Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
As fitoquelatinas son oligómeros do glutatión, producidos polo encima fitoquelatina sintase. Encóntranse en plantas, fungos, vermes nematodos e todos os grupos de algas incluíndo as procariotas cianobacterias. As fitoquelatinas actúan como queladores, e son importantes para a detoxificación de metais pesados.[1][2][3] Abrévianse como PC seguido dun número, desde PC2 a PC11.
Un mutante da planta Arabidopsis thaliana que careza de fitoquelatina sintase é moi sensible ao cadmio, pero crece como unha planta de tipo silvestre a concentracións normais de cinc e cobre, dous ións metálicos esenciais, o que indica que a fitoquelatina só está implicada na resistencia ao envelenamento por metais.[4]
Como a fitoquelatina sintase usa o glutatión cun grupo tiol bloqueado durante a síntese de fitoquelatina, a presenza de ións de metais pesados que se unen ao glutatión causa que o encima funcione máis rápido. Por tanto, a cantidade de fitoquelatina increméntase cando a célula necesita máis fitoquelatina para sobrevivir nun ambiente con altas concentracións de ións metálicos.[5]
A fitoquelatina únese a ións de chumbo (Pb), o que secuestra os ións Pb en plantas e así serve como un importante compoñente dos mecanismos de detoxificación en plantas.[6] A fitoquelatina parece que se transporta a un vacúolo da planta para que os ións metálicos que leva se almacenen con seguridade lonxe das proteínas do citosol.[4]
Hai outros grupos de péptidos con estrutura similar á das fitoquelatinas, pero nos que o último aminoácido non é glicina:[4][7]
Tipo | Estrutura | Atopado en | Precursor |
---|---|---|---|
Fitoquelatina | (γGlu-Cys)n-Gly | moitos organismos | Glutatión |
Homofitoquelatina | (γGlu-Cys)n-Ala | legumes | Homoglutatión |
Desglicina fitoquelatina | (γGlu-Cys)n | millo, lévedos | |
Hidroximetil-fitoquelatina | (γGlu-Cys)n-Ser | gramíneas | Hidroximetilglutatión |
iso-Fitoquelatina (Glu) | (γGlu-Cys)n-Glu | millo | Glutamilcisteinilglutamato |
iso-Fitoquelatina (Gln) | (γGlu-Cys)n-Gln | ravo picante |
A fitoquelatina foi descuberta en 1981 en lévedos de fisión,[8][9] e recibiu o nome de cadistina.[10] Despois atopouse en plantas superiores en 1985 e denominouse fitoquelatina. En 1989 descubriuse o encima biosintético fitoquelatina sintase.[7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.