época do ano en que se produce a maior parte da precipitación dunha rexión From Wikipedia, the free encyclopedia
A estación das chuvias, tamén coñecida como tempada de chuvias ou estación dos monzóns, é a época do ano en que se produce a maior parte da precipitación media anual dunha rexión. Polo xeral ten unha duración dun ou de varios meses.[1] O termo "estación verde" emprégase ás veces como un eufemismo polos empresarios do turismo.[2] As áreas con estacións chuviosas atópanse dispersas ao longo dos trópicos e subtrópicos principalmente no sueste e no oeste do hemisferio norte.[3]
Segundo a clasificación climática de Köppen, para climas tropicais, un mes de estación chuviosa defínese como un mes onde a precipitación media é de 60 mm ou máis.[4] A diferenza das zonas con climas de sabanas e monzóns, o clima mediterráneo ten invernos húmidos e veráns secos. En cambio, as selvas tropicais non teñen estacións secas ou húmidas, xa que a precipitación se distribúe por igual durante todo o ano.[5] Algunhas zonas con estacións de chuvias pronunciadas sofren unha rotura na precipitación á metade da tempada cando, a mediados da estación cálida, a zona de converxencia intertropical ou vaguada monzónica móvese cara ao polo máis próximo.[6]
O tempo tropical está dominado polo movemento do cinto de chuvias tropicais, que oscila do trópico do norte ao do sur no transcurso do ano. O cinto de chuvias tropicais atópase no hemisferio sur, entre outubro e marzo. E, durante este período, o trópico do sur experimenta unha estación chuviosa, onde a chuvia é o común. Tipicamente, a xornada iníciase calorosa e asollada, cunha subida da humidade durante o día e culminando en copiosas tormentas e chuvias torrenciais ao atardecer ou ao anoitecer. De abril a setembro, o cinto de chuvias pasa ao hemisferio norte, e entón este trópico do norte experimenta a súa estación chuviosa.
O cinto de chuvias alcanza tan ao norte como o trópico de Cáncer e tan ao sur como o trópico de Capricornio. Preto destas latitudes hai unha estación chuviosa e outra seca, anualmente. No ecuador, hai dúas estacións chuviosas e dúas secas, xa que o cinto de chuvias pasa alí dúas veces ao ano, unha ao moverse ao norte e outra ao ir ao sur. Entre os trópicos e o ecuador, as localidades poden experimentar unha curta estación chuviosa e outra longa estación chuviosa. A xeografía local pode tamén modificar substancialmente estes patróns climáticos.
Se a tempada de chuvias se produce durante a estación cálida, o verán, a precipitación cae principalmente durante a tarde e as primeiras horas da noite. A tempada de chuvias adoita ser o momento en que se pode observar unha mellora da calidade do aire e auga doce, así como un crecemento notable da vexetación, culminando en colleitas dos cultivos a finais desta tempada. A precipitación pode causar inundacións, e algúns animais vense obrigados a retirarse a terreos máis altos. Aumenta a erosión e diminúen os nutrientes do chan. A incidencia de malaria aumenta nas zonas en que a tempada de chuvias coincide con temperaturas elevadas. Os animais teñen estratexias de adaptación e de supervivencia para o réxime máis húmido. Con frecuencia, a estación seca anterior conduce á escaseza de alimentos durante a tempada de chuvias, xa que os novos cultivos aínda teñen que madurar.
Nas zonas onde a chegada de fortes chuvias se asocian cun cambio do vento, a tempada de chuvias coñécese conoce como monzón.[7] Dado que a precipitación durante a estación chuviosa se debe principalmente ao quecemento diúrno que conduce á actividade de tormentas diúrnas dentro dunha masa de aire húmida preexistente, as precipitacións prodúcense principalmente durante a tarde e as primeiras horas da noite dentro dos réximes climáticos da sabana e do monzón. Isto tamén explica que gran parte da precipitación total diaria caia durante os primeiros minutos do ballón,[6] antes de que as tormentas maduren na súa etapa estratiforme.[8] Aínda que a maioría das rexións ten unha soa tempada de chuvias, as zonas nos trópicos poden experimentar dúas estacións de chuvias dado que a vaguada monzónica, ou zona de converxencia intertropical, pode pasar dúas veces ao ano sobre as rexións situadas nos trópicos. As selvas tropicais, en cambio, teñen un réxime de precipitación equitativo ao longo do ano, e polo tanto non teñen unha tempada de chuvias.[5]
A situación é diferente para as rexións que contan cun réxime climático mediterráneo. No oeste dos Estados Unidos, durante a estación fría a partir de setembro a maio, os ciclóns extratropicais do océano Pacífico móvense cara ao interior na rexión debido á migración cara ao sur da corrente en chorro durante a tempada de frío. Este cambio na corrente en chorro trae gran parte da precipitación anual á rexión,[9] e tamén trae a posibilidade de fortes chuvias e fortes sistemas de baixa presión.[10]
