From Wikipedia, the free encyclopedia
O ferreiriño de cara negra[2] ou ferreiriño careto[3] (Remiz pendulinus) é unha especie de ave paseriforme da familia Remizidae, que vive principalmente en Eurasia.
Ferreiriño de cara negra | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
Remiz pendulinus (Linnaeus, 1758) |
É un paxaro moi pequeno: mide aproximadamente 10 cm de lonxitude e pesa arredor de 10 g.
Ten cabeza gris con anchas franxas negras, na fronte e ollos, en forma de anteface. O dorso e a cola son marróns. As partes inferiores teñen tons castaños e cremas. O bico é curto e moi bicudo.
As femias teñen o dorso e o peito dun ton máis claro.
O nome do xénero, Remiz, é o nome polaco deste paxaro, e pendulinus en latín significa 'colgante', que fai referencia ao seu niño.[4]
A especie foi descrita como Motacilla pendulinus por Linnaeus na súa obra Systema naturae en 1758.[5]
O ferreiriño de cara negra europeo é unha ave principalmente migratoria, que cría en Europa central e oriental e o oeste de Asia, ademais das montañas do sur de Europa e Turquía, e desprázase ás rexións mediterráneas e do suroeste de Asia para pasar o inverno.
A área reprodutora desta especie no oeste de Europa experimentou unha expansión durante as décadas de 1980 e 1990.[6] Isto foi acompañado da expansión da área de invernada, chegando ata Marrocos.[7]
Emite un balbuciente e característico zii-ii e un breve trilo.
Aliméntase principalmente de insectos e arañas, aínda que na súa dieta tamén entran algunhas sementes.
Cría en árbores caducifolias, xeralmente nas beiraas de ríos e lagos con moita vexetación, xa que necesita árbores axeitados para construír os seus niños colgantes en forma de ovo ou bolsa, cun túnel de entrada. Para a construción destes usa poliñas finas, fibras (xa sexan animais ou vexetais), arañeiras, sementes plumosas etc.[8]
Pon de 5 a 8 ovos, durante o mes de abril. Os ovos son de cor branca mate. Soamente a femia incuba os ovos. A incubación dura uns 14 días.
A especie ten unha ampla área de distribución, estimada en de 1 a 10 millóns de km2, e unha poboación estimada entre 420 000 e 840 000 individuos só en Europa, e hai evidencias de que a poboación está a aumentar. Xa que logo, está avaliada como especie non preocupante pola IUCN.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.