avogado, economista e divulgador científico catalán From Wikipedia, the free encyclopedia
Eduard Punset i Casals, nado en Barcelona o 9 de novembro de 1936[1] e finado ibídem o 22 de maio de 2019,[2] foi un avogado, político, economista e divulgador científico catalán.
Licenciado en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid e cun máster en Ciencias Económicas pola Universidade de Londres, foi redactor económico da BBC, director económico da edición para América Latina do semanario The Economist e economista do Fondo Monetario Internacional nos Estados Unidos e en Haití. Como especialista en temas de impacto das novas tecnoloxías, foi asesor de COTEC, Profesor Conselleiro de Márketing Internacional na ESADE (Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas), presidente do Instituto Tecnolóxico Bull, profesor de Innovación e Tecnoloxía do Instituto de Empresa (Madrid), Presidente de Enher, Subdirector Xeral de Estudos Económicos e Financeiros do Banco Hispanoamericano, e Coordinador do Plan Estratéxico para a Sociedade da Información en Cataluña.
Foi autor de diversos libros sobre análise económica e reflexión social. Foi profesor de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade na Facultade de Economía do Instituto Químico de Sarrià (Universidade Ramon Llull), director e presentador do programa de divulgación científica Redes en TVE desde 1996 e presidente da produtora audiovisual Smartplanet.
Trala morte de Franco, comezou a súa participación política con Centristes de Catalunya. Participou na implantación do Estado das autonomías como conselleiro de finanzas da Generalitat en 1978 e pouco despois, entre setembro de 1980 e febreiro de 1981, tivo un destacado papel na apertura de España ó exterior como Ministro de Relacións para as Comunidades Europea no goberno de Adolfo Suárez[3][4] e trala incorporación de España á Unión Europea, foi elixido eurodeputado en 1987 e en 1989 polo CDS, e seguiuno sendo até 1994.[3]
Como Presidente da delegación do Parlamento Europeo para Polonia tutelou parte do proceso de transformación económica dos países do leste despois da caída do Muro de Berlín.
En 1991, creou un partido propio, Foro, co que se chegou a presentar ás eleccións europeas de 1994, sen éxito, e o partido disolveuse en 1995 e Punset abandonou a política. Nos seus últimos anos, apareceu en varios actos de Junts per Catalunya.[4]
Aínda que conseguiu numerosos premios polo labor divulgador, tamén ten colleitado numerosas críticas.[5][6][7]
O carisma do divulgador favoreceu, en ocasións, ser tomado por un científico a pesar de que a súa formación universitaria era en ciencias xurídicas e non nos campos científicos nos que realizaba o traballo de divulgador.[8][9]
Tamén o contido de varios dos seus libros foi colocado en paralelismo ao doutro coñecido gurú espiritualista como Deepak Chopra. Este é un persoeiro controvertido que emprega conceptos propios da mecánica cuántica no que ten denominado como "Medicina cuántica". Deepak foi deosado publicamente por físicos especialistas na mecánica cuántica polo lucrativo e incorrecto uso que fai desta materia nos seus libros de autoaxuda. E, Punset, no capítulo VII do libro "Cara a cara con la vida, la mente y el Universo", amosa interese polas teorías de Chopra.
Finalmente, Punset tamén foi criticado polo seu achegamento á pseudociencia, o uso frecuentemente incorrecto de termos científicos e, en xeral, por unha visión lixeira e pouco rigorosa da ciencia. O título dos seus libros (Viaje al optimismo, Viaje a las emociones, El viaje al poder de la mente ou El alma está en el cerebro) inclina a pensar a proximidade do autor ao mesmo xénero da autoaxuda; tese confirmada no seu "Apoio psicolóxico online" facilitado pola páxina da súa fundación,[10][11], así como a súa presenza en calidade de invitado en diferentes feiras que promoven a espiritualidade, a pseudociencia e as terapias alternativas.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.