Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Castelo de El Barco de Ávila, tamén chamado Castelo de Valdecorneja, é un castelo orixinario do século XII que se sitúa dominando o río Tormes e a ponte, no punto máis elevado do val, na Provincia de Ávila. Actualmente pertence á Casa de Alba.
Castelo de El Barco de Ávila | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Concello | El Barco de Ávila |
Provincia | León |
Comunidade autónoma | Castela e León |
Coordenadas | 40°21′32″N 5°31′31″O |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | románico-gótico (século XII-XIV) |
Estilo actual | Restaurado |
[ editar datos en Wikidata ] |
Construído sobre un castro vetón que foi destruído polos romanos, foi edificado no século XII e reconstruído no século XIV. O seu perímetro é cadrado, a superficie pode calcularse en 1.700 m² sen ter en conta as dependencias desaparecidas como o foxo e contrafoxo, o anciño, o pombal, as cortes...
A porta principal é de arco gótico con grandes doelas. Á dereita da porta, álzase defendendo a devandita porta a torre da homenaxe, cadrada, dende a cal se accede ás ameas e torres grandes. Dende elas domínase todo o val e as serras circundantes.
No interior do castelo, inicialmente existía un patio de armas cun surtidor no centro e unha galería de arcadas e columnas románicas adornada cun belo coroamento gótico, conservándose parte desta nunha casa da Praza Maior. Como este castelo foi na súa primeira época puramente militar, ao habitalo os señores de Valdecorneja, condes e duques de Alba de Tormes, resultou estreito e incómodo. A finais do século XV transformouse o patio de armas nun patio de honra.
Os cuartos das damas estaban situados en liña paralela á costa da Viñas. As dos cabaleiros daban á vista do Porto de Tornavacas. Todo iso no segundo piso.
Na parte nobre do castelo achábase o toucador, a capela, os comedores e o gran salón de xuntas e audiencias. Existían fermosas ventás con maineis e asentos xunto a outros de distintas épocas.
Tamén existe unha pequena porta de escape que conduce a unha paraxe de lombas que descenden ata o río.
Foi restaurado varias veces, respectando o seu perímetro orixinal, debido ás incontables batallas que sufriu e intentos de incendio e bombardeos.
Ao iniciarse a segunda metade do século XIX ficou habilitado como cemiterio municipal. Por iso aumentou a súa deterioración ao arrancar o pavimento e grandes ocos nos seus muros.
Actualmente o castelo é de propiedade da Casa de Alba. Foi restaurado e reparado o pavimento e en parte a torre da homenaxe. É utilizado para os actos culturais que se celebran nesta localidade.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.