Remove ads
documento legal que establece unha poboación From Wikipedia, the free encyclopedia
Carta de poboamento[1], carta pobra[Cómpre referencia], privilexio de poboación[Cómpre referencia] ou en latín, chartae populationis é o nome do documento polo que os reis cristiáns, señores laicos, eclesiásticos ou as ordes militares da Península Ibérica outorgaban unha serie de privilexios aos diferentes grupos de poboación co fin de conseguir a repoboación de determinadas áreas de interese económico ou estratéxico durante a reconquista. Constituíu a primeira manifestación de dereito local que apareceu durante dito proceso.
As cartas de poboamento xurdiron no contexto do proceso de reconquista cristiá da península e da posterior repoboación das zonas recuperadas militarmente. Con eles pretendíase asegurar as novas fronteiras, mediante o asentamento dunha poboación guerreira e campesiña; e a revitalización das terras conquistadas aos musulmáns, propiciando a creación de novas fontes de riqueza e o consecuente incremento dos recursos do tesouro real. Ademais, serviron aos reis como instrumento político de equilibrio fronte ao poder señorial, permitindo a xeración de núcleos urbanos formados por homes libres, que actuaban como terceira forza entre os señores e os monarcas.
Dado que a súa finalidade primordial era atraer colonos, estas cartas limitáronse, en xeral, a fixar as condicións legais para a ocupación do territorio e o asentamento nel, así como as relacións entre os colonos e o señor da terra. Algunhas tamén contiñan unha incipiente regulación legal da vida local. Empregáronse principalmente na repoboación das zonas do norte e centro da Península Ibérica, zonas en xeral deshabitadas ou con pouca poboación residente.
Ao final da reconquista cristiá, a actividade de repoboación decaeu. Por outra banda, o poder real buscou o seu fortalecemento mediante a unidade xurídica dos reinos e os dereitos locais que son substituídos por normas xerais. Aínda así, esta fórmula perdura ata o século XVII, nalgúns ámbitos e en circunstancias concretas.
O outorgante da carta pobra era o respectivo señor do territorio: rei, conde, señor ou bispo, que actuaba por iniciativa propia (ou como delegado do rei) ou, en ocasións, a petición dos mesmos súbditos. Neste último caso, estes acordos terían un certo carácter de pacto.
Dentro das cartas de poboamento pódense distinguir diversas modalidades, segundo a súa natureza e contido. Entre eles, pódense mencionar:
Algunhas cartas de poboamento chegaron a conter certas normas de dereito civil, penal e procesual.
As cartas de poboamento están estreitamente relacionadas coas cartas forais. Nalgúns casos, a principal diferenza entre cartas e os foros vén dada pola circunstancia da súa concesión. Así o expresan determinadas letras no seu texto: concesión do lugar ad populandum, fixación dos límites, especificación do número de poboadores e da súa procedencia. Outras, en cambio, non se diferencian moito dos foros polo seu contido. Por iso, certos historiadores do dereito non comparten esta terminoloxía e distinción, por considerar que todos os documentos que, dalgún xeito, regulaban a vida local, son foros.[2]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.