From Wikipedia, the free encyclopedia
A célula de Hadley, denominada así en honra de George Hadley, é unha circulación atmosférica tropical de aire a escala global na que o aire ascende preto do ecuador, móvese en dirección aos polos a unha altura entre 10 e 15 quilómetros, descende nos subtrópicos, e despois volve cara ao ecuador preto da superficie. Esta circulación crea os ventos alisios, os cintos de chuvia tropicais e furacáns, desertos subtropicais e correntes en chorro.
En cada hemisferio, hai unha célula de circulación primaria chamada célula de Hadley a cada lado do ecuador, e dúas células de circulación secundaria en latitudes altas, entre 30° e 60°, chamadas células de Ferrel, e alén dos 60° as células ou vórtices polares. Cada célula de Hadley opera entre as latitudes de cero graos e de 30 a 40 graos norte e sur e é a principal responsable do tempo climatolóxico nas rexións ecuatoriais do mundo.
A principal forza impulsora da circulación atmosférica é a distribución desigual da calor solar na Terra, que é máxima preto do ecuador e mínima nos polos. A circulación atmosférica transporta enerxía en dirección aos polos, o que reduce o gradiente de temperatura entre o ecuador e os polos. O mecanismo polo cal se realiza isto é diferente en latitudes tropicais ou extratropicais.
Hai unha célula de Hadley a cada lado do ecuador. Cada célula rodea o globo latitudinalmente e actúa transportando enerxía desde o ecuador ata aproxmadamente a latitude de 30º. Esta circulación presenta os seguintes fenómenos[1]:
A circulación de Hadley mostra unha variación estacional. Durante as estacións solsticiais (decembro-xaneiro-febreiro e xuño-xullo-agosto), a rama ascendente da célula de Hadley non aparece directamente sobre o ecuador senón máis ben no hemisferio que está en verán. Na media anual, a rama ascenddente está lixeiramente movida cara ao hemisferio norte, deixando paso a unha célula máis forte no hemisferio sur. Isto indica que hai un pequeno transporte neto de enerxía do hemisferio norte ao sur.[1]
O sistema de Hadley proporciona un bo exemplo de circulación térmica directa. A eficiencia termodinámica do sistema de Hadley, considerado como un motor térmico, foi relativamente constante durante o período 1979~2010, e como media foi do 2,6%. Nese mesmo intervalo, a potencia xerada polo réxime de Hadley elevouse a unha velocidade media duns 0,54 TW ao ano; isto reflicte un incremento da entrada de enerxía ao sistema que se corresponde co incremento observado das temperaturas dos mares tropicais.[2]
Porén, en conxunto, as células de circulación meridional medias como a circulación de Hadley non son especialmente eficientes en reducir o gradiente de temperatura ecuador-polos debido ás anulacións que se producen entre transportes de diferentes tipos de enerxía. Na célula de Hadley, tanto a calor sensible coma a latente transpórtanse en dirección ao ecuador preto da superficie, mentres que a enerxía potencial transpórtase por encima na dirección oposta, cara aos polos. O transporte neto resultante cara aos polos é de só un 10% deste transporte de enerxía potencial. Isto é en parte o resultado das fortes restricións impostas sobre a circulación atmosférica pola conservación do momento angular.[1]
A inicios do século XVIII, George Hadley, un avogado inglés e meteorólogo amador, non estaba satisfeito coa teoría que propuxera o astrónomo Edmond Halley para explicar a formación dos ventos alisios. O que era correcto sen lugar a dúbidas na teoría de Halley era que a calor solar creaba un movemento ascendente do aire ecuatorial, e a masa de aire das latitudes veciñas debía fluír para substituír a masa de aire ascendente. Pero para explicar o compoñente cara ao oeste dos alisios Halley propuxera que o Sol, ao moverse polo ceo, quentaba as masas de aire de forma diferente no transcurso do día. Hadley non estaba satisfeito con esta parte da teoría de Halley. Hadley foi o primeiro en recoñecer que a rotación da Terra xoga un papel na dirección tomada pola masa de aire a medida que se move en relación á Terra. A teoría de Hadley, publicada en 1735, permaneceu bastante tempo descoñecida, pero foi redescuberta independentemente varias veces. Entre os redescubridores estaba John Dalton, que despois soubo da prioridade de Hadley no descubrimento. Co tempo, o mecanismo proposto por Hadley acabou sendo aceptado, e o seu nome foi utilizándose para nomealo. A finais do século XIX demostrouse que a teoría de Hadley era deficiente en varios aspectos. Un dos primeiros que explicou a dinámica correctamente foi William Ferrel. A teoría correcta tardou varias décadas en aceptarse, e aínda hoxe a teoría na forma orixinal de Hadley pode encontrarse ocasionalmente publicada, especialmente en libros populares e páxinas web.[3] A teoría de Hadley foi a teoría xeralmente aceptada durante un tempo longo dabondo como para que o seu nome quedase universalmente ligado ao padrón de circulación na atmosfera tropical. En 1980 Isaac Held e Arthur Hou desenvolveron o modelo Held-Hou para describir a circulación de Hadley.
A rexión na cal o movemento cara ao ecuador de masas de aire converxe e ascende denomínase zona de converxencia intertropical ou ZCIT. Dentro desa zona orixínanse unha banda de borrascas que producen intensas precipitacións.
O aire descendente é seco, xa que perdeu a maioría do seu vapor de auga ao condensarse e precipitar na rama ascendente da circulación da célula de Hadley. A medida que o aire descende, orixínanse humidades relativamente baixas conforme o aire quece adiabaticaemnte por compresión polo aire que está encima, producindo unha rexión de maiores presións. Os subtrópicos son zonas relativamente ausentes de convección ou de tormentas, que eran tan comúns no cinto ecuatorial. Moitos dos desertos do mundo están localizados nestas latitudes subtropicais.
Hai algunhas evidencias de que a expansión das células de Hadley está relacionada co cambio climático.[4] A maioría das rexións áridas da Terra están localizadas en áreas por debaixo da parte descendente da circulación de Hadley a uns 30º de latitude.[5] Estes modelos mostran que a célula de Hadley se expandirá co incremento da temperaturamedia global (quizais uns 2º de latitude durante o século XXI.[6]). Isto podería orixinar grandes cambios nas precipitacións nas latitudes situadas nos límites das células.[5] Os científicos temen que o quecemento global podería traer cambios nos ecosistemas nos trópicos profundos e que os desertos se farán máis secos e se expandirán.[6] A medida que as áreas arredor dos 30º de latitude se vaian facendo máis secas, os habitantes da rexión recibirán menos chuvias que as que tradicionalmente esperan, o cal podería causar dificultades na produción de comida e a habitabilidade.[7] Hai fortes evidencias de que houbo cambios paleoclimáticos na selva de África central contra o ano 850 a.C.[8] Probas palinolóxicas (pole fósil) indican un cambio drástico no bioma da selva cara a un bioma de sabana aberta como consecuencia dun desecamento a grande escala non conectado necesariamente cunha seca intermitente senón quizais cun quecemento gradual. Unha hipótese que concorda cos datos é que unha diminución na actividade solar reduce a extensión latitudinal da circulación de Hadley e fai descender a intensidade do monzón de latitudes medias, orixinando un aumento do desecamento en África central e occidental e incrementando a precipitación en zonas temperadas ao norte. Mentres tanto, as bandas de borrascas en latitudes medias nas zonas temperadas incrementáronse e movéronse cara ao ecuador.[9]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.