Remove ads
Sátrapa e rei de Capadocia From Wikipedia, the free encyclopedia
Ariarates I (en arameo: Ariorath ou Ariourat; en grego antigo: Ἀριαράθης: Ariaráthēs; 405/4 a.C. – 322 a.C.) foi o derradeiro gobernador (sátrapa) da provincia (satrapía) de Capadocia cando formaba parte do imperio Aqueménida. Gobernouna do 340 a.C até o 331 a.C. Estivo á fronte da defensa do territorio contra a invasión macedonia de Alexandre o Grande, e loitou tamén na batalla de Gaugamela con Darío III, o derradeiro rei aqueménida.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | valor descoñecido Capadocia, Turquía |
Morte | 322 a. C. |
Causa da morte | pena de morte |
Sátrapa | |
Rei | |
Actividade | |
Ocupación | gobernante |
Carreira militar | |
Lealdade | Imperio Aqueménida |
Familia | |
Familia | Ariarathid dynasty (en) |
Pai | Ariamnes I de Capadocia |
Descrito pola fonte | Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft |
Coa desaparición do imperio aqueménida, Ariarates seguiu a loitar contra Alexandre e creou o Reino de Capadocia, establecendo a dinastía Ariátida. Finalmente foi capturado e, posteriormente, executado polo xeneral macedonio Pérdicas, no 322 a.C., sendo o seu territorio anexionado e despois disputado entre varios dos sucesores de Alexandre e os seus xenerais.
Fundou a dinastía homónima Ariarátida, unha familia iraniana que reivindicou a descendencia de Ciro o Grande, o primeiro rei do Imperio aqueménida persa, e Anafas, un dos sete conspiradores persas que mataron o falso Esmerdis.[1][2][3][4][5] Con todo, os seus sucesores recuperaron o control de Capadocia e gobernaron o reino até o 96 a.C., durando tres séculos antes de ser incorporado como provincia ao imperio romano.
"Ariarathes" é a forma grega dun antigo nome iraniano, quizais *Arya-wratha ("tendo ledicia aria").[6] O nome aparece en arameo como Ariorath ou Ariourat, e en fontes latinas máis tardías como Ariaratus.[7][8][9]
A pesar de que os detalles sobre a vida de Ariarates son escasos,[2] sábese que naceu no 405-404 a.C.; era fillo de Ariamnes e tivo un irmán chamado Orofernes (ou Holofernes).[1][10] Durante o reinado do emperador aqueménida Artaxerxes II (404-358 a.C.), Ariarates I e a súa familia eran oficiais menores na satrapía de Capadocia na época en que estaba gobernada por Datames.[1][11] Tralo asasinato de Datames no 362 a.C., posiblemente durante o ascenso de Artaxerxes III (358-338 a.C.), Capadocia foi dividida en dúas satrapías, unha ao norte e outra ao sur,[12][13] como resposta ao poder que Datames acumulara durante o seu goberno e para mellorar a eficacia da administración.[1]
Cara ao 340 a.C., Ariarates converteuse no sátrapa da Capadocia do norte, sucedendo ao seu pai Ariamnes, e controlou o territorio que máis tarde houbo se converter no Reino do Ponto.[1][14] A estabilidade do territiorio de Ariarates I permitiulle enviar tropas provinciais a Artaxerxes III na campaña de pacificación de Exipto.[15]
Durante o reinado de Darío III (336-330 a.C.), o exército macedonio mandado por Alexandre o Grande (336-323 a.C.) invadiu o imperio persa.[1] Capadocia e máis Frixia convertéronse en territorios onde se concentrou a resistencia aqueménida.[11] Esta resentiuse de perdas como a morte de Mitrobuzanes, o gobernador da veciña satrapía de Capadocia do sur, que morreu na batalla do río Gránico, no 334 a.C.[1] No entanto, o substituto nomeado polos macedonios, Abistamenes (que os gregos denominaron como Sabictas)[16] non puido establecer a súa autoridade sobre este novo territorio conquistado e desapareceu, posteriormente, na escuridade. Capadocia seguiu a ser un punto importante da resistencia aqueménida e tamén foi usada como proba para unha campaña para conseguir conquistar Anatolia occidental.[1] Afortunadamente para Ariarates, o seu territorio non se viu afectado pola invasión e conseguiu establecerse como unha figura clave que lideraba a resistencia en Capadocia,[1][17] e posteriormente mandou tropas na batalla de Gaugamela en 331 a.C. Logo da derrota en Gaugamela, continuou resistindo aos macedonios desde a súa base en Gaziura (Gazioura) até a súa morte.[11][18]
