From Wikipedia, the free encyclopedia
Os aqueos[1] (en grego: Ἀχαιοί, Akhaioi) foron unha das catro tribos principais nas cales o pobo da Grecia clásica se dividía a si mesmo (xunto cos eolios, xonios e dorios). Segundo o mito fundacional formalizado por Hesíodo, o seu nome provén de "Aqueo", o fundador mítico da tribo aquea, quen supostamente era un dos fillos de Xuto e Creúsa medio irmán de Ión (devanceiro epónimo dos Xonios). Xuto era á súa vez o fillo de Helén, o patriarca mítico da nación dos gregos.[2]
Historicamente, os membros da tribo aquea habitaron a rexión de Acaia no norte do Peloponeso. Os aqueos xogaron un papel activo na colonización grega do sur de Italia, fundando a cidade de Kroton (Κρότων) en -710. A cidade acadou a fama logo de ser o lugar onde se fundou a Escola Pitagórica.[3] Ó contrario que as outras tribos principais (xonios, dorios e eolios), os aqueos non tiñan un dialecto de seu no período clásico e falaban o grego dórico.
A Argólide converteuse no seu feudo e desde ela dominaron o resto de Grecia. Homero fala así de «Aqueos» ou de «Arxivos» para designar o conxunto dos gregos reunidos ante Troia. Os seus centros principais eran as cidades de Argos, Tirinto, Pilos, pero sobre todo Micenas, de onde vén o nome de civilización micénica para o período que vai do século XVII ao XII antes da nosa era, aproximadamente. A caída do dominio micénico atribuíuse tradicionalmente á invasión doria, pero hoxe se pensa que a grande invasión foi máis ben unha serie de pequenas incursións, espazadas no tempo.
Segundo Margalit Finkelberg[4] o nome Ἀχαιοί/Ἀχαιϝοί deriva posiblemente da forma *Ἀχαϝyοί, hipoteticamente da forma grega antiga[5] para a palabra hitita Aḫḫiyawā; esta última forma aparece en arquivos hititas, como na carta Tawagalawa. Porén, Robert S. P. Beekes dubida da súa validez e suxire a forma pregrega *Akaywa-.[6]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.