From Wikipedia, the free encyclopedia
Os estatocitos[1] son células vexetais que están implicadas na percepción da gravidade ou gravitropismo, localizadas na columela da caliptra que cobre a punta da raíz e na endoderme da zona de elongación dos talos.[2] Estas células conteñen no seu interior estatólitos, que son un tipo especial de amiloplastos cheos de amidón denso e pesado, os cales sedimentan á parte máis baixa das células por efecto da gravidade, e desencadean un patrón de crecemento diferencial na raíz, que fai que esta se dobre seguindo o seu eixe vertical en dirección ao vector da forza da gravidade.[3][4]
Nunha raíz os estatocitos son células polarizadas, é dicir, a distribución dos seus orgánulos non é homoxénea. A súa orientación proximal/distal segue a orientación da forza de gravidade. Están rodeados dunha parede celular (1), o seu citoplasma (6) rodea un núcleo (4) con forma de copa ancorado ao polo proximal (A) polo retículo endoplasmático (2), algunhas de cuxas cisternas atravesan a parede celular por plasmodesmos (3). As mitocondrias (5) están repartidas de maneira máis homoxénea, e os estatólitos (7) , que son amiloplastos especializados, sedimentan cara ao polo distal (B) da célula.
Os mecanismos implicados no gravitropismo non están totalmente aclarados. Nunha raíz vertical na cal a polaridade proximal/distal segue o vector da forza da gravidade, os estatólitos concéntranse no polo distal. A distribución da auxina (hormona vexetal) na raíz é nese momento simétrica e o crecemento das células é uniforme, o que conduce á formación dunha raíz recta. Polo contrario, se a raíz está situada horizontalmente, os estatólitos sedimentan por gravidade, exercendo un estímulo mecánico sobre a rede de filamentos da proteína actina que os rodea [1]. A permeabilidade da membrana plasmática vese entón modificada e a auxina acumúlase de maneira asimétrica na raíz, tendendo a concentrarse arredor dos estatólitos. A elongación das células é inhibida pola auxina. En consecuencia, os tecidos da raíz alónganse de maneira diferencial, o que causa unha curvatura na raíz en crecemento, que segue o sentido da forza da gravidade. Tamén se atopan estatocitos na endoderme dos talos florais. Nestes órganos a redistribución da auxina orixina unha curvatura no talo en crecemento oposta á gravidade.
En parte da literatura científica a estas células perceptoras da gravidade das plantas denomínanas estatocistos[5][6][7] (igual que os estatocistos dos animais). Outros autores prefiren o termo estatocito,[8][9][10][11] xa que son células con estatólitos no seu interior, polo que lles corresponde mellor a terminación -cito (célula), e non son estruturas (-cisto) formadas por varias células que rodean unha cavidade na que están os estatólitos (fóra da célula), como ocorre nos estatocistos animais.[12] Por outra parte, cada unha das células que forman os estatocistos animais pode denominarse tamén estatocito.[13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.