Glosa
nota escrita nun texto que explica o significado do escrito From Wikipedia, the free encyclopedia
nota escrita nun texto que explica o significado do escrito From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha glosa (do grego koiné γλώσσα glossa, "lingua", tanto co significado do órgano coma o de linguaxe) é unha nota escrita nas marxes ou entre as liñas dun texto, onde se explica o significado do escrito no seu idioma orixinal, ás veces noutro idioma.
As glosas poden variar na súa complexidade e elaboración, desde simples notas á marxe dalgunhas palabras que poden parecer escuras ou difíciles, até traducións completas dun texto orixinal e referencias a parágrafos similares.
Un conxunto de glosas é un glosario, aínda que este termo tamén se pode referir a unha colección de termos especializados e os seus significados. Unha colección de glosas legais medievais, preparada polos chamados glosadores, con comentarios de textos legais, é denominada un apparatus. A compilación de glosas en glosarios foi o comezo da lexicografía, e os glosarios así producidos foron os primeiros dicionarios.
A glosa foi un formato moi utilizado en teoloxía bíblica medieval, e foron estudadas e memorizadas practicamente polos seus propios méritos, sen importar a autoría. Moitas veces unha pasaxe bíblica era fortemente asociada cunha glosa en particular, cuxa verdade numerosos teólogos daban coma un feito. Este fenómeno tamén se deu no ámbito das leis medievais: as glosas sobre Dereito romano e Dereito canónico convertéronse en puntos de referencia relevantes, os denominados sedes materiae (apoio da materia ou do tema).
As glosas teñen certa importancia en filoloxía, especialmente se se conta con pouco material escrito na lingua do autor da glosa. Así, as Glosas Reichenau glosan a Biblia latín Vulgata cunha forma primitiva dunha das linguas romances, polo que permiten obter información sobre o latín vulgar nunha época en que non se adoitaba escribir nesa lingua. Unha serie de glosas en inglés antigo de Biblias en latín achega unha tradución de textos biblicos nesa lingua. Glosas de textos relixiosos cristiáns tamén contribúen ao estudo do irlandés antigo. Decote as glosas clarifican o vocabulario de linguas que doutro modo serían descoñecido; aínda que son menos confiables en canto á sintaxe, xa que moitas veces as glosas seguen a orde das palabras no texto orixinal, e traducen as expresións idiomáticas de forma literal.
En lingüística, unha glosa simple nun texto é polo xeral indicada con aspas simples, a continuación da transcrición dunha palabra estranxeira. Unha transcrición máis longa ou complexa require unha glosa entreliñas, que se acostuma colocar entre o corpo do texto e a súa tradución cando é importante comprender a estrutura da lingua que se glosa. Adóitanse aliñar as palabras e glosar cada morfema de forma separada. Os termos gramaticais abrévianse polo xeral e escríbense en CAPITAIS PEQUENAS para diferencialos das traducións.
Talcott Parsons utilizou o termo "glosa" para describir o proceso mediante o cal a mente constrúe a realidade.
Na termoloxía musical, unha glosa é un comentario ou explicación sobre a execución de determinadas pasaxes dunha obra, xeralmente instrumental.
A expresión comezou a usarse neste ámbito na Península Ibérica no século XVI, e indicaba dous aspectos diferenciados: a aplicación de ornamentos musicais en determinados intervalos, ademais de mostrar un pequeno exemplo para que o intérprete tivese unha base sobre a que realizar a harmonía e melodía; e a execución de cadencias ou variacións, desenvolvendo un tema.
As glosas sinalaban unha extensión da melodía orixinal e poden considerarse coma as precursoras da forma musical coñecida como variación. Consérvanse numerosos exemplos, como as contidas en publicacións de Luis Venegas de Henestrosa, de Antonio de Cabezón e, especialmente, no Tratado de glosas (1553), de Diego Ortiz[1].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.