From Wikipedia, the free encyclopedia
Amalos, Amelos ou Amelungos (en alemán: Amaler e, en latín: Amali) foi a denominación dunha dinastía dos godos que, posteriormente, se converteron na casa real dos ostrogodos (tamén chamados grutungos) e fundaron o reino ostrogodo de Italia. O vocábulo deriva de Amalungen ("os incansables" ou os "heroes do traballo"[1]), aínda que segundo outras fontes, significaría "os celestiais".[2]
A oriixe e historia dos Amalos foi descrita na obra Getica de Xordanes, na que se presenta unha xenealoxía das 19 xeracións de gobernantes desta dinastía, dende o seu fundador Gapt até Vitixes (reinado 536-540), que se uniu en casamento a Matasunta:[3]
Agora o primeiro destes heroes, como eles mesmoss relatan nas súas lendas, era Gaute, que xerou Hulmul. E Hulmul xerou Augis; e Augis xerou a quen foi chamado Amal, de quen provén o nome de Amalos. Ese Amal xerou Hisarnis. Hisarnis, xerou Ostrogoda, e Ostrogoda xerou Hunuil, e Hunuil á súa vez xerou Atal. Atal xerou Aquiulfo e Odulfo. Agora Aquiulfo xerou Ansila e Ediulfo, Vultulfo e Hermenerico. E Vultulfo xerou Valaravano e Valaravano xerou Vinitario. Vinitario, ademais xerou Vandalario; Vandalario xerou Teodomiro e Valamiro e Videmiro; e Teodomiro xerou Teodorico. Teodorico xerou Amalasunta; Amalasunta xerou Atalarico e Matasunta de seu marido Eutarico, cuxa raza foi así unida á dela en parentesco. O supracitado Hermenerico, o fillo de Aquiulfo, xerou Hunimundo, e Hunimundo xerou Torismundo. Agora Torismundo xerou Berimundo, Berimundo xerou Veterico e Veterico, á súa vez, xerou Eutarico, que casou con Amalasunta, e xerou Atalarico e Matasunta. Atalarico morreu nos anos da sús infancia, e Matasunta casou con Vitixes, de quen ela non tivo fillo. Ambos foran levados xuntos por Belisario para Constantinopla. Cando Vitixes pasou dos asuntos humanos, Xermano, o patricio, un curmán do emperador Xustiniano, tomou a Matasunta en casamento e a fixo unha patricia ordinaria. E dela el xerou un fillo, tamén chamado Xermano. Após a morte de Xermano, ela decidiu permanecer viúva.
Os Amalos convertéronse, posteriormente, na principal dinastía ostrogoda e crearon o reino ostrodogo de Italia e Panonia.
Segundo a Gética, algún tempo despois da migración dos godos dende Gotiscandza (actual zona sur de Suecia) até Escitia (actual Ucraína) baixo Filimero, os ostrogodos (grutungos) comezaron a ser gobernados polos Amalos, mentres que os visigodos (tervíngos) o foron polos Baltos. Os amalos seguiron sendo unha destacada familia ostrogoda, especialmente durante o reinado de Hermanarico no século IV. Durante este período, os hunos baixo Balamber atacaron os godos e fixeron aos grutungos os seus vasalos. Os Amalos continuaron reinando baixo soberanía huna e participaron na batalla dos Campos Cataláunicos baixo Atila, o huno (434-453).[4]
Trala morte de Atila, os irmáns Teodomiro (reinado 451-474/475), Valamiro (reinado 451-465) e Videmiro (reinado 451-473), rebeláronse contra os hunos, derrotándoos na batalla de Nedao e conseguindo a independencia para a súa xente. Tras iso, foron reasentados en Panonia co consentimento do emperador Marciano (r. 450–457) e fundaron un reino federado na rexión.[5] Teodorico o Grande (reinado 474–526), fillo de Teodomiro, no 493, fundaría o Reino Ostrogodo de Italia,[6] e cara ao 494, uniu a dinastía ostrogótica e visigótica co matrimonio da súa filla Teodegoda con Alarico II (reinado 484–507)[7] do Reino visigodo de Toledo, e desa unión naceu Amalarico (reinado 511–531).[7]
Máis tarde, no 515, uníronse as dúas ramas existentes de Amalos casando a súa outra filla Amalasunta con Eutarico.[3][8]
No Nibelungenlied (en galego, Canción dos Nibelungos) e noutros poemas épicos medievais xermánicos, os seguidores de Teodorico de Verona (en alemán, Dietrich von Bern) son coñecidos como amelungos. Noutros casos, son interpretados como o nome dos devanceiros de Teodorico.[9] Nas Kaiserchronik (en galego, Crónicas dos emperadores), tamén se refiren á familia de Teodorico como Amelungos,[10] e nunha carta do bispo Meinardo de Bamberg,[11] así como nos Quedlinburger Annalen (en galego, Anais de Quedlinburg), o propio Teodorico emprega a verba amelungo para se referir a el mesmo.[12]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.