Remove ads
actor estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
George Timothy Clooney, nado o 6 de maio de 1961, é un actor de cine e televisión estadounidense gañador dos premios Oscar e Globo de Ouro.
A George Clooney o vencello co mundo do espectáculo vénlle de familia. O seu pai, Nick Clooney, era un presentador de televisión moi popular en Cincinnati. De neno George acudía con frecuencia ós estudios para velo traballar e mesmo aparecer ante as cámaras. A súa nai, Nina Warren, dedicábase á política e tamén ten unha irmá máis vella chamada Ada (1958).
Ademais do seu pai, conta con varios artistas na súa familia, como é o caso do seu tío José Ferrer (gañador dun Oscar ó mellor actor en 1950 polo filme Cyrano de Bergerac), os seus curmáns Miguel e Gabe Ferrer e a súa tía Rosemary Clooney, actriz e cantante.
Foi descuberto para o gran público pola serie ER (Urxencias), o papel que o lanzou á fama, aínda que levaba case unha década traballando en series de televisión. Non tardou en cativar a público e crítica con filmes como O Brother, Where Art Thou? ou Three Kings.
Aínda que a súa primeira gran paixón non foi a interpretación, senón o béisbol, non puido ver cumprido o seu soño de ser xogador profesional.
Descubriu o cine grazas a un curmán seu, fillo do actor Jose Ferrer, quen o animou a intervir nun filme cun breve papel. A película nunca se estreou, pero Clooney considerou daquela seriamente a posibilidade de dedicarse á interpretación. Decidiu trasladarse aos Ánxeles, onde durante anos estivo traballando como actor secundario en infinidade de series de televisión. Chegou a ser o actor descoñecido mellor pagado de Hollywood.
Todo cambiou a mediados dos 90, cando participou en ER. A serie tivo enorme éxito e converteu a George Clooney nunha auténtica estrela. A partir de entón empezaron a choverlle ofertas para o cine. A súa primeira gran produción foi From Dusk Till Dawn, un filme vampírico de suspense dirixido por Robert Rodríguez e Quentin Tarantino.
Traballo tras traballo, George Clooney foise consolidando coma unha das grandes estrelas de Hollywood tanto polo seu atractivo como polo seu talento. Na súa filmografía destacan títulos como a comedia romántica One Fine Day, xunto a Michelle Pfeiffer; Batman e Robin, onde interpretaba ó home morcego; Out of Sight, un intelixente filme de suspense de Steven Soderbergh; ou o drama bélico Tres reis, polo que cultivou moi boas críticas.
Nos últimos tempos puidemos velo en Ocean's Eleven, A tormenta perfecta e O Brother, Where Art Thou?, a comedia dos irmáns Coen coa que Clooney levou un Globo de Ouro. Anos máis tarde repetiu con estes directores noutra comedia, Intolerable Cruelty, que protagonizou xunto a Catherine Zeta-Jones.
Ademais, asociouse a Steven Soderbergh como produtor: ambos son responsables de Welcome to Collinwood, unha comedia negra na que George ten un pequeno papel como actor; o filme de suspense Insomnia, con Al Pacino e Robin Williams, e Solaris, protagonizada por Clooney e dirixida por Soderbergh. Tamén debutou como director con Confessions of a Dangerous Mind, na que tamén actúa.
Tralo seu debut como director, repetiu recentemente a experiencia con Good Night, and Good Luck, onde interpretou ademais un papel secundario. Grazas a este impecable traballo foi nomeado ó Oscar 2005 como mellor director. E aínda que finalmente, foi Ang Le quen levou ese Oscar, Clooney recolleu a súa primeira figura como actor secundario pola súa interpretación en Syriana.
Este mesmo ano estreou O bo alemán, xunto a Cate Blanchett. Presentou ademais a terceira parte da saga Ocean's, Ocean's Thirteen, no pasado Festival de Cannes. Estímase que este ano estree Michael Clayton, que protagoniza; e ten outra película en posprodución.
En televisión, á marxe de ER, destacan as súas aparicións en series cómicas de televisión, como Roseanne e Friends.
No relativo á súa vida persoal, casou en 1989 con Taila Balsam, da que se dicorciou en 1992. A súa actual parella é a actriz chilena Leonor Varela.
Ano | Categoría | Película | Resultado |
---|---|---|---|
2005 | Oscar ó mellor director | Good Night, and Good Luck | Candidato |
2005 | Oscar ó mellor actor secundario | Syriana | Gañador |
2005 | Oscar ó mellor guión orixinal | Good Night, and Good Luck | Candidato |
Ano | Categoría | Película/Serie | Resultado |
---|---|---|---|
2005 | Globo de Ouro ó mellor director | Good Night, and Good Luck | Candidato |
2005 | Globo de Ouro ó mellor actor secundario | Syriana | Gañador |
2005 | Globo de Ouro ó mellor guión | Good Night, and Good Luck | Candidato |
2000 | Globo de Ouro ó mellor actor - Comedia ou musical | O Brother, Where Art Thou? | Gañador |
1997 | Globo de Ouro ó mellor actor de serie de TV - Drama | ER | Gañador |
1996 | Globo de Ouro ó mellor actor de serie de TV - Drama | ER | Candidato |
1995 | Globo de Ouro ó mellor actor de serie de TV - Drama | ER | Candidato |
Ano | Categoría | Película/Serie | Resultado |
---|---|---|---|
2005 | Mellor actor secundario | Syriana | Candidato |
1998 | Mellor elenco nunha serie de TV - Drama | ER | Gañador |
1997 | Mellor elenco nunha serie de TV - Drama | ER | Gañador |
1996 | Mellor elenco nunha serie de TV - Drama | ER | Gañador |
1995 | Mellor elenco nunha serie de TV - Drama | ER | Gañador |
1994 | Mellor elenco nunha serie de TV - Drama | ER | Candidato |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: George Clooney |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.