From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Cocos son dous bonecos das romarías de Ribadeo caracterizados polos seu gran tamaño (uns 3,50 m de altura) e mais por estar construídos e vestidos arredor dunha armazón de madeira (na actualidade, metal) para seren transportados por persoas situadas no seu interior. Os Cocos son a parella figurada máis representativa de Ribadeo. Tense constancia deles polo menos dende que en 1870 foran doados os cartos para a súa construción (960 reais de billón) por Xosé María Iglesias, segundo parece para contribuír o maior recoñecemento das festas do Carme, que naqueles tempos eran tanto ou máis importantes que as patronais de setembro. Foron empregados nos esqueletos e traxes 917 Rs. Dende o ano 2006, os Cocos están reproducidos na praciña de San Roque da vila, dando a benvida a todos os visitantes a Ribadeo.
Normalmente, executan un movemento de danza no seu percorrido ó longo das rúas. Os portadores necesitan ter forza, resistencia e equilibrio debido tanto ó peso como a que a suxeición e transporte realízase fundamentalmente mediante unhas barras situadas a menos de 1/3 da altura dos bonecos, o que fai dificultoso manter o equilibrio, e máis en días de vento. Saen á rúa en diversas festas (en particular, as patronais arredor do 8 de setembro e San Roque). Na actualidade teñen dúas estatuas, reproducións fieis en metal, situadas na ribadense praza de San Roque.
A súa recollida despois do paseo, que realizan acompañados doutros persoeiros menores, 'cabezudos'. Antigamente era acompañada polos pícaros ó berro de 'morreu papá', 'morreu mamá', derivado que para seren gardados tiñan que ser tumbados. Non saíron de Ribadeo, cunha única excepción á Pontenova.
Os cabezudos son considerados como fillos dos cocos, comezando esta tradición no 1898 co Chulo e a Chula, o Señorito e a Señorita e quizais algún outro que non se logrou, e parando a súa exhibición ó comezo da primeira guerra mundial (1914) ata o ano 1948, no que aparecen representadas as cabezas de 'Popeye', 'O Gordo' e 'O Fraco', a Señora etc. Os citados sobreviven, mentres que son numerosos os que foron descartados ó longo do tempo, é dicir, os que 'morreron'. A maior parte deles, por sorte, sobreviven. O derradeiro deles polo de agora é Manuel "o Pataqueiro", figura popular que se incorporou ós desfiles a finais dos anos oitenta do século XX. Por outra parte, durante moitos anos do pasado século, os Cocos, como corresponde a tan importante institución, tiveron o seu propio Cronista Oficial, cargo que levou durante moitos anos Xusto Barreiro Martínez, que tamén era descendente da familia que os doou.
O seu nacemento sitúase a mediados do século XIX, con data de referencia 1868 como doazón de José María Iglesias para o seu uso nas festas do Carme. A mesma familia de Xosé María Iglesias ocupouse durante un tempo do seu coidado e conservación, e despois, arredor dos anos 1895, outra rama familiar, os Pico de Coaña, ao longo de 60 anos. Xesús Pico de Coaña y Fernández foi o máis senlleiro mantedor, quen polos seus coidados da parella de xigantes foi coñecido como o Pai dos Cocos. Foi el mesmo quen nomeou o Coco cun título distinguido; o Marqués (outros din 'Presidente') da Atalaia. É por ese título polo que o Coco leva dende entón unha medalla. Xa no século XX, por arredor de corenta anos, ata o 1949 no que feneceu, foi Jesús Pico de Coaña Herráiz o seu mantedor, continuando despois o labor Ramón Fernández. Na actualidade corresponde o seu coidado e mantenza ó Concello. Os traxes seguen a ser de época, se ben xa tiveron varios cambios.
Outra persoa que se ocupou dos cocos durante máis dun cuarto de século foi, xa no século XX, o garda municipal Ramón Fernández García, quen os bailou en moitas ocasións. Nese tempo tamén lle axudaron a facer de custodios Xosé Lois García Fernández (coñecido popularmente como Choli) e Manuel Sanjurjo.
A parella vestiu sempre coa elegancia propia da súa categoría social, en especial a Coca, que foi, co paso do tempo, cambiando a moda feminina. O Coco, sempre amosou sobriedade propia da súa representación, a pesardes de pasa-lo tempo. No século XIX levou un marcial uniforme de almirante que o comenza-lo século XX presentou un aire máis civil e cerimonioso cando se lle fixo un frac dunha peza enteira de tea encargada a Nova York nos anos 1900. O matrimonio foi moi prolífico e tivo fillo en varias épocas.
En agosto de 2010 foi presentado o libro Os Cocos de RibadeoArquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine., recollendo diversos extremos da súa historia, así como anécdotas e fotografías.
Unha tradición ribadense, sen constatar documentalmente, asegura que a parella é trasunto dun matrimonio moi popular de mediados do século XIX, e que os esaxerados rizos que o Coco ten na fronte son recordo choqueiro da liberdade coa que a señora que a Coca representa vivía o seu compromiso matrimonial. En calquera caso, a anécdota fálanos xa do vello espírito liberal da sociedade da vila ribadense. Pódese dicir que foron moitos os bailadores dos Cocos, cousa que esixe forza e habilidade para revira-los recantos das dúas polas que se encanan o vento ribadense, pero de todos cantos hai memoria hai que salientar ao "Serrano Vello", que foi famoso polo ben que facía bailar os pasodobres ao Coco. A parella ten por norma non saír de Ribadeo. Contase que só houbo unha excepción nunha ocasión na que, a mediados do século XX, foron levados ás festas da Pontenova, de onde volveron un pouco mancados.
As pesadas cabezas de cartón pedra foron substituídas recentemente por unhas reproducións de plástico, máis doadas de manexar, para evitar o risco de destrución. Os orixinais consérvanse coidadosamente gardadas como un dos maiores tesouros da vila. Os Cocos e os seus fillos, os cabezudos, saen polas mañás na festa do San Roque (o 16 de agosto) e nas da Patroa, na véspera do 8 de setembro, sempre acompañados por un grupo de gaitas. Ata hai ben pouco (nos últimos anos) era tradicional que foran despedidos polos nenos ao rematar o percorrido co canto de ¡Morreu papá! e ¡Morreu mamá!, ao seren tumbados para gardalos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.