En bioquímica, dous biopolímeros presentan antiparalelismo ou son antiparalelos se discorren paralelamente un con respecto ao outro pero en direccións opostas. Un exemplo son as dúas cadeas complementarias que forman a dobre hélice do ADN, que discorren en direccións opostas (por onde empeza unha acaba a outra).
Ácidos nucleicos
- Artigos principais: ADN, Replicación do ADN e Transcrición xenética.
As moléculas de ácidos nucleicos teñen un extremo 5', por onde se considera que empeza a cadea, cun grupo fosfato, e un extremo 3' cun grupo hidroxilo, por onde acaba. Se nun extremo dun ADN bicatenario está o extremo 5' dunha das cadeas, alí está o extremo 3' da outra cadea, xa que son antiparalelas.
Cando se realiza a transcrición xenética cópiase unha molécula de ARN complementaria en dirección antiparalela a partir do ADN molde ou antisentido; neste caso a ARN polimerase sintetiza o novo ARN en dirección 5'→3', movéndose sobre o ADN desde 3' a 5'.
Durante a replicación do ADN a ADN polimerase replica o ADN tamén de forma antiparalela de xeito similar ao da transcrición.[1] A estrutura antiparalela é importante na replicación do ADN, xa que a ADN polimerase sempre sintetiza en dirección 5'→3', polo que as dúas febras novas sintetízanse en sentido contrario, e unha sintetízase de forma continua e rápida (a febra líder) e a outra de forma lenta e descontinua formando fragmentos de Okazaki (a febra ratardada).
Cuádruplex G
Os quádruplex G (G-quadruplexes), tamén coñecidos como ADN G4 son estruturas secundarias atopadas nos ácidos nucleicos que son ricas en guanina (G).[2] Estas estruturas están normalmente localizadas nos telómeros (os extremos dos cromosomas). Os cuádruplex G poden ser paralelos ou antiparalelos dependendo da configuración do bucle, que é un compoñente da estrutura. Se todas as febras de ADN discorren na mesma dirección, dise que o cuádruplex é paralelo, e coñécese como de febra reversa/hélice propulsora, que conecta febras paralelas adxacentes. Se unha ou máis das febras de ADN discorren en dirección oposta, denomínase quádruplex antiparalelo, e pode estar na forma lateral/de costado, conectando febras antiparalelas, ou diagonal, unindo diagonalmente dúas febras opostas.[3] A estrutura destes cuádruplex G pode determinarse por un catión.
Polipéptidos
As cadeas polipeptídicas teñen un extremo C-terminal cun grupo carboxilo (COOH), que é por onde se considera que empezan, e un extremo N-terminal cun grupo amino (NH2), que é por onde se considera que rematan. Dúias cadeas polipeptídicas son antiparalelas se están dispostas de modo que onde unha ten o extremo C-terminal a outra ten o N-terminal. Se as dúas teñen o extremo C-terminal no mesmo lado, entón son paralelas. Isto é importante na estrutura secundaria en folla beta.
Folla beta
- Artigo principal: Folla beta.
Moitas proteínas poden adoptar unha disposición en folla beta antiparalela como parte da estrutura secundaria dunha soa cadea polipeptídica, ou como a estrutura adoptada por varias cadeas polipeptídicas colocadas en paralelo, como ocorre nas beta-queratinas. Nas follas beta, seccións dunha mesma cadea polipeptídica poden discorrer paralelas unhas ao lado das outras, formando entre elas pontes de hidróxeno entre os átomos de osíxeno dunha e os de hidróxeno (unidos a nitróxeno) situados enfronte implicados nos enlaces peptídicos entre os aminoácidos. Os enlaces son similares cando se trata de follas beta antiparalelas entre cadeas polipeptídicas distintas filamentosas situadas paralelamente, nas cales cando o cabo dunha empeza nun extremo C-terminal a outra nese punto acaba nun extremo N-terminal; as sucesivas cadeas que se unan así van alternando os seus extremos antiparalelamente. Non todas as follas beta son antiparalelas; existen tamén follas beta paralelas nas que todas as cadeas empezan no mesmo extremo por un C-terminal, e acaban todas no outro extremo nun N-terminal.
Complexos proteicos
Noutras asociacións de proteínas e complexos proteicos pode darse antiparalelismo cando as proteínas discorren paralelamente pero en direccións opostas.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.