No 323 a.C., trala morte de Alexandre, Capadocia foi concedida a Eumenes de Cardia,[19] que estableceu a súa base militar en Gaziura[20] mais non puido imporse a Ariarates I e consolidarse no trono pois Capadocia non fora subxugada totalmente por Alexandre. Esta situación agravouse para Eumenes pola súa incapacidade para obte-lo apoio doutros sátrapas polo que pediu axuda a Pérdicas,[21] daquela rexente do rei macedónico Filipo III quen, precisando gobernadores leais ao seu carón, decidiu axudar a Eumenes a domina-los territorios de Ariarates.[17] No verán do 322 a.C. Pérdicas e o exército macedonio entraron en Capadocia e se enfrontaron a Ariarates,[22] quen tiña sona de ser moi rico e conseguira crear unha forza composta por lugareños e mercenarios.[23] Ariarates foi derrotado e capturado. De seguido, el e a maior parte da súa familia foron crucificados.[18][19]
Ariarates I cuñou moedas de campaña en Sinope e Gaziura con lendas en arameo, a lingua imperial dos Aqueménidas. No anverso, dunha das moedas de Ariarates I de Gaziura, preséntase unha impresión semellante a un Zeus do deus Baal con coroa e cetro na man esquerda,[5][19] mentres na súa man dereita, sobre a que se pousa unha aguia, a figura sentada garda espigas e unha póla con uvas. Neste anverso, tamén aparece a inscrición b'lgzyr ("Ba'al Gazir; é dicir "Señor de Gaziura").[19] No reverso , aparece un grifón atacando un corzo de xeonllos co nome de Ariarates I inscrito como rywt.[5]
Estilisticamente, esta edición en particular da cuñación de moedas por Ariarates I, aseméllase ás moedas emitidas polo sátrapa aqueménida Maceo en Tarso de Cilicia.[5][19] A iranióloga Mary Boyce e mailo historiador Frantz Grenet observan que a figuración de Zeus dun Baal sentado podería representar o zoroastriano Ahura Mazda ou, quizais, un Mitra.[19][24]
As moedas cuñadas en Sinope por Ariarates I, teñen semellanza estilística a temas gregos da mesma cidade, pero presentan o nome de Ariarates I en arameo.[19] No anverso das moedas de Sinope, a cabeza da ninfa local Sinope é representada usando un esfendón dentro dun bordo punteado.[7][8] No reverso, aparece unha aguia con ás sobre a parte superior dun golfiño, baixo o cal está inscrito o nome de Ariarates I.[5][7]
Uns cantos anos após a morte de Ariarates I, Antígono I Monóftalmos, un antigo xeneral anterior de Alexandre, executou a Eumenes e tomou o control de Capadocia.[18][19] O territorio pasou a Lisímaco (306–281 a.C.), Rei de Tracia, Asia Menor e Macedonia, pero foi conquistado por Seleuco I Nicátor (305–281 a .C.), Basileus do imperio Seleúcida.[19] Ámbolos dous eran Diádocos ("sucesores") de Alexandre
Durante esa época, a Capadocia do sur era considerada, para os seleúcidas, como máis relevante dende o punto de vista estratéxico cá do norte polo que durante un tempo estivo controlada por eles. Tralas mortes de Lisímaco e Seleuco, a Capadocia do norte, que estivera unha vez dominada por Ariarates I, foi incorporada ao Reino do Ponto, creado por Mitrídates I.
Uns cantos anos máis tarde, cara ao 270 a.C., Ariamnes II, neto de Ariarates, recuperou o control da Capadocia do sur, é dicir, o Reino de Capadocia, e cara ao 255 a.C., e el ou o seu fillo Ariarates III, conseguiron a independencia dos Seleúcidas.[2][18] Deste xeito, os sucesores de Ariarates I, gobernaron o Reino de Capadocia até o 96 a.C. en que por mor dunha intervención romana, foron substituídos polos Ariobarzánidas.[1][18]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.