As áreas cun clima das sabanas na África Subsahariana, como Ghana, Burkina Faso,[11][12] Darfur,[13] Eritrea,[14] Etiopía,[15] e Botswana teñen unha tempada de chuvias distinta.[16] Florida e o leste de Texas tamén teñen unha tempada de chuvias que se clasifica como réxime climático das sabanas.[17][18] As rexións monzónicas inclúen o sueste de Asia (incluíndo Indonesia e Filipinas),[19] as seccións septentrionais de Australia do Norte,[20] Polinesia,[21] América Central,[22] o oeste e sur de México,[23] o deserto do suroeste dos Estados Unidos,[9] o sur de Güiana,[24] partes do nordeste do Brasil.[25]
O norte de Güiana experimenta dúas estacións chuviosas: unha na primavera e outra ao comezo do inverno.[24] África occidental coñece dúas estacións de chuvia ao longo da faixa sur, e unha soa na faixa norte.[26] Dentro do réxime do clima mediterráneo, a costa oeste dos Estados Unidos e a costa de Italia, Grecia,[27] e Turquía experimentan unha tempada de chuvias nos meses do inverno.[28] Do mesmo xeito, a tempada de chuvias no deserto de Negev de Israel esténdese de outubro a maio.[29] O deserto de Sonora localízase no límite entre o clima mediterráneo e monzónico e recibe as dúas estacións de chuvias asociadas a cada réxime climático.[30]
Nas zonas tropicais, a chegada do monzón resulta nun descenso das temperaturas altas no día e un aumento das temperaturas baixas durante a noite.[31] Nalgunhas zonas, como Hong Kong, a estación chuviosa caracterízase por fortes chuvias e un vento oceánico que producen unha mellora significativa da calidade do aire.[32] No Brasil, a tempada de chuvias coincide con vientos alisios oceánicos máis febles.[25] Durante a tempada de chuvias o nivel do pH da auga vólvese máis equilibrado pola recarga dos acuíferos locais.[33] A auga tamén se suaviza porque os materiais disoltos na auga aparecen en menor concentración durante a tempada de chuvias.[34] Os regatos ou ramblas, que adoitan estar secos noutras épocas do ano, énchense de escorrentía e nalgúns casos poden chegar a ter unha profundidade de ata tres metros.[35] A lixiviación do solo durante os períodos de fortes chuvias acelera o esgotamento dos nutrientes.[35] A escorrentía excesiva das masas continentais ten un impacto significativo nas áreas oceánicas próximas, que son máis estratificadas, ou menos mixtas, debido ás fortes correntes superficiais producidas polo escorremento de chuvias torrenciais.[36]
As inundacións próducense cando a chuvia é excesiva,[37] o que pode conducir a deslizamentos de terra e fluxos de lodo nas zonas montañosas.[38] Os ríos poden desbordarse e anegar as casas.[39] As inundaciones poden ser exacerbados polos efectos dos incendios forestais que se produciron durante a estación seca anterior, xa que os solos areosos ou compostos de marga poden volverse hidrofóbicos ou repelentes da auga.[40] Hai varias formas en que as organizacións gobernamentais axudan aos seus residentes a lidar coas inundacións da estación chuviosa. Elabóranse mapas dos terreos anegables para identificar as zonas máis propensas ás inundacións.[41] Lévanse a cabo campañas para controlar a erosión, cunha divulgación que se fai mesmo por teléfono e Internet.[42]
A tempada de chuvias é o principal período de crecemento da vexetación no réxime climático das sabanas.[43] Non obstante, isto tamén significa que a tempada de chuvias adoita ser unha época con escaseza de alimentos ata que os cultivos acaden a súa plena madureze poden ser recollidas.[44] Isto provoca un cambio no peso estacional dos habitantes de países en desenvolvemento, en que ocorre unha caída de peso durante a tempada de chuvias ata o momento da primeira colleita, cando o peso aumenta novamente.[45] A incidencia de malaria aumenta cando a tempada de chuvias coincide con temperaturas elevadas.[46]
As vacas paren a comezos da tempada de chuvias.[47] O inicio da tempada de chuvias tamén sinala a partida das bolboretas monarcas de México.[48] As especies de bolboretas tropicais son máis activas durante a estación chuviosa que na estación seca, e teñen marcas esféricas máis longas nas súas ás para protexerse contra depredadores diúrnos.[49] Nos trópicos e nas zonas máis cálidas das rexións subtropicais, a estación chuviosa leva a unha diminución da salinidade nos humedais costeiros, e isto provoca un aumento da aniñación dos crocodilos.[50] Outras especies, como o Anaxyrus californicus, desovan nos meses despois das chuvias estacionais.[51] Os armadillos e as serpes de cascabel buscan terreos máis elevados durante a tempada de chuvias.[52]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.