O atlas é a primeira vértebra cervical (C1) que se artella coa cabeza. Estruturalmente presenta moitas diferenzas co resto de vértebras cervicais, sendo que carece de corpo vertebral o seu trazo máis distintivo.
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Atlas.
Datos rápidos
Atlas (vértebra)
Primeira vértebra cervical ou Atlas
Ligamento atlantoaxial e membrana atlantooccipital posterior (Atlas visible no centro)
Pechar
A diferenza do resto das vértebras cervicais, presenta:
Masas laterais: son dúas estruturas cúbicas, polo tanto con seis caras. Cada masa lateral artéllase por riba cun cóndilo occipal do cranio e por debaixo coa apófise articular superior da vértebra C1 ( o axe). Por diante continúanse co arco anterior. Por detrás continúanse co arco posterior. As caras internas presentan unha superficie irregular onde se insire o ligamento transverso do atlas, que divide o espazo entre os dous arcos nun anterior e outro posterior. As caras externas son ceibes. As superficies superiores, que teñen forma de feixón e son cóncavas, presentan dúas cavidades, que se articulan coa concha do occipital. É unha dobre articulación con movementos de flexión e extensión. As superficies inferiores, que son case circulares e planas, articúlanse coa segunda vértebra cervical (axe), establecendo unha artrodia con pequenos deslizamentos.
Arco anterior: vai de masa lateral a masa lateral por diante. O bordo anterior presenta o tubérculo anterior. O bordo posterior presenta unha superficie articular para a apófise odontoide do axe. Forma parte da articulación anterior atloidoodontoide. É unha articulación trocoide, con movementos de rotación.
Arco posterior: vai de masa lateral a masa lateral por detrás. Na parte máis próxima ás masas laterais hai un suco para a arteria vertebral, unha de cada lado. Ascenden ó endocranio e forman o tronco basilar. No bordo posterior do arco hai outro tubérculo, o posterior.
Espazo anterior: queda delimitado polo bordo posterior do arco anterior e a parte anterior do ligamento transverso do atlas. Estará ocupado pola apófise odontoide do axe.
Espazo posterior: queda delimitado polo bordo posterior do ligamento transverso do axe e polo bordo anterior do arco posterior. Estará ocupado pola medula espiñal e demais elementos adxacentes.
É a articulación que artella o atlas co occipital. A articulación establecerase entre as superficies superiores das masas laterais e os cóndilos occipitais. Funcionalmente é unha bicondílea, con movementos de flexión-extensión do pescozo.