moeda conmemorativa estadounidense de 1995 From Wikipedia, the free encyclopedia
O dólar de prata dos Xogos Olímpicos Especiais é unha moeda conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 1995 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de West Point.
Dólar de prata dos Xogos Olímpicos Especiais | |
---|---|
A/: Retrato de Eunice Kennedy Shriver, fundadora dos Xogos Olímpicos Especiais. Data e marcas de ceca e de gravador (TJF).
Lendas: SPECIAL OLYMPIC WORLD GAMES / LIBERTY / IN GOD WE TRUST |
R/: Unha rosa, unha medalla dos Xogos Olímpicos Especiais e un texto de Eunice Kennedy Shriver. Marca de gravador (TDR).
Lenda: UNITED STATES OF AMERICA · E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
Esta moeda dun dólar foi autorizada pola Lei 102-328, do 29 de setembro de 1994,[1] pola que se dispuxo a emisión dunha moeda conmemorativa da celebración dos Xogos Olímpicos Especiais de 1995, en Connecticut, nos que participan persoas con discapacidade intelectual.[2]
No anverso da moeda, obra de T. James Ferrell, amósase a cabeza cara á esquerda da filántropa Eunice Kennedy Shriver (1921-2009) como fundadora dos Xogos Olímpicos Especiais, rodeada por unha lenda alusiva a estes xogos, xunto cos lemas IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses.[2][3]
Kennedy Shriver foi a primeira muller viva en ser representada nunha moeda estadounidense. No entanto, existe certa controversia acerca da exactitude da atribución de ser a fundadora dos Xogos Olímpicos Especiais, xa que algúns entenden que este mérito lle corresponde máis a outra das cofundadoras, Anne M. Burke, polo que consideran incorrecto o deseño elixido para esta moeda conmemorativa.[3][4]
Pola súa banda, o reverso, creado por Thomas D. Rogers, está caracterizado por un deseño composto por unha rosa, unha das medallas olímpicas entregadas nestes Xogos e unha cita de Eunice Kennedy Shriver, reproducida en oito liñas: "AS WE HOPE / FOR THE BEST IN / THEM, HOPE IS / REBORN IN US." EUNICE / KENNEDY / SHRIVER, FOUNDER ("'Ao esperarmos o mellor deles, a lembranza renace en nós'. Eunice Kennedy Shriver, fundadora"). Este conxunto está rodeado por unha lenda que abrangue o nome do país, UNITED STATES OF AMERICA, o valor facial, ONE DOLLAR, e o lema E PLURIBUS UNUM.[2][3]
A lei que autorizou a emisión destas moedas conmemorativas prevía unha tiraxe máxina de 800.000 exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de West Point na súa versión estándar, en tanto que e Casa da Moeda de Filadelfia se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof), e a emisión estivo dispoñible para a súa adquisición por parte da poboación a partir do 2 de maio de 1995.[2][3]
A súa produción foi de 89.301 moedas na súa condición estándar e 351.764 en versión con acabamento especial (proof) o que fai un total de 441.065 exemplares.[3][5] Algunhas fontes sosteñen que houbo un benefactor empresarial que adquiriu un lote de 250.000 destas moedas para así salvar a emisión das perdas financeiras e tamén da sensación de vergoña polo escaso acollemento da poboación cara a unha moeda solidaria. Posteriormente entregáronse tamén algunhas destas moedas aos atletas das Olimpíadas Especiais de 1998.[3]
Este dólar conmemorativo comercializouse aos prezos de 32 dólares en condición estándar e 35 en versión proof.[3] Consonte a lei que autorizou a moeda, o beneficio acadado pola súa venda foille outorgado ao Comité Organizador dos Xogos Olímpicos Especiais, para sufragar os gastos de organización dos Xogos Olímpicos Especiais de 1995.[2][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.