Dorothé Schubarth
musicóloga e compositora suíza From Wikipedia, the free encyclopedia
Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023,[1] foi unha investigadora, docente, musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, primeiramente o Cancioneiro galego de tradición oral, publicado en 1982,[2] e, posteriormente, o monumental Cancioneiro popular galego en sete volumes, editado en 1984 e dixitalizado en 2012 pola Fundación Barrié.[3]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de setembro de 1944 Basilea, Suíza |
Morte | 6 de setembro de 2023 (78 anos) Basilea, Suíza |
Actividade | |
Ocupación | musicóloga, docente, compositora, etnomusicóloga |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Diccionario de escritores en lingua galega |
![]() |
Recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica Galicia (1985), o Pedrón de Honra (2013), dedicóuselle o primeiro Día das Galegas nas Letras, no ano 2014, e foi nomeada Mestra da Memoria en 2019 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Traxectoria
Carreira profesional


Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna.[4] Dende este lugar desenvolveu unha intensa tarefa de pescuda da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. Como resultado destes traballos de campo publicou a obra Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen ("O canto popular en Europa. Diversidade das súas formas").[5]
Chegada a Galicia
En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a súa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso deveu, grazas a unha bolsa da Fundación Barrié,[6] en anos de pescudas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.[4] En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, para o que contou coa colaboración do profesor Antón Santamarina, publicouse o Cancioneiro popular galego, en sete volumes,[7] nunha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Esta obra está considerada o máis amplo repertorio da musical popular de tradición oral galega.
Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubarth levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando unha proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pescudadora culta que recolleu os seus nomes. Foron cinco anos de traballo arreo por aldeas, montes e corredoiras, que non remataron coa publicación dos materiais, senón que crearon un vínculo permanente da musicóloga con Galicia. Algunhas das persoas que lle serviron de informantes seguiron mantendo a relación con ela.
No ano 2014, doou os seus rexistros sonoros,[7] 248 CD (copias dixitalizadas das gravacións orixinais) coas correspondentes transcricións a cargo de Antón Santamarina, ao Museo do Pobo Galego, onde foron incorporados ao seu arquivo dixital e ao Consello da Cultura Galega que permite o seu acceso no Arquivo Sonoro de Galicia. Neste mesmo ano, a plataforma de crítica literaria feminista A Sega dedicoulle o Día das Galegas nas Letras.[8] No ano 2020, elaborouse o documental Dorothé na Vila que mostra e reflexiona sobre o traballo de campo realizado pola musicóloga suíza case medio século antes.[9]
Recoñecementos
- Premio da Crítica Galicia, VIII Edición, (1985).
- Premio Día do Orgullo Gaiteiro da AOFT Gomes Mouro Ourense (2009).[10]
- Premio Pedrón de Honra (2013).[11]
- Día das Galegas nas Letras (2014).[12]
- Galardón honorífico dos Premios Martín Codax (2017).[13]
- Premio Honorífico da Asociación de Músicos ao Vivo (2017).[14]
- Mestra da Memoria 2019 da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega[15][16]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.