Baza é unha cidade e un concello da provincia de Granada, España, na comunidade autónoma da Andalucía, cunha área 544,48 km² e cunha poboación total de 21.600 habitantes no ano 2004.
Datos rápidos Localización, Capital ...
Pechar
A cidade foi identificada coa antiga Basti, capital do pobo prerromano dos bastetanos, da que se coida que o nome actual é unha continuación, con troca do grupo consonántico -st- > -z-, como se observa noutros casos.
A grande antigüidade de Baza propiciou a formación dun extenso legado monumental do que cómpre destacar:
- Alcazaba, no centro histórico, sobre a antiga medina. Fica só unha parte do gran recinto que foi, con fases que remontan aos séculos XI-XII, outras do XV e as derradeiras do XVI.
- Baños da Xudaría ou baños árabes, a pesar do seu nome posibelmente tardíos. Constitúen un dos exemplos máis antigos de baños urbanos na Península Ibérica. Áchanse situados nun soto dunha vivenda, preto da Porta de Salomón. "Redescubertos" en 1975, foron restaurados e declarados Monumento Nacional.
- Conxunto monumental da Praza Maior, con varias edificacións: a Concatedral, do século XVI; o antigo Cárcere, do século XVIII; o antigo Seminario Maior, con elementos mudéxares; o Museo Municipal (antiga Casa do Concello) do século XVI, e aínda o Casino Bastetano do século XIX.
- Edificio da Alhóndiga, do século XVI, na rúa do seu nome, con patio porticado, que será anexado co veciño Museo Municipal, para ampliar este.
- Praza do Arco da Magdalena, situada a pouca distancia da Praza Maior, con acceso á Concatedral, está xusto onde se abría unha das entradas da muralla que arrodeaba a cidade medieval. Sitúanse nela algúns edificios singulares: Casa da Cultura (antigo Casino de Artesanos), de estilo neoclásico con elementos mudéxares; o edificio da antiga Audiencia, no que se pensa situar a xerencia de urbanismo municipal; Edificio Cervantes.
- Pazo dos Enríquez, exemplo de pazo renacentista, concibido como unha vila de campo ao xeito italiano, o que o converte en único en Andalucía. Foi mandado construír por D. Enrique Enríquez e súa esposa Dª María de Luna, tíos dos Reis Católicos. Desde a súa construción inicial en 1506, sufriu varias modificacións até chegar ao seu actual.
- Os Caños Dorados: xunto á Porta do Peso, construídos no século XVII como bebedoiro para os viaxeiros que se achegaban a Baza.
- Balconadas de Palo, son dúas casas mudéxares do século XVI nos límites do arrabalde de Algedid. Posúen uns balcóns de madeira sobre canzorros con pés-dereitos e celosías.
- Casa das Antigas Carnicerías, outro exemplo de arquitectura mudéxar, con balconada de estrutura semellante á das casas anteditas.
- Pazo do Infantado, con fachada de perpiaño e poucos ocos, destacando a súa decoración plateresca e heráldica.
- Cine Ideal, con fachada de máis dun século de antigüidade.
- Teatro Dengra, un dos máis emblemáticos da provincia de Granada. En restauración.
- Real Pósito, data de 1762, durante o reinado de Carlos III. Con fermoso patio con galerías.
- Praza de Touros, de 1903, edificación singular, pois parte do recinto fíxose escavando un teso, para converter en coso e bancadas a parte baleirada.
- Praceta dos mouriscos ou de "as tetas", no barrio de San Juan, coa Casa das Tetas, casa de estilo mudéxar, da que ven o nome popular do sitio.
Edificacións relixiosas
- Concatedral ou Igrexa Maior, levantada sobre a antiga mesquita da alxama musulmá. Comezada en 1529, en estilo gótico, foi destruída por un terremoto en 1531, reedificándose en estilo renacentista por Alonso de Covarrubias. Ten tres naves cubertas con bóvedas de crucería e deambulatorio.
- Claustro do antigo Convento de San Francisco, parte do claustro do desaparecido convento de San Francisco (século XVI) A principios da década de 1980 foi levado para a súa localización actual no recinto da Alcazaba.
- Ermida de San Marcos ou do Humilladero. Das poucas ermidas que se conservan das varias construídas tras a conquista cristiá. De estilo barroco, salientan as dúas cúpulas de media laranxa da cuberta.
- Ermida de Santa Rita
- Ermida de San Sebastián
- Igrexa e convento de Santo Domingo. Aínda que moi transformados e parcialmente destruídos, tanto a igrexa como o convento despois da súa desamortización, conservan elementos importantes deste conxunto construído a comezos do século XVII a igrexa construíuse entre 1608 e 1617). De todo o conxunto sobrancea moi especialmente o seu claustro con dúas ordes de arcadas sobre columnas toscanas. Tamén son de salientar a escaleira monumental desde a que se accede ao interior do antigo convento, cuberta pola cúpula, e a portada da igrexa.
- Igrexa e convento de San Antón. Rematada en 1663, formando parte do convento de franciscanos recoletos que se estableceron no mesmo lugar desde 1609. O templo consta de tres naves, cuberta con bóveda de canón e coro alto nos pés. De propiedade privada.
- Igrexa e convento da Mercé, de inicios do século XVI. Igrexa con planta de tres naves con capela maior cuberta por bóveda de crucería e coro alto na entrada, onde se abre a portada de fins do século XVIII de mármore gris. Interesante camarín barroco con imaxe da Virxe da Piedade, copatrona de Baza. O convento está ocupado por unha comunidade franciscana.
- Igrexa e convento da Presentación, a salientar un artesoado de madeira, decorado con policromía nunha das dependencias e máis o claustro anexo á igrexa.
- Igrexa dos Dolores (antigo Oratorio de San Felipe Neri). É a única igrexa puramente barroca da cidade. Construída en 1702. Sitúase pegada ao Pazo Episcopal, levantado en 1775. O templo é de planta de cruz latina con bóveda de media laranxa no cruceiro e tres naves, maior a central con bóveda de medio canón e lunetos. A portada é de dous corpos, con columnas salomónicas no inferior e semicolumnas corintias o superior. Extraordinario camarín rococó no testeiro, entallado en madeira e con bóveda de xeso de enorme interese artístico.
- Igrexa de San Juan. Construída sobre a mesquita que se levantaba neste mesmo lugar, xunto á Puerta de Armesto, no século XVI, responde ao modelo mudéxar tan frecuente na cidade e comarca. Posúe tres naves, a central de maior altura.
- Igrexa de Santiago. Construída sobre da mesquita do arrabalde de Marzuela a inicios do século XVI, con importantes reformas no XVII. Constitúe o mellor exemplo de estilo mudéxar de Baza. Planta con tres naves e coro alto nos pés.
- Mosteiro de San Xerome. Construído so o patrocinio da familia Enríquez-Luna e xunto do seu pazo, desde o cal podían asistir aos oficios relixiosos a través dunha algorfa ou pasadizo elevado que accedía directamente á capela maior. A igrexa rematouse en 1690, aínda que as primeiras obras foran acometidas en 1502. O mosteiro, que foi moi importante na comarca practicamente desapareceu.