Concurso España

torneo futbolístico From Wikipedia, the free encyclopedia

O Concurso España[1][2][3][4][5][6][7][8][9] foi un torneo futbolístico por eliminación directa organizado pola Federación Española de Clubs de Foot-ball (FECF), antecesora da Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Foi creado como unha nova competición na que se permitía a participación de xogadores estranxeiros, os cales foran previamente excluídos do Campionato de España a causa de disputas xurdidas entre os clubs durante o torneo de 1911. Só se disputou unha edición en 1912 e o gañador foi o Deportivo da Coruña. O 25 de marzo de 2023 a xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade do torneo.[6][7][8]

Datos rápidos Tipo, Deporte ...
Concurso España
Tipocompetición futbolística
Deportefútbol
Localización  e  Datas
PaísEspaña
Vixencia1912 – 1913

Pechar

En 1913, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball (RUECF), unha escisión da FECF, organizou un torneo análogo denominado Copa España,[10][11][12][13] do que non se chegaría a disputar a fase final.

Historia

Prohibición de estranxeiros tralo Campionato de España de 1911

Durante o transcurso da Copa do Rei de 1911 estalou unha gran polémica no tocante á aliñación de xogadores estranxeiros. O Deportivo da Coruña e a Academia de Enxeñeiros retiráronse xa antes do comezo do torneo, pero o punto álxido chegou tralo encontro Fortuna de Vigo-Athletic Club que gañou o equipo vasco con tres ingleses na aliñación. A Real Sociedad denunciou a aliñación indebida de dous dos xogadores ingleses do Athletic, Sloop e Martin, alegando que non levaban residindo en España o tempo mínimo establecido para poderen participar segundo as normas federativas. A Federación Española de Clubs de Football (FECF) rexeitou a denuncia e a Real Sociedad retirouse do campionato en sinal de protesta. A disputa do torneo continuou convulsamente, co Athletic deixando de aliñar os dous devanditos xogadores pero negándose a repetir o partido fronte ao Fortuna, e con varios equipos como o FC Barcelona, a Gimnástica Española e a Academia de Cabalería retirándose do torneo por diversas razóns en medio do malestar xeral. O preito aínda continuaría nos despachos, coa Federación anulando o torneo para logo desfacer esta decisión e proclamar campión o Athletic. A partir deste evento o Athletic Club comezaría a súa política de fichar só xogadores vascos ou formados nos equipos vascos.[14][15]

Para a Copa do Rei de 1912 a FECF decidiu non permitir a aliñación de xogadores estranxeiros. Concretamente no seu punto 7º das bases do torneo estableceu que: “os xogadores que formen os equipos para este campionato e os seus suplentes deberán ser españois, considerando como tales a quen o son segundo a Constitución do Estado español”.[16][17] Esta decisión foi tomada na asemblea da FECF que tivo lugar en decembro de 1911.[18][19][20]

Durante a citada asemblea tamén foi acordada a creación dunha nova competición na que se permitirían xogadores estranxeiros, en compensación pola súa exclusión do Campionato de España.[21][22][23] En abril de 1912 corría o rumor de que a FECF planeaba celebrar este torneo na Coruña en verán.[24]

Concurso España da Federación Española de Clubs de Foot-ball (1912-13)

O Deportivo da Coruña e o Vigo F.C. foron os únicos equipos que disputaron unha final desta competición en 1912.

Na asemblea da FECF de maio de 1912, oficializouse a creación dun novo torneo no que si estaba autorizada a participación de xogadores estranxeiros, outorgando como premio un trofeo doado pola propia Federación.[25] Inicialmente este torneo íase disputar en Madrid, pero finalmente foi trasladado á Coruña.[26] A competición, que se proxectaba disputar anualmente, foi denominada Concurso España. O premio para o gañador sería un trofeo de prata que era chamado Copa España, no cal se atopaba gravada a denominación Concurso España, nome oficial da competición.[9] O club vencedor ficaría en posesión do trofeo durante un ano, coa obriga de entregalo á xunta directiva da FECF oito días antes de se pechar o prazo de inscrición da seguinte edición. O devandito trofeo ficaría en propiedade do primeiro equipo que gañase o torneo dúas veces seguidas ou tres alternativas.[1][2][27][28][29][3][30]

A inscrición estaba aberta a calquera club español afiliado a RFECF,[2][3][28] pero finalmente non acudiron equipos de fóra de Galiza e soamente se inscribiron o Deportivo da Coruña, o Vigo e o Pontevedra Sporting,[31] este último retirandose antes da celebración do torneo,[31][32] deixando así a competición nun cara a cara entre o Deportivo e o Vigo. A final deu comezo o día 7 de setembro de 1912. Cando faltaban poucos minutos para o final, o encontro tivo que supenderse, xa que anoitecera e non era posible continuar xogando pola falta de luz, polo que se acordou disputar o tempo restante o día seguinte. Naquela altura o resultado era de 4-3 a favor do Deportivo.[31][33][34] Entón, xogáronse os minutos restantes o día 8, finalizado o encontro sen modificacións no marcador, ficando así o Deportivo campión do torneo.[31][35][36] A continuación xogouse un partido amigable entre os mesmos equipos gañado polo Vigo por 3-2.[31][35][36]

