político zimbabwés From Wikipedia, the free encyclopedia
Emmerson Dambudzo Mnangagwa, nado o 15 de setembro de 1942, é un revolucionario e político cimbabués que exerce como o terceiro e actual presidente de Cimbabue dende o 24 de novembro de 2017.
Membro de ZANU-PF e aliado durante moitos anos do presidente anterior, Robert Mugabe, ostentou unha serie de postos de goberno e foi vicepresidente de Cimbabue durante o goberno de Mugabe até novembro de 2017, cando foi destituído antes de chegar ao poder nun golpe de Estado. O 26 de agosto de 2018 gañou as eleccións xerais de Cimbabue.
Mnangagwa naceu en 1942 en Shabani, Rodesia do sur, nunha familia numerosa da etnia Shona.[1] Os seus pais eran campesiños, e na década de 1950 a familia tivo que se mudar a Rodesia do norte debido ao activismo político do seu pai. Alí, Emmerson realizou actividades anti-coloniais, e en 1963, uniuse ao novo Exército de Liberación Nacional Africano de Cimbabue, o brazo militar da Unión Nacional Africana de Cimbabue (ZANU), e regresou a Rodesia en 1964.[2] Liderando un grupo chamado a "Banda do Crocodilo", atacaba granxas de donos brancos nas montañas do oeste de Cimbabue. En 1965, fixo estourar un tren preto de Fort Victoria (agora Masvingo)[3] polo que pasou dez anos no cárcere (onde coñeceu a Robert Mugabe),[2] foi logo liberado e deportado a Rodesia Do norte, por aquel entón xa un país independente chamado Zambia. Estudou entón na Universidade de Zambia e máis tarde na Universidade de Londres, e exerceu como un avogado. Pero pronto deixou a práctica privada legal e foi ao Mozambique portugués para volverse unir ao ZANU. Alí foille asignado o labor de escolta de Robert Mugabe,[1] ao que acompañou a asinar o Acordo da Casa de Lancaster, que recoñecía a independencia de Cimbabue en 1980.[2]
Despois da independencia, Mnangagwa ostentou unha serie de cargos no goberno de Mugabe. Desde 1980 a 1988, foi Ministro de Seguridade Estatal, e supervisou a Organización Central de Intelixencia. É debatido o seu papel nos masacres do Gukurahundi, nos que miles de civís ndebele foron asasinados e que ocorreron durante o seu mandato.[4][5]
Foi Ministro de Xustiza e Asuntos Legais e Parlamentarios de 1989 a 2000 e logo Portavoz do Parlamento de 2000 a 2005, cando foi degradado a Ministro de Aloxamento Rural para disuadilo abertamente de suceder o avellentado Mugabe. Recuperou o favor durante as eleccións xerais de 2008, nas que participou na campaña de Mugabe, orquestrando violencia política contra o Movemento para o Cambio Democrático - Tsvangirai. Mnangagwa exerceu como Ministro de Defensa de 2009 até 2013, cando se converteu outra vez en Ministro de Xustiza. Foi tamén nomeado Primeiro Vicepresidente en 2014 e era amplamente considerado como candidato principal para suceder a Mugabe.
A ascensión de Mnangagwa contou coa oposición da muller do presidente, Grace Mugabe,[6] e a súa facción chamada Xeración 40. Foi destituído dos seus cargos por Mugabe en novembro de 2017, e fuxiu a Suráfrica.[7] Pouco despois, o xeneral Constantino Chiwenga, apoiado por elementos das Forzas de Defensa de Cimbabue e membros da facción de Mnangagwa, coñecida como Lacoste, deu un golpe. Despois de perder o apoio do ZANU-PF, Mugabe dimitiu,[6] e Mnangagwa regresou a Cimbabue para asumir a presidencia.[8] Asegurou o seu primeiro mandato completo como Presidente de Cimbabue nas eleccións de xullo de 2018, que gañou cun 50.8% dos votos.[9]
Mnangagwa é alcumado "Garwe" ou "Ngwena", que significa "o crocodilo" en lingua shona,[10][11] inicialmente porque ese era o nome do grupo guerrilleiro que fundou, e máis tarde debido á súa sagacidade política. A facción dentro do ZANU–PF que o apoia é chamada Lacoste como a empresa de roupa francesa cuxo logo é un crocodilo.[12][13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.