Remove ads
escritora e deseñadora estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Edith Wharton, de solteira Edith Newbold Jones, nada en Nova York o 24 de xaneiro de 1862 e finada en Saint-Brice-sous-Forêt (Francia) o 11 de agosto de 1937, foi unha escritora e deseñadora estadounidense. En 1921 converteuse na primeira muller en gañar o premio Pulitzer.[1]
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Naceu nunha familia adiñeirada que lle proporcionou unha sólida educación privada. Combinou a súa privilexiada posición cun natural enxeño para escribir novelas e relatos, que destacaron polo seu humor, carácter incisivo e escaseza de acción narrativa. Así mesmo, traballou en diversas publicacións.
En 1885, á idade de vinte e tres anos, Edith casou con Edward (Teddy) Robbins Wharton, doce anos máis vello ca ela. Divorciáronse en 1913 polas repetidas e públicas infidelidades do seu marido, que a afectaron mental e fisicamente. Durante algúns anos, ao final do seu tumultuoso e infeliz matrimonio, mantivo un idilio con William Morton Fullerton (1865–1952), xornalista estadounidense que traballaba no diario The Times. Fullerton era bisexual e alternaba a súa relación coa escritora cun romance con Lord Ronald Coller, raxá de Sarawak.
Dende fins do século XIX, Wharton produciu un gran número de novelas, libros de viaxes, relatos (entre os que destacan algúns contos de pantasmas memorables) e poemas. En 1902 publicou unha novela histórica titulada The Valley of Decision. A crítica considera como a súa primeira gran novela The House of Mirth (1905), unha historia que ironiza sobre a aristocracia financeira neoiorquina da que ela mesma era un membro destacado.
Edith Wharton era unha grande admiradora da cultura e da arquitectura europea, o que a fixo cruzar o Atlántico un total de 66 veces antes de morrer.
En 1907 estableceuse definitivamente en Francia, onde foi discípula e amiga de Henry James. Primeiro instalouse en París e a partir de 1919 nas súas dúas casas de campo, Pavilion Colombe na próxima Saint-Brice-sous-Forêt e no antigo convento de Sainte-Claire le Château en Hyères ao sueste de Francia.
Desta época destaca a súa novela curta Ethan Frome, unha tráxica historia de amor entre persoas correntes ambientada en Nova Inglaterra, que se publicou en 1911. En opinión de moitos críticos, este libro alcanza, pola súa sinxeleza, unha universalidade que non teñen as súas novelas de sociedade.
Ela vivía na moi de moda Rue de Varenne en París cando comezou a primeira guerra mundial e empregando as súas altas conexións co Goberno francés, conseguiu permisos para viaxar en motocicleta polas liñas da fronte. Wharton describiu esa experiencia nunha serie de artigos que posteriormente se recompilaron no ensaio Fighting France: From Dunkerque to Belfort (1915).
Durante a guerra tamén traballou para a Cruz Vermella cos refuxiados, polo que o goberno francés lle outorgou a cruz da Lexión de Honra. O seu labor social foi moi extenso; Wharton dirixiu salas de traballo para mulleres desempregadas, celebrou concertos para dar traballo a músicos, apoiou hospitais para tuberculosos, e fundou os American Hostels para axudar aos refuxiados belgas. En 1916, editou un volume titulado The Book of the Homeless reunindo escritos, ilustracións e partituras dos máis grandes nomes do mundo da creación artística do momento. Ao acabar a guerra, volveu aos Estados Unidos, país que non volveu pisar.
Aínda que non formaban parte do refinado mundo da autora, Edith Wharton quedou fascinada e loitou polo recoñecemento da comunidade artística de Montmartre e Montparnasse.
Foi membro da Academia Americana das Artes e as Letras (1926) e do Instituto Nacional das Artes e as Letras. O goberno dos Estados Unidos concedeulle a medalla de ouro deste último Instituto Nacional en 1924, e foi a primeira muller en alcanzar tal distinción.
A súa obra máis coñecida é A idade da inocencia (The Age of Innocence) de 1920, que gañou o premio Pulitzer en 1921. Como neses anos Edith Wharton falaba fluidamente francés, moitos dos seus libros foron publicados tanto en inglés como en francés. En 1923, foi a primeira muller nomeada Doutora honoris causa pola Universidade Yale.
Foi amiga e confidente de moitos intelectuais do seu tempo. Henry James, Francis Scott Fitzgerald, Jean Cocteau e Ernest Hemingway foron convidados seus nalgunha ocasión. Tamén foi unha boa amiga do presidente Theodore Roosevelt.
Edith Wharton foi amplamente respectada, ademais, como paisaxista e asesora de estilo no seu tempo e escribiu algúns libros decisivos respecto diso, como The Decoration of Houses e Italian Villas. The Mount, a súa propiedade en Lennox, Massachusetts, foi deseñada pola escritora e exemplifica os seus deseños.
Continuou a escribir até o seu falecemento en Saint-Brice-sous-Forêt, na rexión de Île-de-France, preto de París. Está enterrada no cemiterio de Gonards en Versalles.
A súa última novela, The Buccaneers quedou inconclusa no momento da súa morte. Marion Mainwaring terminou a historia despois dun minucioso estudo das notas e a sinopse que Wharton deixou escritas. A novela foi publicada en 1938 na súa versión incompleta e en 1993 na definitiva.
Unha das características de moitas das súas novelas é o frecuente uso da ironía. Crecendo na clase alta da sociedade da preguerra, Wharton converteuse nunha das máis astutas críticas deste grupo social. Mostrou nalgunhas das súas obras como The House of Mirth ou A idade da inocencia a estreiteza de miras e a ignorancia da alta sociedade a través dun hábil uso da ironía.
Wharton adoitaba usar o vocabulario e dicción propios desta clase social neoiorquina nas súas prácticas rituais e costumes como recurso para mostrar o particular da súa existencia. Precisamente o coñecemento persoal que tiña dese grupo social fixo que os seus escritos de ficción fosen verídicos, case ensaios sobre os usos e convencionalismos dunha parte da sociedade que permanecía oculta para o gran público. Iso si, os seus escritos gozan de gran fondura psicolóxica no retrato das súas personaxes, en especial en situacións nos que a boa compostura indicaba que debían quedar silenciados e que grazas á destreza literaria de Wharton, abren as súas mentes aos lectores.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.