Caranza, Ferrol
barrio da cidade de Ferrol From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Caranza é un barrio de Ferrol situado no alfoz da cidade, a rentes do mar. Ten a súa orixe no ano 1970 cando o Ministerio da Vivenda franquista ordenou a súa construción no couto de Caranza coa idea de que servise de aloxamento ás familias expulsadas mediante expropiación do antigo barrio de Esteiro, que foi demolido en 1974 polos planos urbanísticos. O novo barrio foi inaugurado o 22 de agosto de 1972 coa práctica totalidade das edificacións finalizadas. A entrega das novas vivendas, xa rematadas, viuse sometida a un escandaloso atraso, obrigando a maior parte das familias (de orixe obreira e humilde) a malvivir en barracóns durante máis de tres anos. No ano 1977 nunha acción espontánea e non organizada as casas comezan a ser ocupadas pola forza, sen maior oposición por parte das autoridades.
Remove ads
Remove ads
Historia
Caranza constituía parroquia de seu, e está documentada xa no século IX como Santa María de Carancia. En 1940, ao ser anexado o concello de Serantes polo de Ferrol, pasou a ser parroquia rural de Ferrol[1] e dende os anos setenta, coa construción do polígono residencial, en distrito da cidade.
O barrio, axiña convertido nun enclave-dormitorio para os obreiros da cidade, sufriu relativos abandonos por parte do poder municipal, configurándose cada vez máis a súa situación marxinal, e pasando a dotarse de moitas infraestruturas e actividades por iniciativa propia dos veciños, especialmente no ámbito deportivo. Iso tamén contribuíu a forxar parte da conciencia de barrio e do orgullo dos seus habitantes.
Na década de 1980 sufriu dun xeito especialmente intenso as consecuencias da crise naval, pasando a albergar unha boa parte dos novos parados ou afectados polas reconversións navais. A isto hai que sumarlle o impacto da heroína na súa mocidade, que o converteu durante boa parte dos anos oitenta nun dos lugares máis deprimidos, marxinados e violentos de Galiza, afectándolle tamén a consecuente caída demográfica conforme ían pasando os anos.[2]
Un grupo de persoas da veciñanza, profesionais e do mundo da política ferrolana comezaron en 1985 a súa loita particular, creando a primeira Asociación Ferrolán de Drogodependencias (ASFEDRO).[2]Na súa traxectoria, a asociación foi recoñecida en varias ocasións[3] e tras 25 anos de loitas contra a drogadición na comarca, o seu traballo foi recoñecido no ano 2010 co Premio Ferrolán do Ano, coa unanimidade do concello.[4]ASFEDRO foi declarada entidade de utilidade pública pola Xunta de Galicia en 2019.[5]
En 1987 a Asociación de Veciños impulsou o Plan de Desarrollo Comunitario Barrio de Caranza centrado en superar os problemas relacionados coa drogodependencia,[6]con actuacións sociocomunitarias e educativas abertas a toda a poboación. Foi o primeiro dos plans comunitarios galegos, que rematou unha vez que se acadaron os obxectivos do mesmo.[7]Este plan comunitario involucrou a todo o barrio e valéulles o Premio Reina Sofía ao traballo social, en 1990.
O barrio de Caranza tivo fama de ser un dos barrios menos seguros de toda Galiza pola grande concentración de colectivos marxinados pola sociedade (pobo xitano) e a gran presenza de drogas nos anos 80.[8]Posteriormente, Caranza volveu ser un barrio relativamente tranquilo, exceptuando situacións puntuais.[9]
Na década de 1990 o poder municipal levou a cabo unha serie de iniciativas, coa finalidade de mellorar as súas infraestruturas, en especial o transporte, e tamén o seu aspecto externo. Unidas á proximidade e posterior desenvolvemento do polígono comercial da Gándara, estas iniciativas normalizaron un tanto a relación do barrio co resto da cidade.

En 2006 se iniciaron as obras de construción dunha nova igrexa Nuestra Señora de la Paz,[10]unedificio deseñado polo arquitecto Antonio Bouza e a arquitecta Pilar García-Magariño.[11]
No ano 2024, dentro dos Programas Integrados de Emprego (PIE), un alumnado de 20 persoas comezaron un obradoiro dual de emprego e formación sobre aproveitamentos forestais e mellora dos montes, organizado polo concello e a Xunta de Galicia.[12] Deste xeito retomáronse no parque de O Montón e zonas anexas en Caranza, as labores de limpeza e arranxos, sendo máis de 26.000 metros cadrados que supoñen unha das meirandes zonas verdes para recreo da cidadanía de Ferrol.[13]
Remove ads
Instalacións
Educación
No barrio hai un colexio público, o CEIP Ledicia (antes Manuel Masdías, situado entre As Casas do Paseo, As Grises e o Mercado Municipal de Caranza), dous colexios concertados e de ámbito relixioso, o Santa Xoana de Lestonnac, da Compañía de María e o La Salle Ferrol dos Colegios La Salle.[14] Tamén hai un instituto, o IES Carballo Calero, e un centro de formación, o Rodolfo Ucha Piñeiro.[15]

O Concello de Ferrol inaugurou o Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño, no ano 1989, na Avenida do Mar, 2-4. A partir do ano 1997 pasou a ser xestionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.[17]
O EPAPU Santa María de Caranza, é un centro de formación para adultos fundado en 1984, e que despois de diferentes espazos estabeleceuse no edificio do desaparecido e antigo Centro de E.X.B Santamaría de Caranza, en 1995.[18]
Deporte
O club Sociedad Cultural Deportiva Recreativa Galicia de Caranza, nado a finais dos anos vinte do pasado século, é o referente deportivo e futbolístico do barrio, xogando en Terceira Rexional Galega.[19]
A comezos do século XXI construíronse un polideportivo, nomeado Xavier Gómez Noya.[20]
Cultura e ocio

En marzo de 2014 inaugurouse o Auditorio de Ferrol, un edificio de 7.000 metros cadrados situado a carón do Conservatorio de Música Xan Viaño, no barrio de Caranza.[21]
O Centro Cívico de Caranza conta con equipamentos para diversas actividades así como biblioteca e salón de actos. Teñen a súa sede a Asociación de Veciños Cuco Ruiz de Cortázar, Almat (Asociación de Loita Contra os Malos Tratos) e a Asociación de Mulleres de Caranza.[22] [23]
A praia de Caranza é un areal de 600 metros de lonxitude que no verán de 2023 obtivo a bandeira azul.[24]
Despois de máis dunha década,[25] en 2024 a comisión de festas de Caranza logrou recuperar a celebración da súa patroa Santa María de Caranza (do 9 ao 15 de agosto).[26] Así mesmo o barrio recobrou a festividade de San Pedro "Caranceiro" o 29 de xuño, celebrada cunha lumarada na zona do muíño. [27] [28][29]
O Camiño de Santiago, na ruta inglesa e dentro da súa etapa Ferrol-Neda pasa por Caranza, no seu segundo tramo.[30][31]
Remove ads
Outra información
No ano 2024, o barrio de Caranza foi protagonista na serie de televisión Rapa, como un dos escenarios no primeiro capítulo.[32]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads