escola de taxonomía From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía sistemática a fenética, autora dos métodos de construción de fenogramas chamados en conxunto taxonomía numérica[1], é unha escola de taxonomía cuxa finalidade é a clasificación dos organismos baseándose nunha similitude, xeralmente na súa morfoloxía, ou en cantidades observables, sen ter en conta que caracteres serán homoloxías e homoplasias ó construír o fenograma.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A fenética como escola non ten máis seguidores entre os taxónomos. Porén, séguense utilizando os seus métodos numéricos e actualizacións posteriores dos mesmos como axuda para determinar as árbores filoxenéticas.
A taxonomía numérica é unha escola de clasificación xurdida como reacción á crenza da época (finais dos 50 e principios dos 60) de que se podía determinar con precisión a filoxenia dos organismos. Segundo os seus fundadores[2], especialmente Sokal e Sneath nun libro de 1963 considerado fundador, a sistemática debe estar exenta de toda teoría previa.
Segundo esta escola, todo o que coñecemos e podemos esperar coñecer é a similitude morfolóxica, o resto son hipóteses previas suxeitas á subxectividade de cada investigador. Consecuentemente, os organismos son agrupados sobre a base da súa similitude global (overall similarity); clasifícanse no mesmo grupo os organismos que teñan a maior cantidade de caracteres en común, os que son máis parecidos, sen facer unha apreciación da validez dos caracteres para coñecer a filoxenia, nin do peso que debería ter cada carácter na análise. A fenética ten en conta a maior cantidade de caracteres dispoñibles, calquera que sexa a súa natureza, e dálles a todos os caracteres o mesmo peso na análise. Dado que o número de especies e de caracteres a estudar pode ser moi elevado, é imprescindible a axuda de programas informáticos específicos, e polo tanto o uso de computadoras (de difícil acceso nesa época). O resultado é un agrupamento xerárquico dos organismos que pode ser debuxado en forma de fenograma, no que se establecen as relacións de similitude (ou disimilitude) entre os organismos estudados).
Nun dos métodos numéricos máis típicos desenvolvidos dentro desta escola, no fenograma exprésanse distancias; 0 representan as especies que non teñen ningún carácter en común e 1.000 aquelas con todos os seus caracteres iguais. A categoría taxonómica podía decidirse en base ás distancias; pódese convir que, por exemplo, 900 represente o nivel subxénero, 800 o de xénero, 600 o de tribo, etc.
Os obxectos de estudo (os taxóns terminais) poden ser especies, xéneros ou calquera outra categoría taxonómica e reciben o nome de UTO (unidades taxonómicas operacionais) (en inglés, OTU, operational taxonomic units).
A fenética foi criticada desde moitos puntos de vista. A crítica principal é que a estabilidade das clasificacións tampouco se consegue mediante os métodos fenéticos, xa que a elección dos caracteres a ingresar na análise e unha operación subxectiva (a decisión de "a que se chama carácter", un mesmo carácter pode ser subdividido en caracteres máis pequenos, ou agrupado, ou estar subdivido en caracteres máis pequenos, ou agrupado, ou delimitado de forma diferente, ou os seus estados delimitarse de diferentes formas, ou descartado por non corresponderse cos xenes, etc.); ademais se se agregan caracteres de novas liñas de evidencia débese realizar a análise computacional de novo resultando nun fenograma diferente moi probablemente dando como resultado unha clasificación diferente.
Se ben os métodos numéricos séguense utilizando, a fenética como método de clasificación utilízase pouco na actualidade. Pode ser útil como primeira aproximación no estudo de organismos pouco coñecidos como bacterias ou virus para os cales non se dispón de suficientes caracteres polarizados para aplicar os métodos que fan uso de apomorfías, como os utilizados na escola cladista e a evolucionista.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.