Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha auca é un xénero de historia en imaxes desenvolvido principalmente en Cataluña. O plural de auca en catalán é auques.
A auca estivo presente noutras partes de España, aínda que era popular principalmente en Cataluña. Ten unha estrutura algo semellante á dos cómics, dos que é precursora, pero aìnda ten unha estrutura máis ríxida. A auca ten un número de imaxes que se poden dividir uniformemente por 4 (normalmente 48, o mesmo que as casiñas do xogo da auca, distinto do xogo do ganso ou da oca que adoita ter 63), todas as imaxes son do mesmo tamaño, caben todas nunha páxina e hai un pequeno fragmento de texto, chamado rodolí debaixo de cada imaxe, normalmente en lingua catalá e desde o século XIX tamén rimaba.
A auca comezou como un xogo de cartas con cartos. As cartas posibelmente tamén se empregasen para adiviñar, a xulgar polas imaxes que apareceron inicialmente nelas - a Lúa, o Sol, estrelas e animais, entre eles un ganso, que deu nome ao xogo - auca significa "ganso" en dialectos noroccidentais do catalán (oca no catalán estándar moderno). A auca máis antiga que se conserva foi creada por Pere Abadal en 1670 en Moià. O xogo estivo prohibido ao longo dos séculos XVII e XVIII, o mesmo que o xogo da auca, e aos poucos converteuse nunha forma de arte na que todas as imaxes aparecían nunha mesma páxina e tiñan un tema unificador, inicialmente artes, manualidades, xogos infantís e animais.
No século XIX a auca alcanzou o seu pico artístico e converteuse nunha completa forma de arte e nicho editorial. Os temas das historias de auca foron máis variados e incluíron historia, biografía, historias morais tradicionais e fábulas. Foi entón cando o texto debaixo das imaxes tomou a forma de dúas liñas rimadas. Os artistas de auca máis importantes daquela foron os barceloneses Josep Piferrer e Ignasi Estivill e os valencianos Agustí Laborda e Ildefons Mompié .
A estrutura da auca tamén inspirou a obra de Santiago Rusiñol L'auca del senyor Esteve (A auca do señor Esteve), unha historia realista, moitas veces humorística, sobre unha familia orientada aos negocios que de súpeto ten que lidar coa orientación artística do mozo herdeiro.
A finais do século XIX o xénero da auca comezou a decaer. Moitas aucas novas simplemente repetían temas antigos. Nese momento, porén, as aucas foron levadas a Madrid, onde se coñeceron e acolleron ben. Produciuse unha serie de aucas castelás chamadas Aleluya con temas das festas católicas.
No século XX e mesmo no XXI a auca seguiu sendo un xeito de expresión catalán único. Aucas máis novas están sendo producidas regularmente por artistas cataláns, incorporando estilos artísticos máis novos, pero mantendo a forma establecida de 48 imaxes con dúas ou catro liñas de texto rimado.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.