From Wikipedia, the free encyclopedia
Un elemento regulador en cis ou elemento cis regulador (do inglés cis-regulatory element, CRE) ou tamén elemento cis[1] é unha rexión do ADN ou do ARN que regula a expresión de xenes situados na mesma molécula de ADN (normalmente refírese a un cromosoma). Estes elementos dise que teñen unha actuación en cis ou que actúan en cis (cis-acting). A palabra cis vén do latín e significa "no mesmo lado que". Un elemento cis pode estar localizado augas arriba da secuencia codificante do xene que controla (nunha rexión promotora ou mesmo aínda máis augas ariba en amplificadores), ou augas abaixo da secuencia codificante do xene, ou no propio xene (por exemplo nun intrón ou na rexión UTR), ou no ARNm.
Un exemplo de secuencia regulatoria que actúa en cis é o operador do operón lac. A esta secuencia de ADN únese o represor lac, o cal impide a transcrición dos xenes adxacentes na mesma molécula de ADN. O operador lac considérase que actúa en cis na regulación dos xenes próximos. O propio operador non codifica unha proteína ou ARN, senón que só é un sitio de unión de moléculas.
Algúns xenes exprésanse coordinadamente durante un mesmo momento do desenvolvemento porque teñen módulos de secuencia comúns, que son elementos de resposta que actúan en cis.
Polo contrario, un elemento regulador en trans ou elemento trans regulador é un xene que produce un factor difusible, normalmente unha proteína, que pode modificar a expresión de xenes afastados do xene do que foi transcrito (ás veces se lle chama elemento regulatorio en trans á propia proteína ou factor). Ese factor que actúa en trans pode ser, por exemplo, un factor de transcrición que regula un xene no cromosoma 6 pero que se transcribiu a partir dun xene situado no cromosoma 11. O termo ten a palabra latina trans, que significa "ao outro lado de". Son factores deste tipo os factores de transcrición xerais, os factores de transcrición específicos de tecidos ou as proteínas de unión ao ADN regulatorias. Tamén poden selo certos ARN pequenos regulatorios.
Hai, pois, elementos cis reguladores e trans reguladores. Os elementos en cis non codifican proteínas ou ARN (son sitios de unión); os elementos en trans codifican proteínas e/ou moléculas de ARN e actúan indirectamente a través delas. Os elementos cis reguladores con frecuencia son sitios de unión para un ou máis factores que actúan en trans.
En resumo, os elementos reguladores en cis están presentes na mesma molécula de ADN que o xene ao cal regulan, mentres que os elementos reguladores en trans poden regular xenes moi afastados do xene do cal se transcribiron.
Tipo | Abreviatura | Función | Distribución | Ref. |
---|---|---|---|---|
Elemento de cambio de marco | Regula o uso de marcos alternativos nun ARNm | Arqueas, bacterias, eucariotas, virus de ARN | [2][3][4] | |
Elemento de resposta ao ferro | IRE | Regula a expresión de xenes asociados co metabolismo do ferro | Eucariotas | [5] |
Péptido líder | Regula a transcrición de xenes asociados ou operóns | Bacterias | [6] | |
Sitio interno de entrada ao ribosoma | IRES | Inicia a tradución no medio dun ARNm | virus de ARN, eucariotas | [7] |
Secuencia de inserción de pirrolisina | PYLIS | Dirixe a tradución como pirrolisina dun codón inmediatamente adxacente UAG (que normalmente é un codón de parada) | Arqueas | [8] |
Riboswitch | Regulación xénica | Bacterias, eucariotas | [9] | |
Secuencia de inserción da selenocisteína | SECIS | Dirixe a tradución como selenocisteína do codón UGA (normamente un codón de parada) | Metazoos | [10] |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.