Balouta
From Wikipedia, the free encyclopedia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Valouta (oficialmente, Balouta) é unha aldea do concello leonés de Val de Ancares (chamado Candín até 2023), na comarca do Bierzo. A Valouta pertence, canda o resto do municipio, ao ámbito lingüístico do galego oriental. O galego do antigo concello de Candín denomínase dialecto ancarés[1]. En 2020 tiña 19 habitantes.
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Estado | España | |||
Comunidade autónoma | Castela e León | |||
Provincia | provincia de León | |||
Identificador descritivo | ||||
Código postal | 24433 | |||
A Valouta atópase ao noroeste da provincia de León, nos lindes coa provincia de Lugo e con Asturias. Esténdese rodeada de suaves elevacións cuxas ladeiras se manteñen verdes durante os meses de verán. A Valouta foi até finais do século XX o máximo expoñente das ancestrais vivendas chamadas pallozas. A arquitectura ten mudado co tempo, mais segue a ser o lugar de León onde máis casas-palloza se conservan[2].
Pertence ao partido xudicial de Ponferrada e dista 18 km do núcleo de Candín, capital do concello, a onde se accede a través do porto de Ancares (coñecido tamén como porto Vello de Antero ou da Madalena) a máis de 1600 msnm[3]. A aldea está situada na confluencia de tres regatos (río de Santadores, regueiro de Arneiroso e río do Acevalón) que dan orixe ao río da Valouta, pertencente á conca fluvial do río Navia (vertente cantábrica). Xa que logo, a Valouta, ao igual que Suárbol, está orientada cara a Galiza. O seu territorio está limitado polo sur por un contraforte da serra de Ancares chamado serra Bruteira, que o separa da parte do concello correspondente ao Val de Ancares (conca do Sil-vertente atlántica). Polo norte levántase a serra do Mingatón, alén da cal está Asturias. A saída natural do val, río da Valouta abaixo, leva ao concello galego de Navia de Suarna. En 1984 solicitouse que fose recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC)[3].
A arquitectura da Valouta corresponde ao modo de vida peculiar dos seus habitantes e estivo dende os seus comezos adaptada ás necesidades e ocupacións dos mesmos. A economía baséase na agricultura e gandaría, que en xeral responden ao autoconsumo.
O tipo tradicional de vivenda foi a palloza e consérvanse fotografías moi antigas —algunha de 1915 feita polo antropólogo Julio Caro Baroja— en que pode verse como a localidade estaba inzada de pallozas e outros teitos auxiliares. Noutras fotografías máis recentes, de 1975, tamén pode verse que aínda había un número importante destas construcións. Existen ademais casas edificadas en pedra e con tellado de lousa, a maioría aproveitando unha antiga palloza reconvertida. En calquera caso, Balouta presenta unha arquitectura popular sen contaminar[2].
Nesta zona as pallozas son de liñas arredondadas, acomodándose ao desnivel do terreo. Algunhas son bastante grandes, chegando a medir máis de 10 m de longo e os seus muros -duns 2 m de alto- son de pedra calcaria de lousa. A cuberta é a catro augas teitada con palla de centeo coa técnica à paleta e rematan a cumeira ou cume dunha maneira moi orixinal facendo un trenzado cos cugulos de palla que ademais de ser un elemento útil, resulta atractivo. Este trenzado é dobre nas cabeceiras dos testeiros que é onde o vento azouta máis e hai máis perigo de deterioración. Por enriba é costume colocar unhas laxas planas de lousa para maior suxeición. Nun dos costados alongados ábrense os vans que son dúas portas de acceso á vivenda e de entrada á corte. O armazón é de madeira, ennegrecida polo fume ao longo dos anos.
No interior consérvase mobiliario antigo e aveños en bastantes casas. Outras foron cambiadas para uso exclusivo de palleira ou corte e os seus habitantes mudáronse a outra casa próxima, tamén de pedra pero con tellado de lousa, aproveitando as comodidades modernas. O mobiliario e aveños conservados consisten en escanos[3], maseras, garmalleiras ou pregancias (cadeas para guindar o pote), ferramentas para fabricar zocas, mallos, paletas de teitar, candeleiros (artefacto para iluminar)[2],e brabanzóns para abater xabaríns[4].
No ano 2013 só quedaba un hórreo ao uso, teitado con palla de centeo. O edificio álzase sobre catro paredes construídas de pedra louseña. Nunha delas ábrese unha porta que dá acceso ao espazo onde se gardan algúns apeiros ou ás veces o carro ou mesmo un tractor. O hórreo aséntase sobre catro patas de madeira chamadas pegollos. Sobre as patas hai unha laxa ou moa que evita a escalada dos roedores. Entre o chan do hórreo e o teito do almacén de pedra hai un pequeno espazo de ventilación chamado camaranchón que ás veces se aproveita para colocar as restras de millo á espera do secado. O teito é de palla de centeo feito coa técnica à paleta, cun acabado infrecuente no cume: trátase dun trenzado de palla ben anoado que proporciona un aspecto artístico. Na súa orixe a cúspide non estaba cuberta co clásico sombrerete de metal que mostra neste ano de 2013[5].
O lugar ten unha igrexa dedicada a Santiago, con algunhas imaxes valiosas. Hai unha casa antiga que ostenta un escudo nobiliario. Consérvanse as ruínas dunha antiga trampa para lobos (con cebo vivo) coñecida no lugar como Corralón dos Lobos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.