para os seus cidadáns; algunhas delas mesmo recibiron a cidadanía romana, como Lanuvio ou Aricia; outras foron elevadas ó rango de colonias, como Ostia, Anzio e Terracina.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.