El Eco de Galicia criticou a ausencia de equipos do resto do estado[32] e o xornal donostiarra Vida Sportiva falou de “fracaso” da federación.[31]

O 25 de marzo de 2023 a xunta directiva da Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade do torneo.[6][7][8]

Na asemblea da FECF de maio de 1912 (a mesma na que foi instaurado o torneo) produciuse un cisma federativo e varios clubs, entre eles a Real Sociedad e o F.C. Barcelona, decidiron abandonar a organización tras diversos desacordos,[37][38][39] fundando a finais de ese mesmo ano a súa propia federación en Donostia, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball (RUECF).[38][39][40] O propio Deportivo da Coruña seguiu os mesmos pasos, abandonando a FECF e uníndose á rebelde RUECF.[41][42][43]

A FECF chegou a publicar as bases para a disputa da segunda edición do Concurso España,[4][44] fixando o 2 de agosto de 1913 como data límite de inscrición,[4] e cuxas finais darían comezo o 6 de setembro de 1913,[44] pero non se chegaría a disputar porque nesa altura xa se estaría a levar a cabo o proceso polo cal as dúas citadas federacións se disolveron e formaron a nova Real Federación Española de Fútbol (RFEF).[38][39]

Copa España da Real Unión Española de Clubs de Foot-ball (1913)

A recentemente constituída RUECF axiña comezou a organizar os seus propios torneos en paralelo, primeiro coa disputa do seu propio Campionato de España en 1913,[38] e despois poñendo en marcha o seu torneo chamado Copa España aberto á participación de xogadores estranxeiros.[10][11][12][13] A Coruña foi escollida como sede das finais por ser un equipo coruñés o gañador do ano anterior.[10][11] O trofeo en disputa sería doado pola raíña Vitoria.[45][46][47]

Os clubs inscritos foron o FC Barcelona, o Català Sport Club, o Pontevedra Auténtico, o Real Club Coruña, o Sporting de Irún, o Club Deportivo Bilbao e a Real Sociedad.[48] Antes dos partidos finais, terían lugar partidos eliminatorios a nivel local. A eliminatoria galega gañouna o Pontevedra Auténtico[49] e a catalá o Barcelona,[50][45] que terían que xogar a fase final xunto coa Real Sociedad,[51][52] vencedora da súa zona,[53] na que estaban agrupados os equipos guipuscoanos e biscaíños.[48] Cando se aproximaba a data sinalada para a fase final —25, 26 e 27 de xullo—, a RUECF adiou a celebración desta para finais de agosto,[51][52][54] pero para entón a RUECF e a FECF xa estarían inmersas no proceso para a súa disolución e a formación da nova RFEF.[38][39]

Grupo catalán

Grupo galego

Grupo norte

Máis información Equipo, Pts ...
Equipo Pts X G E P GF GC DG
Real Sociedad 118431125+7
Deportivo Bilbao 88323612−6
Sporting de Irún 5821578−1
Pechar


Historial

Máis información Ano, Campión ...
Ano Campión Subcampión Final Estadio
Concurso España (organizado pola F.E.C.F)
1912 Deportivo da Coruña Vigo F.C. 4–3 Riazor
1913Non se disputou
Copa España (organizada pola R.U.E.C.F)
1913 Non se xogou a fase final
Pechar

Torneos homónimos

Cómpre non confundir este torneo con outros que se chaman ou son coñecidos con nomes semellantes:

  • O FC Espanya de Barcelona organizou en 1909 un torneo amigable que levou por nome Concurso España. O campión foi o FC Barcelona, sendo moi soado o partido entre os dous devanditos equipos, que foi suspendido no minuto 84 debido a incidentes e non foi retomado ata un ano e nove días despois.[56]
  • En 1928, a asemblea ordinaria da Real Federación Española de Fútbol acordou crear un torneo chamado Copa de España que sería xogado en paralelo ao Campionato de España, pero a idea foi desbotada e noutra asemblea extraordinaria celebrada o 22 de novembro dese mesmo ano acordouse crear a liga coas categorías de Primeira e Segunda división.[57]
  • Durante a Segunda República os xornais da época chamaban Copa de España ao Campionato de España.[58] Este termo segue sendo utilizado para se referir con carácter xeral ao Campionato de España, xa que o título da competición ten mudado ao longo dos anos en función do Xefe de Estado español, que é quen outorga o trofeo.[59]

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.