From Wikipedia, the free encyclopedia
A gaivina negra[2][3] ou carrán mouro[4] (Chlidonias niger) é unha pequena ave que se encontra xeralmente preto de zonas de augas interiores de Europa e Norteamérica, que foi clasificada na familia dos láridos (ou antes na dos estérnidos). Como o seu nome indica ten unha plumaxe predominantemente negra. Segundo como lle dea a luz pode parecer azul na estación reprodutora.[5] O nome do xénero procede do antigo grego khelidonios, 'similar á andoriña'.[6] O nome da especie procede do latín niger 'negro brillante'.[7]
Os adultos miden uns 25 cm de longo, cunha envergadura alar de 61 cm e un peso de 62 g. Teñen patas escuras curtas e un bico curto, negro e de aparencia débil, que mide 27 mm, case tan longo coma a cabeza. O bico é longo, delgado, e lixeiramente curvado. Teñen un dorso gris escuro, coa parte anterior das ás branco, cabeza negra, barriga e pescozo negros (ocasionalmente o pescozo cuberto de gris no adulto), pileo tamén negro ou marrón anegrado (coa mesma cor que as coberteiras dos oídos, formando unha caparuza case completa), e unha cola 'cadrada' gris amarronada clara. A face é branca. Ten unha gran mancha triangular escura diante dos ollos, e un colar branco ancho nos xuvenís. Presenta manchas marróns griseiras nos laterias do seu peito branco, unha prolongación cara a atrás da plumaxa das partes inferiores. Estas marcas varían en tamaño e non son moi destacadas. Na plumaxe non reprodutora a maioría da cor negra, quitando o píleo, é substituída por gris. A plumaxe da parte inferior é algo máis escura, con beiras das plumas claras. A mitra é gris amarronada.
A raza ou subespecie de Norteamérica, C. n. surinamensis, pode distinguirse da forma europea en todas as plumaxes e algúns considérana unha especie diferente.
Os batidos das ás son completos e dinámicos e o voo adoita ser errático.
A súa chamada foi descrita como un "kik" agudo; o son dunha bandada grande pode ser "enxordecedor".
A hibridación entre esta especie e a gaivina de á branca foi observada en Suecia[8] e os Países Baixos.[9] Crese que dous exemplares novos atopados en Chew Valley Lake, Inglaterra en setembro de 1978 e setembro de 1981, eran tamén híbridos, xa que presentaban unha mestura de caracteres das dúas especies, concretamente unha combinación de manto escuro (característico da gaivina de á branca) e de manchas escuras no lateral do peito (característica da gaivina negra).[10][11]
O seu hábitat reprodutor son as marismas de auga doce que se encontran na maior parte do Canadá, norte dos Estados Unidos e boa parte de Europa e oeste de Asia. Xeralmente nidifican en vexetación flotante das marismas ou no chan preto da auga. Poñen de 2 a 4 ovos.
As gaivinas negras norteamericanas migran ás costas do norte de Suramérica, algunhas polo mar aberto. Os exemplares do Vello Mundo invernan en África.
A diferenza dos carráns "brancos" do xénero Sterna, estas aves non se mergullan para capturar o peixe, senón que recollen alimento da superficie da auga ou preto da superficie e raramene se mergulla, ou capturan insectos en voo. Comen principalmente insectos, peixes e anfibios.
A raza ou subespecie americana pode chegar errante a Europa, e hai varios rexistros dela en Gran Bretaña[12][13] e Irlanda.[14][15][16] A Galicia tamén chega, onde se considera unha ave escasa e de paso.[4]
A poboación norteamericana diminuíu nos últimos anos debido á perda de hábitat.
É unha das especies ás que se lle aplica o Acordo sobre a Conservación de Aves Acuáticas Migratorias Africano-Eurasiático (AEWA).
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.